Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os bruxos de Chávez

sábado, 26 de agosto de 2017
Que a vida está chea de casualidades é unha máxima que non podemos negar os que non cremos moito nelas porque a realidade, a miúdo, déixanos en mal lugar. Cóntolle...

Cando hai algo máis dun ano estiven trece días por Caracas, como calquera persoa interesada en tratar de entender por qué a realidade social dun país chega ós niveis de demolición nos que naqueles intres se atopaba xa Venezuela (nada comparable cos que hoxe mesmo reproduce), merquei varios libros pro e contra o réxime chavista co fin de ter unha visión contrapesada do estado da cuestión publicada.

Un deles foi "Los brujos de Chávez", un traballo de xornalismo de fonte directa que calquera debe ler se desexa atopar explicación a preguntas aparentemente sen resposta sobre a personalidade de Hugo Chávez.

Como pode comprender, cando cheguei a Maiquetía descoñecía por completo a relación que ó longo da súa vida mantivera o "comandante eterno" coa bruxería, o espiritismo, a botadura das cartas, e, sobre todo, coa santería cubana, de aí que me reclamara a miña atención a publicación, obra de David Placer, un xornalista que por información da lapela, naceu en Venezuela no ano 1978, licenciouse na Universidade Central daquel país, con formación complementaria na Pompeu Fabra de Barcelona e na Columbia de Nueva York e que hoxe exerce o xornalismo de negocios en "Economía digital", un diario radicado en Madrid e Barcelona.

Non procurei daquela ningunha información arredor do autor do traballo, entre outras cousas porque "Placer" non é "Piñeiro", nin "Carballo", nin "Quintairos" -poño por caso-, e, polo tanto, dando por suposto que tiña raigame española, ben podería ser esta de calquera recanto do mapa.

Sen embargo, cando hai unhas semanas recibimos unha solicitude na Casa dos Poetas, amosando o seu autor interese por dar a coñecer o traballo en Celanova, exclamei, sorprendido: "Pero, se este libro merqueino eu en Caracas!". Logo souben que a solicitude contou coa intermediación de Marha Blanco, outra xornalista venezolana que traballa en Madrid e que é orixinaria de Celanova e a explicación completa chegou cando Martha me explicou que David Placer, o seu autor, era orixinario de Rante.

Xa ve, benquerido lector, qué pequeno é o mundo e o ben poboado que o temos os ourensáns -tal como xa demostrou hai ben anos outro xornalista ourensán, como é Luís Menéndez- polos catro puntos cardinais.

De tódolos xeitos, se lle interesa a historia contemporánea daquel país, recoméndolle a súa lectura, non tanto porque fose escrito por un ourensán, canto porque, como indiquei ó inicio, nel descubrirá ata qué punto conxuros e amuletos -e mesmo remedos rituais da espada artúrica- sustentan en parte a profunda sen razón con formas de “paxariños, pío, pío” que hoxe ten colonizada a Venezuela.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES