Entre toda a polémica xurdida a raíz da xestión das visitas do pazo de Meirás, lembreime do gran Sergio Vences de quen tiven a honra de ser alumno no primeiro ano de carreira. Quen lea isto, tendo a sorte de compartir a miña honra, lembrará un home profundamente anárquico nos feitos e na organización das aulas; tratábase dunha anarquía doce que non gardaba ningún prexuízo a un alumnado que quería ao xeito socrático.
Nunha ocasión chegou e, sen mediar palabra no corredor, sinalou a un alumno e díxolle: "Usted, ¿Quién era la condesa de Pardo Bazán?" A resposta era tan evidente que se fixo o silencio ata que alguén dixo "¿Emilia?" Daquela o profesor deu un brinco de ledicia e contounos: "ya lo decía Doña Emilia <
> ¡y miren en qué manos cayó!" Hoxe Vences estaría, sen lugar a dubidas, ao lado dos que piden á devolución do pazo ao pobo.
Cousas da vida! A propiedade dunha auténtica revolucionaria (defensora dos dereitos da muller) rematou en mans dun dictador e do seus herdeiros... coido que tivo que doerse na súa campa do cemiterio de Meirás...
Observando a historia e tendo en conta que existe unha "Casa museo Emilia Pardo Bazán", hoxe sede da RAG, Meirás deberíase reconverter no espazo libertario no que a escritora abriu camiños de luz.
O que non podemos é apoiar a difusión de ideas que as democracias avanzadas consideran delito e, ao mesmo tempo, situarnos ao seu carón.
Pola miña parte seguirei engaiolado na lembranza e na poesía libertaria do meu querido profesor Vences.