Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

50 anos dos 'Versos frolecidos en loubanza de Foz'

jueves, 17 de agosto de 2017
Coñecimos a Manuel María e Saleta Goi a finais dos anos 50, sendo o que suscribe estudante de Maxisterio en Lugo. Eran noivos e formaban unha parella moi atractiva: ela era unha beleza e él un goapo mozo, de verdes e fermosos ollos e unha voz profunda, sonora, acariñadora.

Á hora de tomar as tazas, en ocasións coincidíamos nalgunha daquelas vellas tabernas luguesas, de tanto encanto. Nalgún momento producíuse a relación persoal e xurdíu unha mútua simpatía que de contado voltouse fondo afecto e amizade sincera que se mantivo ata o seu pasamento e permañece na persoa de Saleta e na lembranza de Manuel.

A primeira visita a Foz foi o ano do casamento (1959). Manuel encetaría entón, polo Carme, a longa relación de referencias á nosa vila cun artigo titulado La Vigen Marinera, publicado en El Ideal Gallego.

O ano 1964, volto do exilio, ven residir á nosa vila un ilustre persoeiro: don Ramón Fernández Mato, escritor, xornalista e político da República, parente do poeta, casado con dona valadourense; a circunstancia favorece a frecuencia das viaxes de Manuel e Saleta a Foz.

En 1966 convócase o I Certame de Xogos Florais Vila de Foz, no que actuou de mantedor, dada a súa amizade con Mato, o ilustre tribuno Eugenio Montes, entón agregado cultural da embaixada española en Roma, cunha intervención antolóxica. Preséntase Manuel María e gaña o primeiro premio e flor natural, co feixe de poemas Versos florecidos en louvanza de Foz.

A partir daí son incontables as ocasións nas que o vate se despraza á nosa vila, non só para participar en actos culturais, senon para pasar días de vagar. Manuel foi pregoeiro das festas de San Lourenzo 1969 e do Carme de 1994; das Letras Galegas, no Clube Náutico, en 1986; da Feira do Libro en 1988; pronunciou conferencias, asinou libros, fixo recitais dos seus poemas, asistiu a mesas redondas…

Tendo en conta estas consideracións, en acto público en agosto de 1996,pedimos que a Casa da Cultura levase o seo nome; petición que, dende a nosa condición de promotor e director entón da Feira do Libro, ratificamos por escrito ao señor alcalde o día 2 de abril de 1997, o que díu lugar ó acordo municipal, tomado por maioría absoluta.

A derradeira viaxe do poeta a Foz foi en abril de 2004, para atender un pedimento que se fixera dende o concello: asistir á inauguración do maratón de lectura, dedicado á súa obra.

Manuel María deixábanos cinco meses despois. O poeta endexamais será esquecido: aí está a súa obra para eternizalo; pero tampouco esqueceremos ó home quen tivemos o privilexio de ser seus amigos. A sabencia enciclopédica, a amenidade; a modestia e dozura; a tolerancia e xenerosidade e, sobre todo a súa bonomía, permañecerán para nós como os mais sobranceiros valores dun nome que fica gravado con letras de ouro na historia da nosa terra: Manuel María.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES