Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Son eu! Tranquilos!

domingo, 13 de agosto de 2017
O texto do evanxeo é continuación do do domingo pasado, que versaba sobre o coñecido relato da multiplicación dos bolos de pan e dos peixes. Terra e mar están alí presentes. Coma quen di, a Galiza do interior (a que sementa cereais) -a dos nosos labregos- e a dos mariñeiros, aqueles que converten os arados da terra en lanchas que saben labrar tamén ó seu xeito nas augas do mar. Pan e peixes; barcos pesqueiros e tractores como instrumentos de mariñeiros e labregos.

Cousa importante. Xesús dá primeiro de comer á xente. Aténdeos persoalmente con xenerosidade e despídeos con agarimo. Ós discípulos, mentres tanto, ordénalles iren para a outra banda do mar. Só despois irá Xesús ó monte a falar co seu Pai a soas, ó anoitecer. Por máis que Xesús estaba sempre, no seu traballo, no seu trato coa xente, en presenza do Pai, practicando, como modelo tamén para os futuros monxes, aquilo de “Ora et labora”, “Reza e traballa”.

Toda a vida e a mensaxe de Xesús son o resultado do seu trato íntimo, amoroso, confiado, co que era seu Pai. Pero seu Pai érao para el dun xeito especial, único. Xesús amosouse a todos nós como o verdadeiro Fillo de Deus. De maneira distinta a como somos tamén todos nós, grazas a el, fillos de Deus. El era o seu Fillo único, divino, da mesma natureza co seu Pai Deus, portador dos mesmos atributos divinos có seu Pai. Por iso se expresaba el distinguindo: “O meu Pai e o voso Pai”. Deus Pai era e é pai de Xesús e noso, de maneira distinta, aínda que verdadeira en ámbolos dous casos.

Os apóstolos van aprendendo pouco a pouco a veren a Xesús así. Xesús está interesado de maneira especial en Pedro, o que se vai poñer ó temón da nova igrexa que Xesús botará a vogar. Pedro ten que aprender a ter plena confianza en Xesús, un Xesús que é posuidor de todo poder. Un poder igual có do Pai. Un poder que lle pode a tódalas posibles ameazas. O mar foi sempre símbolo e paradigma dos medos, dos abismos perigosos, do descoñecido que ameaza, dos monstros, das tebras que non deixan entrar luz e a claridade nelas.

A nosa vida non é sempre un pasear nun xardín de rosas. Dende que empezamos a respirar os airiños deste mundo ata que deixemos de facelo, a nosa vida pasa por angustias, pequenos ou grandes fracasos, proxectos que non chegan ó fin desexado, etc. Mais velaí que Xesús, nome que por algo quere dicir xustamente “Salvador”, vén na nosa axuda, para darnos confianza en todo canto facemos. El está sempre aí para nos botar unha man, como fixo con Pedro.

Como cristiáns temos que ter esta confianza en Xesús. Un Xesús que é todo el poder e amor. E que practica iso, por máis que exerza este poder e amor de modos inesperados e insospeitados. Pois el ten o seu ritmo, que non ten por que coincidir co noso. El non conta só co tempo, limitado e curto sempre, senón tamén coa eternidade. Traballa a longo prazo cando non o fai a curto.

Non. Xesús non é unha pantasma. Como o podería ser a Santa Compaña dos nosos avós. O único que fan as pantasmas é producir medo e espanto. Mais nin Deus nin o seu Fillo Xesús están aí para nos asustar, angustiar ou aterrar. Todo o contrario. Xesús non lle presenta razóns concretas a Pedro para que non teña medo a andar sobre as augas. Simplemente fai referencia a si mesmo, presentándose como quen verdadeiramente é. O que ten todo o poder e todo o amor para os poñer á nosa disposición, contentándose con lles dicir ós discípulos e a un temeroso Pedro: “Tranquilos, que son eu”. Un “son eu” no que resoa claramente o “Eu son Iavé”, o “Eu son o que son” do nome co que se manifesta Deus a nós, un Deus ó tempo poderoso, bondadoso e pacífico.

É moi significativo que neste domingo, no que Xesús se presenta como poderoso e pacífico contra ameazas de calquera signo, se nos fale na primeira Lectura do Antigo Testamento do marabilloso encontro de Elías no monte con Deus. Tamén aquí Elías aprende a ver a Deus relacionado non co “rexo furacán”, co “tremor da terra” ou co “gran lume”. Uns fenómenos que se poden comparar coas ondas que proviñan do forte vento do mar e que sacudían a pequena barca dos discípulos de Xesús.

Sobre tales fenómenos dísenos no libro dos Reis que neles, é dicir, no furacán, no tremor de terra ou no gran lume, ”non estaba o Señor”. Si estaba, en troques, o Señor no case imperceptíbel “murmurio dunha airexa”, semellante a esa suave brisa ó anoitecer que ás veces nos pode vir do mar despois dun solpor de verán.

Deus é, pois, pacífico. E dicir, facedor e promotor de paz e non quere que nos asustemos ou angustiemos cos acontecementos que ocorren nas nosas vidas. Porque Deus é meirande en poder e en amor que calquera ameaza ou desgraza. Persoalmente, teño presente agora na lembranza aquel dito que lle oín hai moitos anos a un excelente director espiritual: “Todo o que angustia –dicía el- vén do demo”. Sempre me fixeron moito ben estas palabras. Con isto o que o mestre espiritual quería dicir é, tal como vos acabo de comentar, que Deus non está aí para nos angustiar ou meter medo. Polo contrario, el está aí para dar confianza e ánimo: “Tranquilos, que son eu”.

O mundo, tamén e de maneira especial o noso mundo actual, precisa de xentes que dean bo ánimo e “tranquilidade” a persoas afectadas polos medos, as dúbidas ou a pouca esperanza. Xesús chámanos a lles dicir coas nosas palabras e co noso comportamento a todos: Tranquilos, que Xesús segue a ser tamén hoxe salvador e dador de paz, de tranquilidade, de alegría.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania