Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As feiras do Páramo

lunes, 11 de junio de 2007
Calquera árbore é, segundo nos dixo Castelao: "engado dos ollos pola súa fermosura; unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; un arrolador do espírito, porque nas súas ponlas conta contos o vento... Val máis unha terra con albres nos montes que un Estado con ouro nos bancos”.
Pero, entre as árbores, os carballos eran sagrados para os nosos antergos, consagrados ó deus do trono, e símbolo de fertilidade. Sagrados son estes carballos para os Amigos deste Campo e para cantas e cantos axudaron a manter con vida esta sublime carballeira. Ela vén a ser o fértil útero no que se xerou orixinariamente, e cada ano volve a renacer en primavera, como non podía ser doutro xeito, este fillo ou esta filla: as Feiras e Festas do Páramo. Sagrados deben selo tamén para todos nós; porque tamén as súas altas copas, no seu ben compasado monótono fungar, repiten a cotío: “¡Desperta do teu sono, fogar de Breogán!”.
Unha vez escoiteille a un xove piñeiro de importación presumir diante dun vello carballo do país de rendibilidades a curto prazo, de que ós dez anos xa daba puntóns e ós vinte era medirable. O carballo retrucoulle que el non fora creado para dar puntóns, senón trabes de casas, chedas de carros, travesas para vías do tren, mesteres todos eles para os que é preciso ter unha rexa personalidade que non se improvisa en dez nin en vinte anos. É preciso ter lei e cerna coma os homes e mulleres destas terras.
As Feiras
Estas feiras xa non son o mesmo ca aquelas de cando eu e os da miña idade eramos pequenos. As diferencias, acordes cos tempos, son moi notables, pero paréceme que o substancial permanece.
Contoume un vello troveiro ó son da súa zanfona que as feiras foron invento dun poeta errante que as sementou a mans cheas, porque elas son a fonte máis abundante da metáfora, da hipérbole, da retranca, da linguaxe figurada, e en xeral da palabra fluída. Estas Feiras –e moitas outras dos nosos días- gozan da presencia de artesán do máis variado. Auténticos artistas do pobo que van sementando a nosa xeografía de verdadeiros museos itinerantes.
Aquelas feiras de antano eran tamén verdadeiras exposicións etnográficas nas que se daban cita as máis variadas profesións e oficios. Por citar só algunhas: cerralleiros, afiadores, trapeiras, zoqueiros, xamoneiros, piteiras, tendeiros, cesteiros, oleiros, trileiros, carteiristas, requicheiros, guarnicioneiros, albardeiros, xateiros, tratantes de porcino, mular e cabalar, vacas de vida e para morrer, meleiros, pordioseiros, parlanchíns, pulpeiras, violinistas cegos capaces de ler a letra miudiña das historias de crimes por infidelidades, etc., etc. Algunhas desas profesión mantéñense. Outras morreron. A súa morte merece loito rigoroso, porque con cada unha tamén finaron cen palabras que levaban asociadas.
Concurso Canino e Pase de Doma Cabalar
Todos valoramos a fidelidade dos cans, exemplar e superior moitas veces á de moitos humanos. Algunha asociación recoñece unhas trescentas cincuenta razas e cada raza tén as súas calidades peculiares: de pastoreo, de salvamento, de caza, de compañía, gardiáns, de suma elegancia, etc. Pero, sen menosprezar a ningunha raza con pedigrí nin pretender ferir a ningún dono, permitídeme que teña un recordo moi especial para os nosos cans de palleiro. Con tódolos respectos, compararíaos cos médicos rurais de medicina xeral, que atendían a tódalas doenzas ou cos labregos e, sobre todo, labregas que tiñan e teñen que saber de case todo.
Os cabalos e as eguas son dos animais domésticos máis fermosos e que máis facilitaron a vida dos humanos. Son modelo de enerxía e vitalidade, de tomar de novos folgos ante as dificultades, para facerlles fronte. Dise que se non fose pola doma dos cabalos estariamos aínda na prehistoria.
As marabillas que poden lograr cans e cabalos ben adestrados, lévanme a pensar en canto poderiamos lograr os homes e mulleres se puxesemos en xogo tódalas nosas capacidades. Pero tamén sei dun burriño que puxo todo o seu empeño en estudar para cabalo e non deu feito carreira. Non porque non tivese capacidades, senón porque tódalas prazas estaban xa adxudicadas de antemán por méritos ou por promoción interna ós fillos do “cuerpo”.
Desfile de Gando Vacún
Capítulo á parte merece o desfile de gando vacún do domingo. Se a doma do cabalo foi de gran importancia para a humanidade en xeral, penso que Galicia, sen as vacas, non existiría. E non só Galicia, pois como dixo tamén Castelao: “A vaca é a ama de cría da humanidade”. ¡Magoa que se impoñan cotas á capacidade produtiva e así haxa tantos sectores da humanidade desnutridos!.
Non podo nin quero pronunciarme en contra de ningunha raza de vacas, pero teño a obriga de destacar as teixas, por seren secularmente máis nosas e porque grazas a elas estou agora pronunciando este pregón, xa que elas foron as que pagaron os meus estudios. A elas pode aplicárselles mellor ca ningunha outra raza aquelas palabras do mesmo Castelao: “A vaca esqueceuse dos cornos e danos o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non nos podía dar máis”.
Con todo, ben están os concursos de Gando Vacún en xeral; que tamén Castelao escribíu que os concursos de vacas valen máis ca os concursos de “Belleza”.
Coa mecanización do campo as vacas quedaron máis descansadas e os homes tamén, pero ás vacas deshumanizáronas seleccionándoas en función da produtividade, inseminándoas contra natura, converténdoas en prisioneiras de por vida e trocándolles cálidos e familiares nomes coma o de Linda ou Marquesa por frías chapas na orella co número ES-091102309873.
Exposición de maquinaria
O comezo da utilización dos tractores marcou para os labores agrícolas o inicio dunha transformación radical na nosa agricultura. Tan radical que xa se parece en moi pouco á de hai cincuenta anos, mentres que a de hai cincuenta anos perecíase en moito á de hai dous mil. Moito lle debemos ós tractores e demais maquinaria agrícola. (E non poucos moito lles deben ós bancos para poderen ir estando ó dia na adquisición desa maquinaria necesaria, ou para poder pasarlle diante ó veciño. ¿Non podería moita desa maquinaria ser utilizasa de xeito máis cooperativista?
É moito de agradecer a presencia dos expositores que concorren en gran número ó Páramo mostrando os adiantos na maquinaria, signo do progreso que facilita moitos traballos; pero desexaría que a mecanización non nos dehumanizase tamén a nós, conducíndonos a un grao de autosuficiencia e individualismo que esnaquice as relacións de vecindade e de cooperación veciñal, ou a esquecer canto debemos a vellos apeiros; que tamén lle escoitei a un carro do país lamentarse por téreno relegado a peza decorativa repintado de amarelo nun xardín de novos ricos que nunca souberon do útil e imprescindible que foi nin sospeitan as suores con que os seus vellos donos engraxaban o seu eixe cada día.
Festas
Para rematar quero dicir unha palabra sobre os elementos festivos presentes nestes tres días. As orquestras, charangas, pasarrúas, grupo folk e foguetes son todos eles elementos que axudan á festa, pero eles sós non fan a festa. A festa é algo que nace de dentro da persoa, aínda que moitas veces precise da boa axuda do espectáculo, que é máis externo. Só os seres humanos temos capacidade de festexar e a festa celebra e reforza os vínculos de comunidade, vencéllanos con gratitude ó pasado, proxectándonos con esperanza cara o futuro e axudándonos a vivir con ilusión o presente. A festa é celebración da vida e os que somos crentes entendemos que é tamén celebración de Deus, fonte da vida, da amizade duradeira e do progreso humanizante.
(Do “Pregón das Feiras e Festas do Páramo”, 2007)
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES