Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O xuíz Pérez Fontán, vítima da gripe de 1918

jueves, 10 de agosto de 2017
Hai personaxes esquecidos inxustamente. Un deles é Fernando Pérez Fontán e Villarroel, xuíz en Mondoñedo entre os anos 1914 e 1918. Nacera na Coruña, cidade na que comezou a exercer a avogacía en 1903. Casado con Avelina Díez de Ure foi nomeado xuíz de primeira instancia con destino en Villafranca del Bierzo, axiña trasladado primeiro a Becerreá e logo á Cañiza, todo en 1911. No ano 1912 publica “Manual de los funcionarios judiciales”, unha obra de máis de 600 páxinas que se vendía a 4 pesetas e que se anunciaba que contaría con apéndices actualizados cada xaneiro dos anos sucesivos.

Chega a Mondoñedo para substituír a Enrique Freire Marquina a principios do mes de febreiro de 1914. No verán deste ano xa veranea en Benquerencia e en outono é enviado como xuíz especial a Viveiro para atender delitos electorais derivados das eleccións de xullo a deputado en Cortes polos que chega a procesar a unhas cen persoas, entre elas José Santiago Seijo, director do xornal El Vivariense. En decembro reincorpórase ao seu posto en Mondoñedo onde na primavera do ano seguinte nace un dos seus fillos.

Como xuíz tivo contratempos. En xullo de 1916 procesa a César G. Seco Romero, deputado provincial e director do xornal Mondoñedo; o motivo, uns artigos presuntamente inxuriosos. No outono deste mesmo ano comeza a publicar unha serie de artigos en El Foro Español desde os que se suma ás reivindicacións pola reforma da Xustiza esixindo, entre outros, o entón prohibido dereito dos xuíces a colexiarse. Nunha carta dirixida ao Ministro de Gracia y Justica escribe: “Una terrible crisis de trabajo, de esas tan frecuentes en los Juzgados y que, desde hace muchos días, me tiene encima de los papeles, desde las siete de cada mañana hasta las once de cada noche, sin más tregua que unos escasos minutos para comer, sin paladear, cerca de las tres de cada tarde, es decir, cerca de la hora en que la mayoría de las gentes tiene casi acabada la digestión de sus ingestiones, me ha obligado a permanecer alejado de las columnas de esta Revista desde hace una enormidad de tiempo.”

Os días 22 e 23 de outubro de 1917 participa na homenaxe que o coro Cántigas da Terra rende a Pascual Veiga en Mondoñedo. Na mañá do 23 no acto celebrado no Cemiterio Municipal toma a palabra “a petición del público” e pronuncia “un sencillo pero hermoso discurso, mereciendo muchos aplausos”. O xornal Mondoñedo, que seguía baixo a dirección de César G. Seco Romero, recoñécelle o mérito de ser “principal organizador de todos estos actos”, e o coro “Cántigas da Terra” envíalle desde A Coruña un afectuoso telegrama de agradecemento.

En xullo de 1918 cesa como xuíz de Mondoñedo para incorporarse en agosto ao cargo de xuíz de primeira instancia e instrución en Burgos. Apenas exerce. El morre o 14 de outubro e a súa muller o 17, vítimas ambos da terrible gripe chamada “española” que causou en todo o mundo máis de 50 millóns de cadáveres.

En Mondoñedo, onde foi moi sentida a súa desaparición, tamén morría xente pola mesma causa. Prohibiuse a feira das San Lucas e Lence, o cronista, o 7 de outubro solicitou do concello pórlle luz á imaxe de San Roque do Consistorio Vello. Ao xuíz Pérez Fontán o requirimento á divindade non lle chegou a tempo!

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo).
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES