Educar sen uniformes
miércoles, 09 de agosto de 2017
Esta semana, cavilando en que escribir, atopeime de novo coa miña paixón vital: a educación. Para min o acto educativo ten 3 piares básicos: identidade, consciencia crítica e interdependencia. Estes 3 piares constitúen o abismo que separa a educación democrática da totalitaria xa que a segunda non admite un ser individual (só se é en colectivo), ataca o pensamento crítico (instaurando o único como xeito de control, adulación ao poder e rexeitamento frontal á diversidade) e individualiza tarefas e logros (como un xeito de discriminación que vai tecendo estamentos sociais fundamentados perversamente nos supostos logros).
Fronte a este modelo, a democracia precisa educar en valores a través do pensamento crítico. Se non hai pensamento crítico non hai diversidade e, se non hai diversidade, a democracia é ficticia.
Educar é unha acción de acompañamento persoal que proporciona ferramentas sen marcar un sendeiro predeterminado. O bo profesional sabe que existen tantos sendeiros como sexamos capaces de imaxinar; polo tanto son infindos como ilimitada é a creatividade humana que deseña metodoloxías para percorrelos.
Cada vez que se castra a creatividade, a sociedade perde fol porque o fol da sociedade son os ilímites da humanidade. A diversidade é o osíxeno dese fol e proponnos autorrealizarnos como unidades dun mosaico que forxe a sinerxía do benestar.
É posible sempre que a educación impulse a cada persoa a ser ela mesma, con impronta propia, nese gran mosaico.
Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora