Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As festas, cos tempos

martes, 01 de agosto de 2017
É evidente que as formas de vida dun pobo, e as circunstancias que nela concorren, así como as tradicións locais; é decir, a historia ten, ou debería ter, o seu refrexo na programación festeira, pois coidamos que toda manifestación pública, emanada das institucións, debe dotarse dun compoñente cultural e un contido didáctico, neste caso aproveitando a amenidade, e mesmo o divertimento, para espallar a mensaxe e o coñecemento por parte das xentes, daqueles aspectos que ó longo dos tempos conformaron a existencia da sociedade precedente, cuxas vivencias nos levaron a ser, para ben ou para non tan ben, o que hoxe somos.

Hai úns anos, en viaxe que fixéramos a Alemaña, chegamos a Goslar, unha pequena e fermosísima cidade que forma parte do Patrimonio da Humanidade, con numerosos edificios históricos e unha ducia de museos: impresiona o exquisito coidado e respecto a tanto monumento. A zona fora rica en minas de prata e plomo, actividade desaparecida habìa tempo.

Pois ben: un dos grandes atractivos turísticos, que cada día concentra na praza principal a centos de persoas é o reloxio do concello que, cando soan determinadas horas, ábrense unhas portelas e aparece unha escena de mineiros coas palas e picos; os carretillos e cascos na cabeza e os candís nas mans; en definitiva, cos atributos tradicionais dos traballadores das minas, nun desfile que engaiola ó público que o contempla, ó tempo que en rúas e espacios públicos resoan as notas dos grandes compositores do país: Bach, Bethoven,

As minas que xa hai moitos anos non teñen, seguen a ser productivas para Goslar.

Nos tan afastados anos da nosa infancia e adolescencia, Foz era un pobo eminentemente mariñeiro: acaso o máis mariñeiro da Mariña. Toda a súa vida social e económica pivotaba sobre a actividade derivada do mar: os asteleiros, a pesca, o cabotaxe e as conserveiras. Por eso as festas tiñan un marcado carácter mariñeiro e as regatas de traiñeiras eran, na programación festeira o número estelar, nas que se enfrontaban embarcacións dos portos do noso litoral e do occidente de Asturias á conquista do “Gran Trofeo DALO”. Amais delas, as competicións a nado, cucañas, a caza do pato… convertían a dársena en animado escenario de tanto espectáculo.

Polo demais, a música (dianas e alboradas, concertos, verbenas…), os foguetes “de gran esplendor que lanzarán sus luminarias, mientras el espacio es rasgado por magnífica lucería de voladura y ráfagas de mortero, iluminándose vivamente por los destellos de bengalas en paracaídas…”. Centos de luces multicores – o mestre Lugilde, que ten rúa na vila, era o artìfice de tanto coorido – engalanaban a Rambla.

As bandas de música “Rebollar” e “Garrote”, ambas de Ortigueira, eran asíduas ó San Lourenzo dos nosos primeiros anos, así como a de Mondoñedo.

Tras dos “xigantes” e “cabezudos” marchábamos, en longa riola, tódolos pícaros do pobo, indefectiblemente acompañados polo quinteto viveirés “Brisas do Landro”, daquel persoeiro singular que era Pepe Randa.

Estamos a falar dos tempos miserentos da posguerra: do pan do racionamento, das roupas cheas de mendos, nun esforzo inútil por tapar os buracos para evitar o frío; ou as zocas fendidas, atadas con alambres…

A sociedade de hoxe ten pouco que ver con aquéla. Os medios económicos e técnicos ó alcance; a evolución cultural e os aparellos exímennos de todo esforzo imaxinativo e prodúcese un troque de valores: antes as festas eran sobre todo unha ilusión.

Foz deixou de ser mariñeiro e, nun xesto non exento de infidelidade ás súas orixes, as festas esquecen o mar. E, se non somos mar ¿qué somos…?

(Suso Fernández é Cronista oficial e Fillo Predilecto de Foz).
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES