Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A moda

viernes, 21 de julio de 2017
O creador da ciencia da imitación denominada memética, o biólogo Richard Dawkins, dicía que do mesmo modo que os xenes se propagan a través da conca xenética saltando dun corpo a outro mediante os espermatozoides, os memes propáganse pola conca memética saltando dun cerebro a outro. Di Dawkins que meme pode ser unha melodía, un slogan, a forma de vestir, a forma de facer unha vasilla ou a de construír unha arca. Por outra banda, o sociólogo estadounidense Thorstein Vladen pensaba que o que incita ao ser humano a seguir unha tendencia é o seu custo. E seguía a dicir que o amor pola moda é unha das ilustracións máis elocuentes do “consumo conspicuo”, porque o prezo de algo non só ten un significado económico, senón tamén social. E pola súa, o antropólogo René Girard sostén a súa teoría da mímese na propensión do individuo a imitar o seu semellante.

Eu coido que ningún dos tres ten a absoluta, pero si que cada un ten a súa parte de razón. De todas as maneiras, independentemente da causa que leve á súa existencia, coido que se podería definir a moda como a sobrevaloración que consegue algo (idea, obxecto, costume...) por un tempo dentro dun amplo espectro de seres humanos. Na maioría dos casos, para que algo se poña de moda, o mecanismo non pode ser máis simple, porque adoita nacer dunha indución vertical creadora dunha corrente que vai invadindo de arriba a abaixo as distintas capas sociais. O efecto sería comparábel ao da torre de copas de champaña que vai enchendo unha botella dende arriba. As copas de champaña dispostas a diferentes alturas, serían as distintas capas sociais e por iso algunhas veces as modas resultan privativas (o “consumo conspicuo” de Vladen) para as capas máis baixas, como cando o Moët &Chandón - escaso como todo o caro - non chega ás copas que están sostendo todas as demais dende a mesa. Por certo, falando de copas, non sei se por unha alianza entre a prohibición de fumar e a subida de temperaturas invernais debida ao cambio climático, na actualidade e dende hai xa uns anos as terrazas están sempre a reverter. En asunto de bares, o máis in é, e parece que vai seguir sendo, sentarse fóra a tomar algo.

Pero sendo verdade que moitas modas son caras por estar inducidas para as altas capas sociais, cómpre dicir que tamén as hai extraordinariamente baratas, de contaxio case horizontal, como aquela que tiñamos os nenos da miña idade que lle poñiamos un cartón cunha pinza da roupa nos radios á bicicleta para que ao xirar a roda metese ruído e fixese patente o noso triunfal paso polo lugar. Era aquel tempo coincidente co que as nosas nais puxeran de moda o bocadillo de queixo e marmelo para as nosas merendas. Suponse que porque resultaba barato, ao tempo que nutritivo. Unha moda que seguramente non afectaba ás clases máis altas, coma se a champaña antedita mudase en gasosa e se vertese soamente sobre as copas máis baixas. Logo viñeron os P.D.E.S. (Planes de Desarrollo Económico y Social) e creóuselle á xente a necesidade de ter coche, aínda que só fose para ser tanto como o veciño que apurara a mercalo para presumir de estar ao día e ser obediente aos ditados da mercadotecnia.

O máis de moda entre as clases populares era o Seat 600, porque era o máis barato e tampouco non había moito onde elixir. E máis adiante os escuros gurús do consumo ditaron que era unha necesidade ter “chalé”, ter outra vivenda nun lugar que esa mesma mercadotecnia puxera de moda para ir a ela na maioría dos casos un mes ao ano, pero a pesar da súa dubidosa utilidade, moita xente traballou arreo para conseguilo. Agora hai familias que aínda teñen chalé, pero xa non presumen del e incluso hainas que o teñen abandonado ou optan por desfacerse del.

Antes a xente fuxía do sol, de pórse moreno porque estaba mal visto socialmente, xa que era un sinal de ter que traballar á intemperie e as mulleres incluso aplicaban pos de arroz para acentuar a brancura do rostro. Iso ata 1923, ano no que a Coco Chanel lle deu por ligar bronce nun cruceiro que fixera no iate do duque de Westminster. Tamén contribuíu a que esta moda fose adiante a bailarina, cantante e actriz estadounidense de nacionalidade francesa Joséphine Baker, popularmente denominada “a muller da pel de caramelo”.

O bronceado é unha moda que chega ata hoxe, aínda que coa movida dos oitenta houbera unha volta ás peles de porcelana por sectores da xuventude que parecía que ía crear tendencia en toda a sociedade, pero o certo é que logo non callou o suficiente.

Repasando as modas que deixasen máis pegada na miña memoria das que desfilaron por diante de min ao longo da miña vida están algunhas tan imbéciles e afectadas como aquela da transición na que a un grupo numeroso de políticos de alto status lles dera por mostrarse en público fumando puros, porque vías como os menos importantes de vilas e pequenos concellos emulaban os seus principais facendo ostentación de fumes de Vuelta Abajo aínda que moitos non fumaran nunca na súa vida ou non tivesen o padal educado para apreciar o cigarro máis vulgar. E por iso a maioría deixaron de fumalos e pasou a moda.

Ese exemplo é un dos máis efémeros que lembro, pero hai outros que me teñen preocupado pola súa longa duración nas preferencias da xente. Certamente as modas non hai por que seguilas, pero ás veces tes que padecelas queiras ou non queiras, como son as musicais. Como é a moda dese reggaetón que non deixa de soar en ningún sitio público, coas súas letras machistas, agresivas e coas súas músicas cotrosas na maioría dos casos. Dicía un amigo meu que ese xénero e a xente seareira desa música facíalle un fraco favor ao avance do feminismo e da liberdade da muller. Cantos anos leva estando de moda unha música tan pequena? Tantos, que en determinados ambientes non se é ninguén se non se denomina a súa danza e a da súa parella a bachata, que como se sabe está emparentada co merengue, xénero musical que a finais do ano pasado foi declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade, un galardón que non foi quen de acadar, aínda que o intentase reiteradamente, o Galego-Portugués facendo vans os esforzos de Santiago Veloso e toda a xente que transita pola ponte das súas ondas.

Agora comer eses mariscos entraría no antedito “consumo conspicuo”, pero eu lembro cando os percebes non gozaban de máis consideración que os mexillóns e as nécoras eran utilizadas como fertilizante para que na terra nacesen patacas ou cebolas, dada a pouca estima na que se tiñan, pero tamén é certo que nisto da comida ás veces as modas van e veñen. Segundo teño lido, esa exquisitez chamada caviar pasou por diversas vicisitudes na súa valoración, así, se ben os persas e mesmo a Roma imperial o tiveron en moita estima, xa que lle atribuían poderes enerxéticos e curadores, na Idade Media en Rusia era un desprezado alimento de pobres e seguidamente, xa en épocas máis achegadas, todo foi para arriba, primeiro nese país e logo no resto de Europa grazas aos emigrantes da aristocracia rusa fuxitivos da Revolución. En Francia foron os irmáns Petrossian, tamén emigrantes, quen se ocupaban dende a súa tenda de subministrar o manxar e acabou de poñelo na crista da onda Charles Ritz fillo do fundador do Hotel Ritz ao poñelo na súa luxosa carta.

Segue a moda de veranear aquí ou acolá. En España, por poñer algún exemplo, están a
Costa Brava, a do Azahar, a do Sol, as illas Canarias... Acó en Galiza sobre todo a xente inclina para as Rías Baixas e o máis do máis dende hai moitos anos segue a ser ir a Sanxenxo, unha vila que moitos cualifican como a Marbella galega.

A radio e a televisión, tamén foron e son influencers para a xente, ademais de influenceds entre si. Eu lembro aqueles seriais, aquelas radionovelas e telenovelas lacrimóxenas como Ama Rosa ou El derecho de nacer, que tiñan un público tan numeroso coma fiel e cuxo éxito sería comparábel ao que teñen nestes tempos os innumerábeis programas culinarios. Na actualidade non hai cadea que non teña polo menos un espazo dedicado ao asunto gastronómico, con profesionais famosos amosando o seu saber ou pondo en escena competitivísimos realitys.

Debido a esa moda, toda a xente nova quere ser cociñeir@ ou chef. E postos a comparar, mellor iso que outra cousa, porque en España ocorren cousas tan insólitas nisto das tendencias, que ata estivo de moda ser banqueir@. A culpa tivéraa Mario Conde, aquel filósofo do pelotazo, que debido a estar constantemente nos medios, a recibir constantes loas, adulacións e doutorados honoris causa, conseguiu que toda a infancia española quixese ser como el de maior.

Agora está de moda viaxar. A xente na súa maioría tómao como algo incuestionábel, como o máis cool de todo o que se poida facer na vida agora mesmo. Non importa a onde nin para que. Non importa se o despracer vai ser maior que o pracer. Viaxar. De maneira que se dis que non é a túa gran paixón, podes entrar no catálogo de bechos raros. Un par de persoas vin na televisión ultimamente que malia que seguramente tiñan máis quilómetros que os que escoitaban, atrevéronse a dicir que o de viaxar estaba sobrevalorado e o auditorio botou as mans á cabeza escandalizada, e quizais non os levaron para un museo de únicos na súa especie porque non sabían os trámites a seguir.

A literatura tamén segue tendencias. Dende hai moito tempo en Europa, para a gran maioría, cando se nomea a palabra literatura vénlles á cabeza a novela. E aínda digo máis, á grande maioría desa maioría a novela que se lles presenta na mente é unha novela negra, porque a intriga é nestes tempos que corren coma un imán para o lector medio, o resto desa maioría optará pola novela histórica, tamén moi de moda, non sei se polo morbo que pode ter coñecer pormenores de xente que existiu realmente ou por outras razóns que se me escapan. Eu confeso que, aínda que as hai magníficas, nunca sentín interese por elas á hora de escribir, porque sempre considerei soporífero que a maior parte do traballo dependese da investigación histórica e non da imaxinación e do talento. Por certo, a moda da novela é en Europa, porque tanto en EEUU como no resto de América ten moito predicamento o relato curto.

Outra cousa que triunfa sempre que aparece no cine son os biopics ou filmes biográficos. É raro que cando aparece unha produción deste tipo, tanto a película como a persoa que interpreta o personaxe biografado, polo menos, non acaden algún gran premio ou sexan nominadas para acadalo. O últimos foron o Lincoln interpretado por Daniel Day-Lewis, The iron lady, con Meryl Streep facendo de Thatcher e Jackie, onde Natalie Portman facía de Jacqueline Kennedy , por non remontarnos a alguén máis achegado como é Javier Bardem que estivo a piques de ser oscarizado por representar a Reynaldo Arenas en Antes que anochezca (2001). E por non citar tamén Mar adentro de Amenábar, biografía de Ramón Sampedro e interpretada tamén por Bardem, que si logrou o Oscar á película de lingua non inglesa(2004). Ao meu ver, aos biopics pásalles como ás novelas históricas, están sobrevaloradas. Os alicerces da realidade están no guión e no resto dos compoñentes dunha película biográfica e, canto á persoa que fai de protagonista, supoño que é moito máis doado imitar un personaxe real que un que naceu da imaxinación dun escritor, coas dúbidas e cabos soltos que iso pode suscitar nunha interpretación. Ademais, en moitos casos, ata se procura unha persoa que teña un certo parecido físico, ou sexa un corpo cunhas características semellantes, co cal ata os movementos moitas veces poden ser naturais, sen necesidade de esforzo interpretativo.

E canto ao desenvolvemento na vida, eu abúrrome ata o noxo de escoitar polas máis diversas bocas que elas e eles son xente moi competitiva e que non lles gusta perder nin ao parchís. Cunha autosatisfacción que raia o arroto. A maioría da xente vai de ganadora nata. E o caso é que min iso de ser competitivo, tan de moda para todo a día de hoxe, sóame a asumida prédica do sistema capitalista, un discurso que atrapou ata a confusa xente de esquerdas que ás veces, desorientada, proclama ter ese espírito. A min o de competitivo sóame a hostilidade, a pendencia, a guerra. Persoalmente sempre me seduciu máis a humanidade ociosa, a que por vez de competitiva é competente – adxectivo amado por Manuel María -, esa que é apta e idónea para algo, independentemente da demais xente.

É curioso que nisto das modas ata poden estalo dous conceptos antagónicos e mesmo convivir como valores (teoricamente) nunha mesma persoa. Leva moito tempo levándose a “sinceridade” e hai xa unha longa tempada que se puxo de moda o “politicamente correcto”. Eu desconfío do bo uso de calquera das dúas tendencias, porque se ben considero que a sinceridade debe aparecer cando é eticamente necesaria e/ou pode ser beneficiosa para a persoa receptora, tamén digo que normalmente se usa para desafogar animadversións coa susodita e por outra banda, o politicamente correcto adoita ser unha forma eufemística -moi fina, por certo- de nomear a hipocrisía.

A moda en si (agás cando emerxe como recurso) non é máis que unha farsa competitiva. Uns pretendendo mostrar o seu poder co seu estilo de vida e outros tratando de emulalos e de poñerse á altura.

Por iso eu sempre amarei a xente distinta que nunca estivo nin estará de moda, porque así como me molesta o inoportuno, fascíname o inoportunista.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES