Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

María José Penso, mestra de baile no ceo

viernes, 21 de julio de 2017
María José Penso, mestra de baile no ceoA maior parte do tempo que pasei con María José Penso foi máis preto do ceo que onde transcorre habitualmente o noso camiñar e ver… aínda que esa diferencia de “nivel” non fose máis ca de tres ou catro metros. A maior parte do tempo da nosa relación foi no alto do palco da praza de Pastor Díaz, nas mostras folclóricas infantís, das que compartimos trinta e tantas.

Porque María José era a mestra preparadora -oficio de nai artística e cultural con centos de nenas e nenos- dos bailadores de Pindusa, Bazar, Zeltia, Ledaíña… os pequenos de Bágoas da Terra, moitos dos que logo se integrarían no grupo de maiores para que a tradición siga cada vez con máis forza.

¡María Jose, esta cinta que se me desatou!... E María José acudía a solucionar o que para a nena era todo un drama… ¡María José, que me quedou na casa o sombreiro!... E María José facía aparecer un sombreiro para completar o atuendo… ¡María José, estou moi nerviosa!... María José!!!

E María José estaba en todo, atendía a todo e a todos, agarimaba ou reprendía levemente para que todo se fose harmonizando, para que a posta en escea fose perfecta, para que a ilusión infinita dos danzantes fose parella ao irrefrenable entusiasmo das súas familias que agardan sempre o miragre da arte desde os primeiros pasos, desde as idades máis novas.

Coñecín ao seu home, Toñín Colosía, falecido hai xa ben anos, e souben da súa sona como antroideiro importante do importante antroido viveirense co alcume do “Conde do Sal”. Quero ás súas tres fillas, Berta, Lucía e Mercedes, membros activísimos de Bágoas da Terra desde que aprenderon a andar. Coñezo e quero a Cruz, súa irmá, e Juan, seu cuñado (e á filla destes), bailaríns e mestres. María Jose, Cruz e Juan María José Penso, mestra de baile no ceoforon puntais de Bágoas. Son puntais esenciais de Bágoas, aínda que a saúde de Cruz e Juan marquen distancia física; aínda que a morte traidora levounos físicamente a María José.

María José bailou con Bágoas nos tempos heroicos da agrupación, percorrendo unha amplísima xeografía, vivindo centos de acontecementos musicais, organizando, colaborando, disfrutando… E foi mestra de centos de pequenos. Os nenos respectábana, pero sobre todo queríana… Sen María José sabíanse perdidos; con María José todo era posible.

Porque alí arriba, no lugar máxico do palco da Mostra, tres ou catro metros sobre o chan, estase máis preto do ceo, nas portas do ceo, como calquera que teña estado alí pode acreditar. Alí, a tensión é permanente antes de saír á escea. E ao remate, os aplausos do público, devólvennos a unha realidade feliz no que todo está ben, no que todo esforzo queda compensado.

María José levaba moito tempo ás portas do ceo. E ao mellor, de repente, o seu corazón, sen ela sabelo, intuindo o ben que alo arriba se estará, quixo dar un paso máis e levala ao ceo de verdade.

Non somos quen para opinar se o seu corazón estivo acertado en traspasar as portas que desde o alto daquel palco se adiviñan. Só podemos, e eu quero facelo, dar testemuña a toda a súa familia do agarimo que María José despertaba, e da seguridade de que nese ceo ao que todos agardamos ir algunha vez, anda xa a nosa amiga bailando e facendo bailar a todos os nenos e nenas que sinten que teñen alas nos pés, e unha inquedanza na alma que seguro que se pode calmar de moitos xeitos, pero que María José estará conseguíndoo decíndolle a cada un deles:
Levántate, e baila!!!.


Xulio Xiz é o presentador desde 1979 da Mostra Folclórica Internacional de Viveiro, que organiza Bágoas da Terra.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES