Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xardín Desordenado, musicando versos galegos

viernes, 21 de julio de 2017
Xardn Desordenado, musicando versos galegos
Testemuñas da Memoria
Xardín Desordenado, musicando versos galegos

Creo que xa dixen algunha vez que a vida está chea de coincidencias, de sincronías. E tanto. Xusto cando me puxen en contacto con Santiago Ferragud, a alma máter?, o voceiro?, do grupo musical Xardín Desordenado para realizarlle unha reportaxe para esta sección, este comunicoume que o venres, 25 de novembro, volvían actuar en Barbadás. Entón como ás veces (moi pouquiñas) son algo listo, díxenme que ben podía coincidir a publicación da reportaxe coa citada actuación. Escribín esta, pero por circunstancias, por falta de espazo no xornal non se puido publicar ese venres 25.

Dixen "volvían" porque, realmente, esta reportaxe xa estaba planeada desde o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que foi cando coñecín a Xardín Desordenado ó actuar na Casa da Cultura Manuel María da Valenzá (ou de Barbadás). O que pasa é que, coma sempre, o tempo pasa e todo cambia, e uns proxectos cambieinos por outros e uns meses deron paso a outros e ata agora. Pero, xa sabedes, nunca é tarde cando a dita é boa.

A dita de escribir sobre Xardín Desordenado aseguro que é boa, porque, sinceramente, son moi bos. A seis meses de velos versionando poemas ou versos de Manuel María (a maioría deles, polo día en que actuaron), de Álvarez Cáccamo, de Rosalía ou de Olga Novo, entre outros, aínda hoxe me queda na memoria a gozada que sentín ó escoitalos e, por que non, ó descubrir a marabillosa voz de Marlene Rodrigues. Lembro dous deles ("Neno", de Manuel María, e "Aprendendo a ladrar", de Olga Novo) que me deixaron un pouco abraiado a causa da emoción.

Xardín Desordenado pódese dicir que naceu coma unha reunión de músicos que comparten a paixón pola poesía e polo jazz (onde estea o jazz...). Digamos que empezaron esa reunión Blas Segura e o citado Santiago Ferragud porque lles gustaba a poesía de Xosé María Álvarez Cáccamo. Pouco a pouco incorporouse nova xente cun nexo en común: o jazz. David Outomuro é profesor no Conservatorio de Pontevedra (pero ourensán) e compoñente de varios grupos. Toca a batería e percusións. Marlene Rodrigues, a maiores de ser moi riquiña, chegou ó grupo "coa carga emotiva do fado", pero que tamén se formou na escola de jazz de Porto. É a que lle pon a voz á maioría dos poemas. Lorenzo Boo, toca o baixo e pódese asegurar que é un gran guitarrista de jazz. Decisiva seica resultou a incorporación de Isaac Garabatos porque, á parte de ser tamén un gran guitarrista, é un produtor musical moi respectado nos ambientes poéticos. É o que lle proporciona coherencia sonora ás composicións. Por certo, Blas Segura foi o único compoñente inicial que deixou o grupo no 2014 para marchar para a súa terra, para Gran Canaria.

O nome de Xardín Desordenado sacárono dunha expresión que utiliza o poeta Daniel Salgado nun dos seus libros e porque lles suxería un fondo melancólico que con frecuencia produce a poesía e porque, ó non ser especialistas en literatura, "as nosas seleccións serían forzosamente desordenadas", segundo confesa o propio Santiago Ferragud. Serán todo o desordenadas que queiran, pero este molgués que escribe asegura que son bonitas un cacho e algo máis.

Evitan tratar textos que xa musicaron outros artistas. Ante isto, sempre contan a anécdota do traballiño que levan para poñerlle música ós versos de Rosalía de Castro, porque xa case están todos en bocas de diversos grupos e cantantes. Emporiso, algún sempre queda por aí e eles, zas, búscanlle o seu aquel para que coa súa música e coas súas voces nos emocione. Tamén fixeron programas dedicados ós autores das Letras Galegas de cada ano, desde 2008, ano da súa fundación. E sobre as súas actuacións xa levan percorrido ata o infinito e máis alá. Entendede por máis alá, por exemplo, Bos Aires, a onde foron invitados hai dous anos á súa famosa feira do libro.

O día 25 quixen descubrir se esaxerara ou se mentira sobre eles, sobre a súa calidade e marchei para a Casa da Cultura da Valenzá para velos actuar de novo con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Non me queda outra que reafirmarme no meu parecer, o de que son bos, moi bos. Paga a pena velos unha e outra vez.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES