Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿De quen foi e é competencia o papel hixiénico na sanidade pública? (III)

jueves, 13 de julio de 2017
Quedaba hai oito días rememorando aquel día de comezos do 1985 que probablemente non me poidan borrar da memoria nin o temible señor Alzheimer nin o temido señor Parkinson por ficar impreso non só en todo o meu ser corporal, senón incluso na aura extracorpórea, na agradable compañía dunha TDTA (Tomadora De Tensión Arterial) do Complexo hospitalario Xeral-Calde de Lugo. Mágoa que non puidese desfrutar desa momentánea compañía por estar eu vivindo aquela mañá coa inevitable obsesión de facerme con papel hixiénico antes de que acontecese o que me temía que irremisiblemente acabaría acontecendo.

A devandita TDTA, vivía lustrosamente esa imprecisa idade previa a dobrar o cabo de Buena Esperanza. Aparentaba ser muller aberta, tanto polo xeito directo e limpo de mirar, coma polo trato sempre próximo, coma polos últimos botóns superiores da blusa, pero todo dentro duns parámetros normais, no que a min me é dado a entender, que moito non pode ser. Tiven outro compañeiro de habitación moito máis sabido ca min en roupiña de debaixo que me dixo un día:
-Vostede anque sea cura non se estrañar do que vou dicir, que todos somos homes. O sostén da da tensión debe ser de tempos do franquismo, porque ben se nota que oprime ó interior, engaña ó exterior e levanta monumentos ós caídos.

Quedeime pensando un pouco e, como el só estaba de paso, porque tiveran que volver a partirlle o cúbito que soldara acabalgado, e non tiñamos confianza pra tocar certos temas e ademais eu tiña abondo a que atender, respondinlle secamente:

-Non sei, que eu librei da mili.

. Aínda que non andabamos lonxe en anos e en circunstancias normais trataríaa da ti, na miña embarazosa situación dirixinme a ela co reverencioso vostede, dando por boa sen pretendelo unha carta pastoral do FIBTDO, (Finado Bispo Temiño De Ourense), na que elucubraba sobre que pode resultar escandalosa e ata pecaminosa a práctica do tuteo entre sacerdotes e mulleres novas; porque, aínda que eles sexan fortes, elas son débiles. A verdade é que a miña fortaleza resultaba incrible fixándose simplemente nas miñas pernas de biafreño sen un quilo de masa muscular.

Dirixinme, pois, a ela moi cauteloso con estas sopesadas palabras:

- E..., aínda que ben sei que non cae directamente baixo as súas competencias, moito lle agradecería sa puidese proporcionarme un pouco de papel hixiénico. Non ten por que ser necesariamente un rolo enteiro. Non. Conformaríame con metro e medio, máis ou menos, e sendo de dobre folla, ata calculo que podería arranxarme con setenta e cinco centímetros, se rompe por onde debe, aínda que case nunca adoita facelo.

Moi amable e graciosiña, e con certo aire de ollos picaróns, contestoume sen miramentos nin tampouco irreverencias á miña condición sacerdotal:

-Non te apures, Xosé Manuel, que teño que acabar de tomar as tensións antes de que xiren visita os médicos; pero non tardo case nadiña.

Logo dixo algo que non comprendín, pero tampouco lle preguntei, porque me sentín incapaz de interpretar a linguaxe non corporal do seu rostro:

-Con algúns paso de longo; porque só con mirarlles á cara, xa sei que a teñen baixa. Sempre baixa. Non falla, e iso deprime moito ós que presumen de machos.

Eu contesteille con moita circunspección e reafirmándome nas bases máis sólidas do meu celibato:

-Apurar xa non me apuro; pero teño medo a soltarme, que levo horas retido. Parece que pasei sen escala de transición do enema evacuante cada cinco días á frouxidade intestinal.

Aparentaban conxurarse contra min os elementos aquel día, porque os médicos xiraron visita a maior velocidade da acostumada, debido a que lles programou xerencia, baixo amoestación de perda de puntos, a asistencia obrigatoria á conferencia dun especialista polaco catedrático na facultade de medicina de Edimburgo, que levaba por título: “Propulsive resources of two hours or more in the waiting lists in the Spanish Public Health? (Recursos propulsivos de dúas horas ou máis nas listas de espera na Sanidade Pública Española)

Como a xira dos médicos ós seus pacientes en réxime hospitalario se realizou a tanta velocidade, a TDTA viuse envolvida contra a súa vontade nun remuiño que a arrastrou lonxe da miña cama e non puido cumprir a súa promesa.

Estiven por falarlle ao equipo médico, formado por un titular serio e de bigote e unha de prácticas riseira e loura, do meu momentáneo problema defecatorio e escatolóxico, -convén non perder de vista que a escatoloxía é a ciencia que estuda as realidades terminais e a min érame aplicable o concepto tanto desde o punto de vista xeográfico corporal como desde o anímico vivencial-, pero contívenme, porque me parecía que podían interpretalo como unha falta do respecto debido, por ousar suxerirlles a eles, facultativos e doutores con tantos anos de experiencia, sobre todo el, unha cuestión tan vulgar, da que ata a xente ben educada se avergoña de falar en público e buscan eufemismos e subterfuxios, como: facer de corpo, excretar, ou facer as necesidades maiores.

Ben, o caso foi que non lles mencionei pra nada o tema que naquel momento máis desasosegado me tiña. Desde a miña subxectividade e sensibilidade comezaba a ser tan grave non poder defecar aquel día coma a anunciada e ameazante coxeira pra o resto da miña vida.

Contaba con rematar hoxe este angustioso relato, pero non debo pasarme na dose. Así que o farei na próxima entrega, pero non sen volver a advertir a incautos lectores de que os feitos reais transcorreron no espazo dunhas seis horas. Se ocupasen catro semanas como me está levando revivilos, non estaría pra contalo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES