Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día da Patria Galega/ Día de Galicia

miércoles, 12 de julio de 2017
Día da Patria Galega/ Día de Galicia,
Xornada de Pedagoxía Galeguizadora


Presenciei moitas veces a mesma escena, aínda que con distintos protagonistas. Rematada a manifestación para reclarmar protección gobernamental para o agro galego, ou reivindicar postos de traballo, grupos de manifestantes acuden aos bares levando debaixo do brazo bandeiras e pancartas para celebraren o éxito da convocatoria. Pídenlles aos camareiros viños, vermús, cervexas e “algo para picar”, sen demandaren que sexan produtos galegos etiquetados na nosa lingua. A escena por frecuente, como digo, é inadmisible pola incoherente contradición que conleva.

Chega o día 25 de xullo, Día da Patria Galega/Día Nacional de Galicia/Día de Galicia (segundo para quen) e as escenas repetiranse, multiplícandose nas tabernas e restaurantes composteláns. Iso si, despois de corearen proclamas na de defensa da nosa identidade e as pertinentes denuncia dos gobernantes. Isto volverá a acontecer este ano se non media unha intervención das direccións das agrupacións sindicais e políticas para corrixiren actitudes que non son coherentes.

O Foro E. Peinador e a Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros vén de dirixirlles a todos os axentes políticos e sociais, e á cidadanía en xeral, unha carta na que se recollen os argumentos da filosofía que nos define. ”Unha vez máis queremos buscar esa complicidade, animando ás persoas a demandaren produtos etiquetados en galego, e tamén aos resturantes, casas de xantares, cafeterías, bares e comercios en xeral a que oferten estes produtos nas súas cartas e expositores, na intelixencia de que, deste xeito, estamos a apoiar o comercio local e promovendo unha economía sostíble que xera riqueza, valor engadido e emprego de proximidade, ao tempo que axuda a manter viva unha cultura, unha lingua e unha forma de ser”.

Nestes últimos anos contamos co apoio de distintos movementos sociais, organizacións sindicais e políticas, e mesmo co do Parlamento de Galicia, que simbolizamos na sinatura da chamada Carta de Consumo Responsable e Solidario, na que se establece que temos un deber responsable á hora de dicir por que produtos optamos, “coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país”. Pero aínda hai algo máis que cómpre salientar: temos un deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma nas súas campañas de promoción e comunicación, colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios.

Cando apelamos á pedagoxía como un medio para mudarmos as condutas dos consumidores facémolo pensando nas organizacións sociais e políticas de inequívoca defensa da nosa identidade, porque son son elas as que deben dar exemplo para que desde o primeiro ata o último militante se sumen a esta tarefa de galeguización do consumo.

O día 25 de xullo Compostela debería converterse nunha localidade onde escenificar e experimentarmos a eficacia desta pedagoxía galeguizadora que propoñemos.Que non quede ningún bar, cafetería ou restaurante sen ter coñecemento desta pretensión, convidándoos amablemente a seren solidarios coa lingua galega e cos nosos produtos.

Se non queremos cair nas rituais e abstractas manifestacións que non son máis que brindes aos sol, as forzas políticas e sindicais deben aleccionar aos seus militantes a participaren nesta xornada como mestres da galeguidade, aínda que sexa o día 25 de xullo. Hai que pasar dos ditos aos feitos.

Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES