Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conflito Xeracional (1)

martes, 11 de julio de 2017
Sinopse dunha translación no propio fogar


Conflito Xeracional (1)Para o primoxénito dos meus netos, Miguel, Miguel Nó Gómez, que algún día me lerá e me entenderá. ¡Seguro que si, co espelido que é!

Xosé María


¿Por qué e para qué?

Esta narración, ¿visionaria?, ¿apocalíptica?, xogando ás intuicións, aos futuribles, cun malabarismo de ¿inxenuidades?, estrutúrase nunha relación modular, modular e medular, nunha combinatoria cronolóxica, de tempos aleatorios, séxase, fóra dos ritmos e dos controis físicos, trazando, alumando, de paso que repaso a miña vida, certas dimensións anímicas, certas ou presentidas, acaso etéreas, pero, en todo caso, palpables, ao alcance da vista, ao alcance da man.

¿Estou ido, trastornado? ¡En efecto, estouno, e se cadra, moito, demasiado: toleáronme as guerras, os desamores, os esnaquizamentos da vida, da vida prosaica, materialista e desalmada, do meu entorno, que por iso clamo no meu particular deserto, ¿ou é desterro?, anhelando chegar á terra prometida, á civilización perfecta, quere dicirse, á do Alén!

Hoxe

Un momento estremecido, estarrecedor, premonitorio, cunha ciencia revolucionada e revolucionaria, á que non nos afacemos doadamente. Unhas técnicas trepidantes, violentas, violadoras da propia intimidade, do propio acougo, do ocio propio. ¡Afilosóficas, en definitiva! Unha Natureza que se ispe da súa clorofila para vestirse de…, ¡formigón!

En definitiva, un homínido que ía para anxo, que ía para sabio, pero, ¡esvarou!, e daquela caeuse polo barranco da propia soberbia, ¡enleado nun labirinto de cables cruzados, nunha restra de argalladas da súa propia técnica! ¿Quen lle tirará un cabo de Humanidades para liberalo desas brasas do seu crisol, metálico e mecánico? ¡Ben nado sexa quen tal faga, quen saque ao asno do seu propio pozo de barro, así sexa en domingo, pois iso será virtude e non pecado!

Onte

Non, non é que o tempo pasado fose mellor, que sempre houbo ortigas, toxos e silveiras. Aquí evoco, con nostalxia, aquela Galicia inqueda, inqueda pero tranquila, ¡con ou sen tranca, pero sempre con retranca! Un país epicéntrico, coa ondada da súa diáspora, aquela emigración umbilical, nutritiva, material e moralmente en dirección inversa, en sentido fillo-nai, ¡máis que á viceversa! Unha mentalidade rural, ¡rural que non rústica! En definitiva, un tule de brumas, pero, e aínda así, ou precisamente por iso…, ¡que verde era o meu val! Un val puro, ao natural, sen cheiros espurios, nin de silos nin de zurros. De roseiras…; ¡iso, de roseiras; de carballos e de roseiras!

Este mirar do avó pretende ser, ¡realmente é!, un rachar, unha transición, para el dramática, tráxica incluso, pero rabiosamente espiritual, ¡á forza de sublimar a súa propia dor!

¿Que pretende este avó con estas translacións? Por de pronto, humaniza-lo seu neto, vacinalo, en trifásica: contra materialismos, contra egoísmos, contra fariseísmos. ¡Os tres ismos, as tres cabezas da hidra fatal, esta hidra maldita que enzoufou boa parte do noso século!

Mañá

Un mañá, que a saber se nos promete paz, xustiza e pan. ¡Pantrigo, e non sucedáneos! Coido que aparece esbozada, que non embozada, digamos que, presentida, esa gran incógnita da Era Bítica; este devir químico-biolóxico, de sempre e por sempre preocupante. En tódalas épocas, pero máis aínda en presenza destes experimentos alarmantes, incluso anti naturais, contra naturais; estas contorsións, estes pinchacarneiros, esta danza vital, actual, premonitoria dun milenio frenético, endeusado, tan soberbio coma o propio Lucifer, ¡ou máis!

¿Medo ao futuro? ¡Iso nunca, xamais dos xamais, que para algo nos dá Deus os azos, a intelixencia e maila esperanza! Precaucións, previsións, moderación...; iso, si! ¡Hoxe coma onte, e mañá coma hoxe!

¡Cave ne cadas!, que lles dicían aos Césares. A ciencia, e maila técnica correspondente, consisten en non caer, e de caídos, uparse. ¿Como? ¡Sobre un mesmo, por suposto! Iso, sempre, e sen refusar a man, nin todo posible cabo que nos tenda o próximo, sempre que sexa próximo, que tamén os hai que nos ofrecen un adival vello, esfiañado, precisamente para mellor enlobetarnos…, ¡debaixo do propio carro, e con eles enriba, para máis inri!

-o-

Este hoxe…

Canto máis sapiens, tanto máis traumático é o relevo na nosa especie; séxase, o relevo xeracional, e por ende máis difícil nos resulta o entendemento, o enganche cos elos sucesivos da cadea vital, ¡por paradoxal que pareza! Esta cousa dos problemas psicolóxicos, este chirlar, esta fricción xeracional, é un asunto bastante grave, bastante serio, tanto, que incluso pode aloular aos que aínda estean, ou se teñan, por cordos!

¡Para mostra, un botón! Veredes o que me pasou, a min, si, a min mesmo, e iso que aínda me teño en pé, e como de propia man, e penso coa propia moleira, non de prestado, como lles pasa a moitos!

Ocorreu así, tal cal, pois aquí mesmo, diante miña, teño estes disquetes, ¡compatibles, por suposto!, para demostrarllo a cantos necios e/ou incrédulos haxa, ou queden, ou veñan, ¡que seguro que os haberá!

Un certo día, ou por mellor dicir, un día certo, posto e suposto que existiu, destes enervantes, de tronada, estando no meu cuarto dos trastes, precisamente aquí onde teño, onde gardo, o arquivo das miñas intimidades, que por certo, co que levo escrito, e dito, poucas me quedan inéditas, e para iso, das miúdas, deume por poñer algo de orde neste museo particular, dos libros e das ideas, á falta doutras cousas que deixar en herdo. ¡Máis ben por iso!

Daquela… Pero, non, que cómpre dicir primeiro, sequera sexa en atención aos incrédulos, ¡tantos que hai!, que denantes estivera arrecunchado no meu fauteuil, que sempre lle chamei así á miña cadeira de lectura porque me lembra unha que vin aló en París, precisamente no Louvre, na que por certo non me deixaron sentar, e iso a pesares de que aleguei que os galegos tamén somos diso do Mercado Común. ¡Máis aínda: da Unión Europea! Tamén aducín que os franceses, ¡eles tamén!, séntanse placidamente, con todo descaro, incluso sucios e guedelludos, na propia catedral de Santiago, ¡con todo ser, polo menos para nós, sacrosanta!

Naquela ocasión, de novo en Lugo, no meu punto de partida, funme ao rastro, e deixeilles aquela foto furtiva, aquel deseño do que andaba buscando afanosamente:

-Se vos chega algo parecido ao fauteuil desta foto, avisádeme á Coruña, sen falta!

Despois diso, aos tres meses, soou o teléfono do meu despacho:

-¿A onde dixo que lle mandemos a poltrona? É para retirala do almacén, pois debe ter un meigallo, xa que, de sentados os clientes, amodórranse nela, e sen máis, trasládanse ao mundo da utopía, ás grandezas terreais… ¡Viaxan! ¿Sabe? E con iso, nin eles compran, nin eu lles vendo! ¡Unha ruína, absoluta!

A verdade é que non esperaba tanta ventura despois daquelas desventuras parisienses, así que lle contestei, con toda sinceridade:

-¡Vaia sorte a miña, e vaia eficacia a súa, señor Mercurio Lucense!

–Pouco mérito ten, -respondeume-, pois estaba cerca; aí mesmo, en Lexo Cairo, arriba de Becerreá. Ao parecer formou parte daquel botín de guerra que lles colleron aos franceses na emboscada do Cruzul… Foi dunha señora tan folgazana, tanto, que non saía dela, ¡que así acabou, no Asilo, e do Asilo á Gloria! Os sobriños trocáronma por un ataúde, que ata a puideron levar nela, na butaca francesa, xa que tan a gusto estaba! Nunca tal nos pasou, proba máis que certa de que lle estou vendendo…, iso, un meigallo!

A miña emoción non é contable; queríaa, pero…:

-¡O que me faltaba por ver e por oír: en París non me deixaron sentarme, e esa vella, unha folgazana que non se upaba da súa trona…! Eu págolles o que lles custase ese cadaleito, con portes e viáticos, pero, do fauteuil, en vista do visto, renego! Suxiro que llelo manden ao Asilo, en restitución, por se teñen outra vella así, dese xeito, cronicamente sedente…!

O tendeiro negouse, en seco, que miúda dialéctica a súa, que nin que fose da Oposición Municipal:

-¡Non podemos, que os tratos son tratos! Lémbrese daquilo que lles esixían os romanos aos xentís, e nunca á viceversa: Pacta sunt servanda!

Pregueille, incluso aseñorándoo:

-Págolles de contado, igualiño que se ma trouxesen para aquí, á Coruña, á súa casa! De presente, saio para Lugo, para levarlles o cheque, en propia man…

-¡Non podemos…, que nola devolverían do Asilo; con costas, por engado!

Dinme por vencido, que é a miña especialidade:

-¿A ver, logo, cánto, que xa me aburre este tema?

-¡Se non fose polo meigallo…! Este moble ten a súa historia, unha intrahistoria que procede da Historia; séxase, daquel desvalixamento histórico, aquel que fixeron uns paisanos nosos cando dispersaron a Intendencia franchute, concretamente a do mariscal Soult, mesmo segundo cruzaban o noso Cruzul…! ¿Que lle parece? En definitiva, é un botín de guerra, unha peza de museo…, para o seu, en exclusiva!

Non obstante todos eses méritos, preocupado polos cartos, que non polo meigallo, regateeille ao señor, cousa que aprendera na terra dos mouros!

En vista das circunstancias, saquei o auto e achegueime ao conseguidor, ¡Lugo, terra de conseguidores!, á tenda daquel Fulano, e pagueille relixiosamente! Coa mesma, mandáronme por unha desas axencias de reparto esta cadeira, aquí presente: ¡Magnífica, imperial, que coincide exactamente con aquela do Louvre; e a maiores, ten meigallo, que por algo llelas regalaba Xosefina de Beauharnais aos seus amantes!

Por aquel entón, por aqueles días de estrea, ¡reestrea!, da cadeira susodita, andaba eu bastante atarefado, lendo, repasando, na Biblia de Sept, como preparación por se me chamaban do Alto, que estabamos finalizando o século XX, ¡tempo de mudanzas!, e logo que nunca me gustou viaxar sen un coñecemento previo, teórico por suposto, do novo país, así que o susodito fauteuil veume de perilla: Unha cadeira histórica, anatómica, axeitada, tanto para as miñas nádegas como para os meus riles; e a maiores, francesa! Non puiden atopar cousa mellor para saborear a Biblia, para meditala a pracer, tal que un crego na máis confortable das sancristías!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES