Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O corazón é un tambor

viernes, 07 de julio de 2017
Que terán o tambor e o bombo, que de instrumentos que nacen primariamente, se supón, para deixar constancia da existencia dun mesmo, ou de dar propaganda e publicidade polo percorrido do que o leva e ao escoitar o receptor as andainas do que o toca, pode chegar a ter un cairel de significados que van desde a existencia dun mesmo que se manifesta con ese sobresalto, ata o amedrentamento do que o escoita na noite monócroma dos antepasados.

O tambor é unha manchea de interpretacións e de significados que abranguen varios mundos como son o militar, o relixioso ou o festivo. Os militares emprégano para levar o compás dos seus soldados, como no “Arde Lucus” destes días, mais tamén para afervoar as tropas antes da batalla, mesmo os cofrades de carácter relixioso que nas tamborradas e nos pasos envolven o sentimento e chéganos moi adentro e nada temos que dicir do compás das cancións, que ás veces, fan un “tum-tum” inaguantábel que nos pon cun malestar e desacougo que pode chegar á perturbación, mais cando é acompasado e marca a matemática dos sons incardinados nos pentagramas da beleza envolvente e deliquescente, sumenos nun paraíso que só a música é capaz de crear.

Por qué nos chega tan adentro o son do tambor? Cales son os paradigmas nos que os humanos temos que fundamentarnos para estudar o porqué dos sentimentos que afloran agalopándose uns tras doutros e provocando mesmo a chegada das bágoas? Ben seguro que todos nos turbamos algunha vez na vida escoitando este son repetitivo e tamén feroz, salvaxe e violento que nos atravesa sen darnos conta e convive connosco entrementres dura a execución e o batemento das baquetas ou dos paus.

Cheguei a pensar e a preguntarme cales eran as razóns desta tolemia que nos abrangue no “Arde Lucus”, e arribei á conclusión de que é o primeiro son que escoitamos no ventre xa da nosa nai, o pequeno corazón que en sístole e en diástole toca as entrañas nosas nun ir e vir continuado de vida que se esparrama, e de tal maneira, que se a presión sanguínea aumenta, tamén o fai o noso corazón nun desacougo que firma presenzas de tranquilidade armónica, mais tamén de inquietude se os sons son máis fortes e máis continuados por que o noso corazón, que é tamén un tambor, quere seguir o ritmo do outro tambor que toca nun tempo estremecedor, cunha química e uns electróns de vida que nos sumen nuns estados rítmicos que conmoven os nosos sentimentos de alegría, tristura, enaltecemento, emoción e beleza ata achegarnos a un estado emotivo que nos turba e nos enxalza, deixándonos ver que pequeno é o home e que grandes son os sentimentos.

Beizón ao tambor e aos sentimentos que tamén son sensibilidade e afecto, dos que tanto estamos faltos.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES