Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Boneca Lareta na busca da existencia

viernes, 07 de julio de 2017
Testemuñas da Memoria
Boneca Lareta na busca da existencia

A existencia! Que é a existencia? Ó mellor chegaba con dicir que é simplemente vivir, e punto. Pero para a produtora ou compañía Boneca Lareta é moito, moitísimo máis. E non digamos se a tal existencia a analizan, a buscan, a definen os actores Xabier Deive e Luís Iglesia. Pois iso é o que fan, ou polo menos o que intentan facer na obra 'Filosolfando'.
Boneca Lareta na busca da existencia
A filosofía seica proclama iso de que o ser humano pensa, logo existe. Pero, facemos unha cousa antes cá outra? Xavier Deive e Luís Iglesia comezan desde ese punto a interpretar a partitura da obra, que escribiu e dirixiu o autor e director teatral Diego Rey.

Con esta obra volvéronse a xuntar sobre o escenario (antes xa o fixeran en "Sede de mal") dous dos actores máis importantes e coñecidos do mundo teatral (e televisivo) galego. Con ela percorren os teatros e as vilas da nosa Comunidade, ou os parques como o da Solaina da Valenzá, que foi onde realmente os descubrín.

Aínda que, antes, por suposto, xa sabía deles grazas á televisión. Porque o teatro, é verdade, é o cume, a cúspide de calquera actor, o altar sagrado. Pero a televisión é coma o atrio da igrexa, onde se xuntan todos os parroquianos para "darse realmente a coñecer". A televisión, para os actores, é o coñecemento, a fama. O teatro son as tripas do traballo do propio actor.

Sabía de Luís Iglesia por velo, de cando en vez, en cachos das súas series "Terra de Miranda" e "Matalobos". Digo en cachos porque é ben sabido que eu non son home de series. Eu son home de películas, de longametraxes nocturnas, sexan televisivas ou polo DVD. Certo, pola pantalla cinematográfica, cada vez menos. Non nos desviemos.

Luís Iglesia Besteiro naceu en Riotorto, Lugo, o 2 de febreiro de 1962. Vinculado a grupos de teatro, empezou a súa carreira profesional en 1986 como actor e director de dobraxe, e compatibiliza estas actividades co teatro (en grupos como Teatro do Aquí ou Volta e Dálle), coa televisión, co cine e máis coa locución. Esta última é unha das súas máis importantes, grazas á marabillosa voz que ten. Tanto que imparte cursos específicos da mesma, é dicir, de locución. Outra proba da súa voz é a dobraxe que lles fai a actores míticos como Harrison Ford, Robert De Niro, Mel Gibson e Paul Newman, entren outros. Realizou campañas de publicidade para marcas como Estrella Galicia, Caixanova e Caixa Galicia, e púxolle voz a miles de documentais de produción galega.

Os seus traballos máis coñecidos, a maiores dos xa citados, son "Libro de familia", a miniserie de Antena 3 "Non son coma ti", as longas para TV "Entre bateas", "Cota vermella" e "Pataghorobí", as longas para o cine "A promesa" ou "Heroína" e, por suposto, "Vilamor", o filme de Ignacio Vilar e actuando ó lado do meu amigo Rubén Riós. Tamén participou en dúas series de Telecinco: "Piratas" e "A fuga".

Xabier Deive naceu en Narón o 14 de maio de 1970. Poida que non sexa tan coñecido coma Iglesia, pero si ten infinidade de curtametraxes sobre as súas costas, así coma catro longametraxes desde que rodara no 2011 "Jalisco". Cinco anos máis tarde rodou xunto a Ernesto Chao "En teoría", e no 2007 tivo á súa beira, nada máis e nada menos, que a Carmen Maura, Roberto Álvarez e Morris na película de Antonio Hernández "O mellor dos males".

Xabier Deive, e creo que coma todos, non sería actor se non fose polo teatro. A ver, xa teño dito que os que presumimos de escritores, adoitamos empezar escribindo versos. Pois os actores empezan pateando as táboas. Así de simple. Deive tamén o fixo coas compañías Caroza Teatro, Teatro Maltés, Ollomoltranvía, Galería Cía de Teatro e Uvegá Teatro.

Luís Iglesia e Xabier Deive xuntáronse os dous en Boneca Lareta para filosolfar no parque da Solaina e para que este servidor molgués fose detrás da súa existencia, da deles. Penso, logo existo. Mentira!... pensei un chisco, existen eles. Espero conseguir que tamén existan para vós.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES