Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falar con Deus

sábado, 01 de julio de 2017
Estes últimos días acompañoume a lectura de 'O alfaiate portugués', volume de prosas do tradutor e escritor Xavier Senín que tirou do prelo a Editorial Galaxia na súa colección Literaria.

O certo é que unha parte dos textos contidos no libro éranme familiares por telos ido lendo no seu día nas páxinas de El Correo Gallego, na que o autor de Pontecesures é columnista dende hai anos. Mais non chegara a todos eles no seu momento, polo que o coñecemento desta escolma me resultou do máis estimulante.

Falar con DeusE é que 'O alfaiate portugués' é unha desas obras que cómpre ir abocadando aos poucos, demorándose en cada pequena peza, unha filigrana fina na que escintila o brillo do anódino, do aparentemente intranscendente por cotián, mais revestido dun poder de revelación epifánica da realidade que tan só os avisados son quen de detectar.

O prologuista do volume, Víctor F. Freixanes, escribiu no seu lúcido limiar unha síntese definitoria que considero ben caída e que presenta estas páxinas como a obra dun “cronista da realidade de noso, neste caso unha realidade próxima, afincada nas paisaxes, anécdotas e tipos humanos da cultura tradicional”.

Así é. 'O alfaiate portugués' resulta todo el un grande espello dun mundo que foi e do que apenas se fican os ecos: as verbenas de antano, o xantar dos días de festa e de celebración á vella usanza, os heroicos oficios tradicionais, os cinemas de vila, as orquestras de parroquia, a comunicación epistolar dos emigrantes, a chegada da televisión e tantas outras realidades que por forza serán vistas con empatía cómplice polos lectores de certa idade e con curiosidade expectante polos máis novos.

Todas estas prosas arremuíñan nun espazo imaxinario, Lobeira, que é un non lugar de todos os lugares, unha localidade que pode ser calquera das que todos coñecemos por Galicia adiante e na que a paisaxe e, sobre todo, a paisanaxe é unha moeda común na que vérmonos proxectados. Neste sentido, a intensión do mundo literaturizado, así como a estética narrativa na que estes textos están codificados aproxima a escrita de Senín a aqueloutras do Casares xornalista literario, tamén si ás do Cunqueiro benhumorado e fabulador, evidentemente ás do Castelao das cousas e, xaora, ás do Fole máis xenuíno captador da esencia popular. Toda esa escola de contadores de altura, mestres do minirrelato e as semblanzas, vai neste O alfaiate portugués, que naceu baixo a estrela da necesaria brevidade da columna de periódico e que, por iso mesmo, gaña en densidade expresiva o que non pode permitirse cos excursos.

Non quero deixar de anotar que estas planas se ven filtradas por outros dous adobíos ben definitorios da ollada galega; a saber: a melancolía e o humor. Hai nelas un ollar que en non poucas ocasións debroca no morriñento, o lánguido e ata o nostálxico, véndose compensado coa sutileza do sorriso que medra ante situacións absurdas ou despropositadas, nas que as saídas disparatadas ou ocorrentes selan unha circunstancia tantas veces imposible. Por iso certos curas, se queren ter público nas misións, teñen que ir procuralo á rebotica; os campaneiros son virtuosos da sinfonía dos sinos; por iso hai homes termómetro que ventan o tempo que vai facer; os organistas improvisan “Yesterday” na consagración e algúns paisanos cren sandar, verdadeiramente, coas forzas insufladas polos raios X dunha placa.

Un personaxe deste libro, o tío Pepe, cando quería estar realmente a gusto “pillaba un bo queixo de Curtis que se desfacía coma a manteiga e unha botella de Rioxa, sentaba á mesa e dicía, cun brillo especial nos ollos: —Isto é falar con Deus”. Coller da man este O alfaiate portugués e acompañalo de calquera doce, poño por caso, un bo anaco de bica, un melindre ou tarta de Compostela ou Mondoñedo, é para un como estar no Ceo, porque a boa escrita sabe atallos para as alturas que só adiviñan os mellores camiñantes.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES