Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que é ser cura? (e II)

jueves, 22 de junio de 2017
Remataba a primeira entrega deste traballiño sobre a miña visión do que pode significar ser cura, dicindo que esta visión pode verse condicionada pola idea que teñamos do que na vida das persoas debe entenderse que fai referencia a Deus, e dicía que conforme ó Evanxeo, se atopamos a Deus no Sacramento do Altar tamén podemos e debemos atopalo no sacramento dos irmáns, especialmente nos máis necesitados.

Pero non todos nin sempre o entenderon así. Un venerable sacerdote díxome ó pouco de ser eu ordenado, que a razón de ser dun cura estaba xustificada pola misa de cada día e polo rezo do breviario. Xa daquela respondinlle que entendía que celebrar na misa a fracción do pan que alimenta á comunidade e animar á comunidade a compartir os diversos “pans” pode xustificar unha vida; pero que dicir ben a misa e rezar ben o breviario non pode servir de desculpa pra non encher de dedicación a Deus e ós demais polo menos o mesmo tempo de traballo que se lle pide a un traballador normal.

De novo pode haber discrepancias no xeito de entender o que é a dedicación a Deus e ós demais, xa que, mentres que algúns poden entender que dedicar tempo a rezar o breviario ou o que sexa é un xeito de perdelo, outros pensamos que orar polos que teñen menos tempo a facelo e polo mundo en xeral non é un malgasto do tempo, e tamén cremos que da oración privada e da comunitaria sae a forza, tanto pra poder apertar agarimosamente a man dun moribundo a calquera hora do día ou da noite, como pra denunciar inxustizas e loitar pola xustiza, como pra crear fraternidade entre uns mozos utilizando os medios máis variados, coma ensaiar e facer obras de teatro, ou como comerlle terreo á droga poñendo en marcha e acompañando un grupo folclórico. E que me desculpen os curas de cidade por citar experiencias máis ben do rural, pero é o que mellor coñezo.

Botando man da carta ós Filipenses entendo con San Paulo que: “Todo o que sexa verdadeiro, digno, xusto, puro, amable e honorable” tamén fai referencia a Deus e ó mesmo tempo é bo prós homes e mulleres de aquí e de agora.

En canto á oración quero recordar que tamén Xesús, modelo pra calquera cristián e non menos pra calquera sacerdote, buscou forza na oración pra acariñar a nenos, vellos e leprosos, pra ser comprensivo e perdoar, e ata pra mesturarse e comer con xente de mal vivir sen importarlle gran cousa o que dixesen os que se tiñan a si mesmos por moi bos e sempre foron moi coidadosos de non contaminarse. Estes pastores dificilmente poderán ulir a ovella, como dó o Papa Francisco.

Claro que hoxe con tantos adiantos xa hai pastores eléctricos que permiten pastorear desde un despacho sen baixar ós camiños e corredoiras e ter que arremangar as roupas talares; que non son exclusiva de curas frades e monxas, non se vaia pensar.

Unha vez que na parroquia rural de San Martiño de Goberno, onde nacín e teño o privilexio de vivir, se fixo un magosto pola noite no campo da festa o mesmo día de San Martiño, 11 de novembro, alguén me pediu que subise ó palco facer rir un chisquiño ós veciños contando algún conto á miña maneira. Subín (xa contaba con facelo, pero preferín que mo pedisen) e conseguín que rísemos xuntos os que xuntos choramos a miúdo por algunha persoa que se vai ou por nove vacas que matou un mal raio na corte amarradas á colleira.

Cando baixei do palco, a tamén veciña e amiga da infancia, Florentina, colleume polo brazo e díxome polo baixo: “Vaia que te sentiches cura tamén agora coma pola mañá na misa?”. Haberá quen se escandalice, pero a miña resposta foi: “Agradézoche que o notases e mo digas”. Mentres tanto outro venerable párroco chamábame con despezo “saltimbanqui e titiritero”. Peor lla armaron a Xesús cando quixeron dalo por toliño da cabeza. Pois, tamén El cumpría coa súa misión tanto multiplicando o pan no descampado coma bendicíndoo e partíndoo no Cenáculo, coma convertendo a auga en viño.

Unha das definicións de cura que se ten usado moito é a de “Ministro del Señor”. Viña aceptándoa como unha máis sen pararme moito a pensar ata que una vez aló en Madrid, concretamente en Boadilla del Monte, hai uns 15 anos, nunha homenaxe ó Padre Ángel de Mensajeros de la Paz, un señor co que me tocou compartir mesa entre outras oito persoas, moi elegante e fino el, doutor en non sei cantas cousas, facéndose o pobre ignorante ó mesmo tempo que se mostraba moi superior humana e espiritualmente a un curiña de aldea, porque el, ademais dos títulos académicos moi altisonantes, militaba nunha asociación eclesiástica (non eclesial) elitista, me dixo con retintín pra rebater algo que eu acababa de dicir e que agora non vén ó caso: Bueno, creo que esas ideas no son pra exponer publicamente un ministro del Señor”. Daquela pensei á presa, porque quería quedar ben ante os outros oito comensalos e comensalas, e respondín: “Yo no soy ministro de nadie ni quiero serlo. En primer lugar, porque entre ministros también los hai que sólo buscan el poder y acaban siendo corruptos y en segundo, porque pobre de nuestro Señor si tiene que depender de mi pra administrarle su infinita misericordia”. Despois, pra congratularse, aquel señor doutor en non sei cantas cousas dábame a súa tarxeta, pero non lla quixen, porque eu non tiña ningunha miña pra intercambiar e se a tivese, se cadra, tampouco lla daba por se tiña influenzas máis arriba e podía empregalas pra levarme ó seu rego.

Isto é case todo o que sei dicir de ser cura despois de cincuenta anos séndoo, pero, unidos ós irmáns na vocación básica ó sacerdocio bautismal e ós compañeiro na vocación ó sacerdocio ministerial e na obediencia ó bispo diocesano, sen servilismos, xa que, se hai a promesa de obedecer, tamén hai o deber de saber mandar; e na unión con el e coa comunidade diocesana, cada un irá realizando a misión encomendada como Deus lle dea a entender e os seus “talentos” de adulto na fe llo permitan desde a fidelidade ó Evanxeo e ás mulleres e homes de aquí e de agora, sen ataduras indisolubles, agarrotantes e uniformantes a leis transitorias e cambiantes.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES