Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A democracia por baixo do brazo

martes, 20 de junio de 2017
Despois de tanto tempo, obviamente, os recordos son difusos e, malia que cada día me admira máis esa xente que é capaz de ter retido na memoria o día exacto do ano e do mes no que colleu na man determinado libro que lle marcou a infancia ou o primeiro día que se esnafrou na bicicleta, eu son un desastre para os recordos e sempre me aparecen -coma nas películas- mesturados dun neboeiro londinense que non me permiten ver os detalles, aínda que si o conxunto da escena.

E escena podo describila no seu conxunto, ambientada no pequeno salón da casa dos meus pais, sentados ó pé dunha mesa camiña e seguindo as noticias que en branco e negro salfería unha televisión Vanguard, de pouco máis de 20 pulgadas, con antenas de cornos e asa superior (descoñezo con que obxecto as empezaran a dotar de asas, se non había para onde trasladalas) e que a miña nai, unha das miñas irmás maiores e máis eu -os outros non estaban na casa- con dezasete anos e recén chegado de Gijón -onde estudaba-, seguiamos con moita máis expectación ca conciencia os momentos históricos que estaban a acontecer diante de nós.

Non teño conciencia de que a noite fose especialmente calorosa, pero supoño que sen chegar ás temperaturas que andamos a padecer estes días había ser morna, polo que non se nos fixo pesado agardar para ir á cama, a que pechara a emisión.

A min aínda me faltaban uns meses para poder votar, polo que a conciencia de animal político que logo de súpeto a todos se nos espertou, aínda non se me espertara de todo, razón pola que non vivín con partidismo nin especial seguidismo a xornada, aínda que -iso si- non vía eu daquela á UCD como soporte garantista do mundo que estaba por vir. Probablemente naquilo influíra o feito de meu pai era militante activo da causa centrista (franqueirista, debería dicir) e eu levaba tres cursos estudando no corazón político dunha terra con ben diferente tradición.

Coa noitiña avanzada, a miña irmá -que daquela vivía no País Vasco e viñera a Celanova para cumprir coa tradición e que os fillos nacesen galegos- maior sentiu o cansanzo do peso extraordinario que portaba con ela e marchou á cama. E, supoño que detrás dela, tamén marchamos nós.

Ó outro día pola mañanciña un taxi levouna á residencia de Ourense e ás poucas horas alumeou a unha nena fermosa que logo me precei de apadriñar. Non creo que fose a primeira porque daquela aínda nacían bebés na provincia, pero si estou seguro de que os seus foron dos primeiros azoutes democráticos que algún neno levou en Ourense.

Onte cumpríronse corenta anos daquela e como colectivamente xa nos temos felicitado todos por tan importante efeméride, permítame, benquerido lector, esta pequena licenza e hoxe felicite -por ter traído, non un pan por baixo do brazo senón a democracia- á miña sobriña Beatriz.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES