Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Oferta de vida

domingo, 18 de junio de 2017
No domingo pasado celebrabamos a festa da Santísima Trindade. E tomabamos conciencia do seu significado como revelación de Deus a nós do que el mesmo é: un Deus que, desde sempre, é un Deus que na súa unidade é en si mesmo diferente. Diciamos tamén que ese Deus quere comunicarse a todos e facer de nós, en comuñón con el, algo semellante ó que el mesmo é. É dicir, sermos todos con Deus, e en Deus, unha soa e incomparable familia. Unha familia, na que esteamos todos unidos entre nós e con Deus polo amor, manténdonos porén todos e cada un de nós autónomos e libres, é dicir, diferentes.

Ó celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos esquecer este contexto xeral grandioso do que é Deus en si mesmo e desta marabillosa relación súa connosco. Deus quere unirse connosco e así darnos verdadeira vida propia.

Como sabemos, a meirande expresión e sinal da relación de Deus connosco é o feito de que el se fixo un de nós en Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso. Con este Xesús visible, audible e tanxible estiveron en contacto directo os seus apóstolos e discípulos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús.

Con todo, os que vivimos e existimos despois deles, temos tamén a posibilidade de relacionármonos dunha maneira especial con Xesús e, a través del e nel, co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.

Porque na Eucaristía entramos en contacto especialísimo con Deus. E isto ocorre de dúas maneiras fundamentais. A primeira é cando lemos ou escoitamos comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o ben que nos fai a todos cando alguén nos dirixe a palabra. E tamén como nos doe cando alguén coñecido pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais, mais achicámonos ou esmorecemos tamén cando os demais nos desprezan ou simplemente non falan connosco. Deus, polo contrario, coa súa palabra amorosa, fálanos a todos de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos bos exemplos dos demais, a través da súa palabra que se nos fai presente nos Evanxeos.

Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos dá azos, porque nos ofrece un sentido para a vida, porque nos fai así vivir realmente. E xa sabemos que para vivir, para querer vivir, non é abondo coa comida material, por importante e imprescindíbel que esta sexa. A primeira Lectura lémbranos xustamente isto cando nos di, por boca de Moisés, que “o home non ha de vivir só de pan, senón de toda palabra que sae da boca do Señor”.

A segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos encontros comunitarios é a comuñón. Recibir o Cristo vivo nas nosas eucaristías. Cando facemos isto, somos conscientes de que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus na que cremos, sabemos que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un incríbel impulso vital e reconfortante.

Chámame moito a atención a repetida presenza da expresión “vida” no texto do evanxeo de Xoán desta festividade cando nel se nos describe Xesús falando do poder vivificador do comer o seu corpo ou do beber o seu sangue. Aínda que, en realidade, non podía ser doutro xeito desde que sabemos que Xesús se definiu a si mesmo como “Vida” ó dicir: “En son o camiño, a verdade e A VIDA”. Por iso, se Xesús se entendeu a si mesmo como “Vida”, non pode el ser nin actuar senón como tal cando os que participan na eucaristía se achegan a el para recibilo sacramentalmente na comuñón. El exprésase efectivamente ben claramente no texto indicado de Xoán deste modo: “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”. E no caso de non procedemos así, dirásenos que “non teremos VIDA en nós mesmos”...

Neste contexto podemos preguntarmos: É que hai alguén que non queira vivir? Vivir, ademais, de maneira plena, “ó tope”, tal como adoitamos dicir. Deus fíxonos precisamente con moitas, con infinitas ganas de vivir, xustamente porque el, que é infinito, quere comunicarse plenamente a nós. E como El é VIDA eterna e infinita, por iso tivo que facernos a nós con desexos infinitos de vivirmos sempre. Do contrario, non sería viábel que el se puidese comunicar connosco.

Por iso, a festa do Corpo e Sangue de Cristo ten que ser para nós unha nova e especial ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus que se deixa comer por nós para así podermos participar da súa forza e da súa vida.

Os dietistas especialistas e os medios de comunicación instrúennos moito hoxe en día sobre os alimentos que temos que comer ou deixar de comer para mantérmonos en forma e para alongar o máis posible a nosa vida ou, como se di, a nosa calidade de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles fagamos a esas recomendacións, o problema principal, o de vivirmos sempre, non nolo resolven.

Pola nosa parte, en canto cristiáns, temos que saber proclamar e ofrecer tamén, para dicilo dalgunha maneira, a nosa propia mercancía e a nosa propia dietética. Que consisten, en definitiva, en anunciarmos e vivirmos ó tempo en nós mesmos a Cristo como “Vida”, como dador de vida, dunha vida que non ten data de caducidade, porque é infinita e eterna.

Unha forte crenza na vida, por outra parte, que se ha de amosar no noso interese polos vida de todos, de maneira especial daqueles cos que convivimos e que máis precisan da nosa axuda. Por iso esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo social, aberta de par en par. Para que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos nós algo da nosa, daquilo que somos ou temos, ós demais. Por iso esta festa de hoxe está unida tamén tradicionalmente ó día da Caridade. Queiramos os demais como Deus nos quere a nós.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania