Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilas galegas da cultura

sábado, 17 de junio de 2017
Acabo de ler nun xornal portugués que o Parlamento Europeo aprobou nantronte a nova lista de países que acollerán as Capitais Europeas da Cultura, unha iniciativa que naceu no ano 1985 e que constitúe unha oportunidade única para que determinadas cidades poidan dárense a coñecer e posicionárense con firmeza no resto de Europa e que constitúe, polo tanto, unha base de lanzamento fundamental para que aquelas elixidas poidan fomentaren o turismo e ó mesmo tempo relanzárense para o futuro a través dunha repensada do desenvolvemento do seu potencial cultural.

Pode crerme se lle digo que dende a súa fundación non son quen de lembrar ningunha cidade española que gozase ata o de agora de tal privilexio, mentres gardo nitidamente na retina -porque tiven oportunidade de as visitar- o que esta denominación supuxo no ano 2001 para a cidade de Porto e, máis recentemente, xa no 2012 para a fermosa e cercana Guimarães.

Son pequenas probas que demostran, sen dúbida algunha, a cercanía social e cultural que a miúdo mantemos co noso país irmán, fronte á extensión territorial polo que se espalla o noso.

Pero trouxen a colación a devandita información, non para realizar unha comparación -porque as comparacións son odiosas- entre as redes sociais que os galegos mantemos co norte de Portugal ou coas outras comunidades ibéricas, senón para tomar como referencia esta iniciativa europea (que no caso de Portugal non volverá ó país veciño ata o ano 2027, mentres que a España non chegará ata o 31) e facer unha proposta pública para quen a quixera recoller.

Hai uns anos, tendo fronte a el ó presidente da Xunta, o daquela presidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro, poñendo sobre a mesa todo o criterio intelectual dun dos máis prestixiosos historiadores de Galicia, dixo en Celanova que as vilas galegas (engadiría eu, as vilas históricas galegas) foron ó longo da historia, e continúan a seren, o berce da galeguidade e o lugar onde se acabará conservando a esencia do noso ser como pobo.

Foron unhas declaracións moi aplaudidas por todos e mesmo corroboradas polo propio presidente da Xunta, pero que non pasaron do ámbito protocolario, porque vai alá para seis ou sete anos daquela e, que eu saiba, non se deseñou ningún programa de xestión que dende a Administración autonómica fomentase esa singular característica que atesouran lugares como Allariz, Celanova ou Ribadavia, por poñer de exemplo tan só tres.

Velaí porque eu insisto de cando en vez en que xa vai sendo hora de deseñar un programa que, seguindo o guión das Capitais Europeas da Cultura e adaptándoo ás nosas dimensións, declare cada ano a dúas Vilas Galegas da Cultura para darlles a oportunidade de que se posicionen culturalmente no mercado, cando menos, astur-galego-castelán-portugués.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES