Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De quen é?

miércoles, 14 de junio de 2017
Recollo, entre os areais informativos da Rede, unha vistosa xibia de calamar -é dicir, unha información- que fala duns documentos históricos de Perú, pero que, por non sei qué dereitos de retracto, resulta que viñeron parar ó patrimonio nacional español e que seica estiveron a piques de provocar un enfriamento -en linguaxe diplomática, un verdadeiro problema- nas relacións institucionais entre ámbolos dous países.

Polo que tiven oportunidade de ler, seica o Ministerio de Cultura español mercou unha especie de Códice Calixtino da cultura peruana, denominado Códice de Trujillo e que está constituído por 136 láminas de polo visto gran valor simbólico para a cultura daquel país, pero ó seren adquiridas polo noso, Perú seica quedou con cara de parvo, sen poder recuperalos para o seu propio patrimonio nacional.

A información, malia non ter nada que ver -que eu saiba- con Ourense, nin con ningún ourensán dos moitos que entre os séculos XVII e XVIII andaron polo país andino -que os houbo, e a ducias-, fíxome cavilar a min nunha interpretable circunstancia como é a quén pertence realmente o patrimonio que xorde nun determinado lugar e, logo, por avatares da historia acaba no depósito doutro lugar, sexa este un país, unha comunidade autónoma, unha deputación provincial, un concello ou mesmo un simple museo.

Digo isto porque eu son dos que penso -por exemplo- que a miña vila natal conta cun magnífico legado histórico e documental, hoxe depositado en lugares tan dispares como a colección da Hispanic Society de Nueva York, no Museo Histórico Nacional, noutros museos ministeriais, no Arqueolóxico de Ourense e incluso no da Catedral, que no seu conxunto estou seguro de que daría para enfiar un discurso expositivo certamente interesante e nalgúns casos mesmamente único para que Celanova puidese contar cun museo chamado a incrementar o xa de seu atractivo cultural e a axudar a dinamizar turisticamente o pobo, como o viño dinamiza as catro comarcas nas que se cultiva e mesmo as augas termais fan exactamente o mesmo naquelas poboacións que teñen a sorte de contar con mananciais terapéuticos.

Por iso que, chegados aquí, pregunto eu: ¿De quen é, realmente, o patrimonio histórico que ó longo do tempo foi regresando ó futuro da man dos arqueólogos de Castromao? Ou: ¿De quen é o singular xadrez fatimí adquirido por Rosendo Guterres ou por alguén moi próximo a el e que só abandonou Celanova cando a Desamortización baleirou o edificio monacal?

Para min as respostas están claras. Supoño que para outros, non tanto. O que si creo que non admite dúbida é que, alén da súa propiedade actual, o que si deberían é contribuíren a dinamizar economicamente o lugar de onde proceden. E para iso só hai unha solución: Que acaben por estaren -coma os documentos do Perú- onde teñen que estar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES