Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carta aberta a un compañeiro secularizado, pero compañeiro (e II)

jueves, 25 de mayo de 2017
A Don José María Rodríguez Díaz, en paradoiro materialmente imprecisable.

Querido compañeiro e irmán polo bautismo, polo sacerdocio e polo cancro, que a ti te levou todo enteiro nuns poucos meses e a min me levou a voz vai pra catro anos, creo que por fin chegoume a resposta que quería dar ó teu non pouco angustioso pensar asociando irse da casa do Pai e volver a vista atrás con secularizarte e casar.

Non ten por que ser a única válida, pero a min pareceume convincente e a ti parece que che valeu. Paseicha, porque para ti era, a última vez que nos vimos, aquela tardiña soleada e morna de mediados de abril na que me levaron visitarte Angelines e Fernando, matrimonio de galegos residentes en Madrid que viñeran aqueles días dar unha voltiña pola terra das súas raíces, entrados en anos coma nós, con doenzas polo corpo coma nós, pero con gran sensibilidade relixiosa coma ti, e moi animosos como quixera ser eu se tivese máis folgos.

Correspondendo á boa acollida que os destes Asunción e ti, sentíronse na vosa casa coma na casa duns amigos de toda a vida.

Sabendo da relixiosidade de todos, levei comuñón pra cinco. Foi unha celebración moi íntima, pero tamén moi viva e sentida do sacramento do perdón que puidestes recibir os catro e, como sacramento, entendo que eu non puiden recibilo, conforme á lexislación vixente, porque eu estaba sendo a canle visible, parte do signo sensible, pola que se percibía externamente que chegaba naquel momento o perdón da fonte divina.

Pensei que podías volver a ser ti por un momento excepcional esa canle, querido José María, sacerdos in eternum, e facilitares a chegada tamén ata min do perdón regalado, pero non era momento de forzar nada nin de poñerse con experimentos, senón de buscar paz para ti e para todos.

Tamén foi unha celebración íntima dunha Eucaristía sen consagración, entendida no senso sentido etimolóxico grego como acción de gracias, ou como moi ben dixo o que foi teu sempre amigo e compañeiro de Coro catedralicio e meu formador no seminario, e amigo e referente, Fernando Porta, desde a madura lucidez dos seus 89 anos: “Unha verdadeira Eucaristía de dolor humilde e de amor”.

Angelines, cos seus … e pico, moi ben levados por certo, axudounos a rezar a todos en silencio rezando e cantando ela: “Madre, óyeme, mi plegaria es un grito en la noche”.

Ti, con moita dificultade e coa axuda das dúas mulleres, e do outro home que non era eu senón Fernando, de setenta e … pico, máis ou menos coma a muller, axeonllácheste (arrodillácheste) pra recibir a noso Señor, que se fixo tan pequeno que coupo para repartirse entre cinco nunha caixiña dourada.

Á hora dunha relativamente improvisada oración para dar gracias, non foi nada difícil naquela especie de cenáculo por un momento, no que se converteu a sala de estar da vosa casa antes de tomar un café, dalas tamén por teres unha muller, Asunción, que nunca che impediu seguir querendo o que sempre quixeches e que na túa debilidade, te coidaba cun mimo de esposa e de nai ao mesmo tempo, e por unhas familias tanto da túa parte coma da dela que non podían facer máis por ti do que fixeran e seguían facendo desde que se che descubriu a derradeira enfermidade.

Debía ser esa, a acción de gracias por ela, a resposta que agardabas, porque se che iluminaron os ollos cunha luz nova antes de romper a chorar e dáresme ti a min mil gracias.

Equivocábaste, amigo, pero no che levei a contraria alí diante da xente, é a Deus a quen hai que darllas sempre en primeiro lugar, e son eu quen chas tiña que dar a ti: porque desde que nos reencontramos, vai para uns catro anos, despois dun tempo sen especial relación, se cadra porque tamén eu estaba mal influenciado por unha mala aplicación do de mirar para atrás cando se ara, que me leva a non mirar tampouco prós irmáns que camiñabades ó me lado, sempre me valoraches por encima do merecido, e, aínda aplicando eu a rebaixa correspondente axudáchesme a sentirme útil e importante, porque che importaba a ti e porque me ías facendo caso e seguías furgando no ordenador, cando, vendo con que madurez humana e cristiá aceptabas a morte, che dicía: “Moi ben; José María, pero non podemos morrer antes tempo. Non ves que se nos baixamos do tren en algunha estación anterior á que nos corresponda imos aburrirnos moito agardando outro tren que se cadra non vén, e obrigamos á familia a facernos velorios en vida?”

Teño que ir parando porque canso e ti has ter marabillas que gozar e moitos amigos cos que estar. Pero, por se non me lembro cando nos volvamos a ver, quería dicirche dúas cousiñas: Unha, que agora que estou de vodas de ouro, paréceme que ben me pagou a pena ser cura, aínda que non fose máis ca por permitíresme axudarche algo, non a ben morrer, senón a pasar a esoutra Ribeira.

Algo así coma un Caronte, barqueiro si, pero non infernal coma o orixinario da mitoloxía grega ou o reconvertido de Dante, senón barqueiro celestial, porque a barca que usamos é a de Pedro que nola prestou, imperfecta, pero de Pedro e de Francisco tamén.

A outra cousa é que vin morrer a moitos e de todos e todas aprendín; pero se puidese escoller, escollería morrer coma ti, compañeiro e mestre.

Ós que vexas por aí e che pareza que son meus amigos tamén, dálles moitos recordos, especialmente a Don San Jaime. El ben sabe por que llos mando. O seu libro, contando con Félix Villares e as colaboración preciosas que van chegando, vai quedar unha chulada. Xa a portada, que tiveches a sorte de poder ver para íreste máis tranquilo, porque túa foi a idea, do tamén compañeiro e irmán, Ramón Irago Silva, é a obra dun gran artista coa sensibilidade dos místicos. Pero do libro é mellor que de momento non lle digas nada a el, porque, non sei como se levan esas cousa de sufrimentos internos dos benaventurados, pero Don Jaime é capaz de poñerse a sufrir e mesmo de chorar pensando que tampouco do libriño é merecente.

Pois nada máis e ata calquera día por aí pola Vida. Gustaríame que non estivésemos moi lonxe, pero aínda que poidas non movas un dedo, que de tráfico de influenzas seguimos por aquí ben servidos, ata con varios gregorianos ó mesmo tempo por algúns, pensando que así saltan impunemente os as limitacións de velocidade no camiño do Reino dos ceos e pódenlles adiantar pola dereita ós pobres de espírito e do resto tamén, ós que choran con quen chora, ós misericordiosos e misericordiados…

A ti o día do enterro, día de San Xoán de Avila, patrón do clero diocesano, como fuches Salmista da Catedral de Mondoñedo, dedicámosche os sesenta e pico que nos xuntamos pra celebralo, xuntamente co novo Bispo Don Luís Ángel, un salmo ben fermoso. Xa te enterarías, non? Fixácheste con que forza rezaba outro dos teus grandes amigos xa citado, Fernando Porta? Pacio Lindín tamén seguro que rezou desde Nova York, porque segue moi ó día desde por aló do que pasa por acó, e a Edelmiro Bascuas xa o tés por aí.

Remato e non é sen tempo. A Salvación hai que celebrala, pero non é necesario mercala como pensan algúns ricos en tempo, cartos ou avemarías, nin argumentala, como din algúns teólogos fríos, por selo só do pescozo pra riba, e paréceme a min que a teoloxía sen corazón, terá moito de loxía, ou tratado, pero pouco de teo, ou Deus. Non hai que mercala nin argumentala, porque a Salvación dásenos gratis, por gracia; pero se fixera falta argumentala e se xuntan Pacio Lindín e Bascuas esgrimindo razóns polas que ti es digno dela, “non hai dios” que os desmonte e que Dios me perdoe a expresión coloquial.

Dalgunha maneira xa levo un bo cacho despedíndome, pero non dou atinado co remate axeitado. Quizais poida valer: Ata a noitiña ou o amencer na oración, compañeiro, amigo, irmán.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES