Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O enigmático futuro da humanidade

viernes, 19 de mayo de 2017
Reflexionar sobre a realidade de hoxe, que rompeu a ficción de onte, e pensar se o home será bastante sabio para analizar o futuro que lle espera, está sendo algo necesario, porque vai ter que enfrontarse, e sen tardar moito, cun progreso tecnolóxico de primeira liña e coa urxencia de valorar ata onde é favorable ou crea riscos para a Humanidade. Para iso xa conta con algunhas investigacións, que se adiantan ás tormentas e fortalecen a esperanza.

Non crean que os investigadores que traballan neste campo son un fato de filósofos ilusos que se empeñan en complicar todo para non dicir nada. Non me sería difícil traerlles aquí varios exemplos de excepcional seriedade; pero voume contentar con ofrecerlles un bastante próximo, en Oxford, o INSTITUTO PARA O FUTURO DA HUMANIDADE (FHI, siglas en inglés). Nel traballan filósofos (si...!); pero tamén economistas, especialistas en tecnoloxía, físicos e matemáticos. E todos, dende a súa perspectiva, estudan os riscos de extinción da especie humana, do home. Ao fronte disto está o sueco NICK BOSTOM, autor dunha obra titulada SUPERINTELIXENCIA: CAMIÑOS, PERIGOS, ESTRATEXIAS.

Neste traballo reflexiona sobre un futuro no que a intelixencia artificial (AI) acade superar a humana. Saben vostedes de onde lle chegaron os apoios a este ensaio?. Pois... de Bill Gates, o informático e empresario multimillonario, do Microsoft; Elon Musk, nacido en Pretoria (Sudáfrica) e director da empresa más innovadora do mundo, Tesla Motors; Max Tegmark, cosmólogo sueco–estadounidense, profesor do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, no que forma parte da Dirección Científica, e é o que formulou unha importante teoría, con base no postulado que afirma que “todas as estruturas que existen matematicamente existen fisicamente”, etc.

Como poden comprobar, os investigadores do Instituto para o Futuro da Humanidade, de Oxford, gozan de prestixio científico, e desexo resaltalo, para valorar a pregunta que fai N. Bostom: Se os robots (que xa están aí por todas partes), nos enriquecerán ou, polo contrario, nos substituirán. Trátase dun estudo serio para despexar un pouco a tempo (e reparen nisto os políticos) se o traballador en xeral, en sentido amplo, vai quedar sen salario e baleira de sentido a súa vida, xa que a actividade laboral a enriquece e lle da satisfacción á persoa humana. Imaxinen, pois, as súas funcións os sindicatos e outras institucións de protección laboral, e vaian tomando boa nota. Quen sairá de ruada, os robots super–intelixentes?. Si, hai moitas cousas que non nos encaixan; pero se estamos cerca das terapias con portadores “intelixentes”, dirixindo os elementos activos das medicinas ás células unicamente cancerosas, permítanlle a un iluso divagar un pouco. E non tiremos pola borda este “ciberataque” que se estende a todo o mundo, nin o funcionamento do sistema monetario virtual, os “bitcoin”, etc.

Pero deixemos estes parágrafos de matiz erudito, que non trouxen aquí máis que para que se perciba a importancia que ten esta temática, e os políticos empecen a considerar se procede abrir as vixías do presente cara a un futuro tan inquietante e enigmático, que unha antropóloga, María Dolores Prieto Santana, colaboradora da revista electrónica “FronterasCTR”, da Universidade de Comillas, aborda nun artigo, “El enigmático futuro de la humanidad y las tradiciones religiosas”, na miña modesta opinión, con moito acerto. Ela botarame unha man nos seguintes parágrafos.

Como a experiencia xa nos pon en evidencia, o progreso tecnolóxico é ambivalente: Podemos derivar del consecuencias favorables para a Humanidade, e consecuencias catastróficas. Polo tanto, este progreso leva sempre aparellados riscos, que, na maioría dos casos, provoca o mesmo home. Pero, como escribe a antropóloga, “un dos aspectos máis preocupantes para moitos analistas é a aparente oposición entre progreso tecnolóxico e desigualdade. A pregunta está formulada nestes termos: o progreso tecnolóxico ¿favorece a calidade de vida do conxunto da humanidade ou soamente favorece aos xa privilexiados?.” É dicir, “¿son os marxinados ´efectos colaterais` dun proceso imparable do progreso tecnolóxico?”.

Ben vale a pena de reflexionalo, sobre todo tendo en conta ata onde os demagogos políticos, bastante irreflexivos no esencial, non corrixen as causas das enormes diferenzas nesta nosa sociedade, e así pasarán ás sociedades con elevado progreso técnico: O que ten medios económicos, puido adquirir unha preparación adecuada e conta con relacións sociais propicias, está, por suposto, en condicións de aproveitar esta situación, que, coma sempre, despachará privilexios a quen poida pagalos: As oportunas correccións xenéticas, por exemplo, estarán ao alcance de poucos petos, cando menos en moitos anos. N. Bostom ocúpase de todo isto; pero como a tecnoloxía corre moito máis veloz que a nosa preparación, preocúpao en grado superlativo a ignorancia consentida que acochamos nesta materia.

E tamén chegou o momento de xulgar as promesas políticas á luz deste futuro que se augura. Así, pois, ese goberno de cambio e progreso, e esas arroutadas dun capitalismo desalmado, as loitas por acadar soberanía para agachar na casa as vergoñas dun pasado de comportamentos insolidarios e arrogantes, etc., convén que delimiten alcances, recuperen cordura e respondan consecuentemente, a instancia dos medios defensivos da sociedade, porque o futuro non vai entender de tramabuses, nin de tancredismos, nin de “madres superioras”..., vai esixir estruturas sociais fortes e apropiadas ás necesidades contextuais, que pedirán respostas intelixentes, porque a labor dunha mentalización para afrontar os cambios que impón a mesma dinámica social (non as ocorrencias desasosegadas dunha erudición incompetente e sen horizontes asentados) non poderá eludir as grandes preguntas do home e da muller nun ambiente profundamente innovador nese futuro que espera ás novas xeracións.

Volvendo á achega da antropóloga, fagamos só referencia os riscos que ela denomina “os Cinco Xinetes do Apocalipses”: Guerra nuclear, pandemia provocada pola biotecnoloxía, superintelixencia, nanotecnoloxía e riscos que aínda non coñecemos. Son o que o investigador Anders Sandberg designa como “as cinco maiores ameazas da humanidade”. El é doutor en neurociencia pola Universidade de Estocolmo, e consecuente cos obxectivos do FHI, cree conveniente que o mesmo progreso tecnolóxico se utilice, dentro do posible, para evitar ou paliar os riscos referidos.

Sobre a “guerra nuclear”, o risco de que alguén poña en circulación algo devastador é baixo. O que si o preocupa é a ameaza do que se chama “inverno nuclear”, isto é, que a feluxe lanzada á estratosfera provoque un arrefriamento e unha seca mundial que se alargue moitos anos. En canto ás pandemias, no futuro a potencia tecnolóxica permitirá facer deseños dos patóxenos máis daniños, e isto entraña un perigo difícil de controlar nas mans e vontade dun home perverso. Pode producirse unha “explosión da intelixencia informática”; pero a investigación sobre isto e as súas implicacións parece que non están moi avanzadas, e pouco se pode dicir ao respecto con responsabilidade científica.

A nanotecnoloxía (control da materia cunha precisión atómica ou molecular), por agora, comporta máis beneficios que riscos; pero hai que afirmar que non se poden calcular os riscos futuros, aínda que se pensa que a produción deliberada deles pode chegar a ser máis accesible do desexable, e “as armas tamén poden ser elementos minúsculos e certeiros: un “veleno intelixente” que actúa como gas nervioso e localiza ás vítimas”. Hai que pensar, ademais, en que sempre xorden riscos descoñecidos que se escapan dun control eficaz.

E xa camiño de terminar, recordemos que os robots, que non dormen, nin piden vacacións, e producen sen cesar, desbancarán aos humanos en moitos traballos, e isto é algo que xa empeza a sentirse; pero, por fortuna, a investigación xera esperanza e non demora a solución dos problemas: Sirvan como exemplo o recente descubrimento de Federica Bertocchini, investigadora no CSIC, acerca de que os vermes da cera degradan o plástico, algo moi importante, tendo en conta que degradarse lévalle centos de anos; as encefalografías médicas poden utilizarse para coñecer ós nosos máis íntimos pensamentos; combinando imaxes das resonancias magnéticas coa intelixencia artificial pódese descubrir a idade do cerebro, que canto máis se diferenza da do corpo, máis risco temos de padecer enfermidades mentais e físicas; etc, e moitos outros descubrimentos que semellan extravagancias na nosa mentalidade de hoxe, o que nos indica a necesidade de conformala.

É, pois, mester confiar nas futuras investigacións, se os gobernos saben ser xenerosos cos investigadores.

As incógnitas, estrañas e ignotas para nosoutros, que as futuras xeracións vaian despexando nese futuro enigmático, tamén terán valores positivos, sen dúbida; pero correspóndenos a nosoutros a responsabilidade de preparalas para afrontar tales eventos. Aquí os políticos teñen traballo abondo neste campo, cunha visión dun futuro aínda máis globalizado, sen dedicarse ao infantilismo de tirarse chinitas que xa non interesan a ninguén con caletre san, e empeñarse en organizar entroidadas nas que, con indescritibles e cínicas propagandas de estar defendendo os intereses dos cidadáns, que pagan todo isto con diñeiro e indignación, en vez de adecuar e fortalecer as institucións e as estruturas sociais con vistas a ese enigmático futuro, están levándoas a un desprestixio e ridiculez extremas.

E se despois de ler este modesto artigo, quedan coa sensación dun salpicado de realismo nunha amalgama de ILUSION, entendan esta como a define Julián Marías: “O decisivo da ilusión é a ANTICIPACIÓN, ben porque algo se acerque ata min ou porque EU SAIA ao seu encontro”. (As maiúsculas, miñas).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania