Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arredor da bandeira azul...

jueves, 18 de mayo de 2017
A nova deixounos abraiado. A Praia da Rapadoira, perde a bandeira azul que viña ostentando dende había tres décadas; xoia dos areais mariñáns, sempre moi coidada; a de mais tradición en atencións e servizos; a primeira distinguida co galardón que acaba de perder; aureola que tanto colaborou ó prestixio co que conta, e da que sempre os focegos sentimos fachenda, e non sen razón ;acabamos de recibir o pao que nos temíamos e no que algúns tanto levamos insistido; hoxe lamentamos que de nada servira.

O 22/9/ 91 escribimos: “Ninguén dubida da necesidade da actuación (a dotación de depuradora); pero a evidencia obriga a ser cautos e reflesivos e non permitir que tal feito deixe posibles secuelas para a vida cidadá e para a incidencia no turismo. O porto forma un todo urbán co resto da vila, da que a beiramar é o meirande valor, que dende hai décadas vense masacrando por sucesivas e infaustas actuacións dentro da ría.

Hai que adoptar actitudes racionais e aplicar o sentidiño, evitando, no posible, riscos de imprevisibles consecuencias. Non destruamos o patrimonio mais valioso; que ninguén poida pronunciar aquelas verbas do pintor Laxeiro: “ qué pobo mais fermoso, pro… ¡qué carallo de xente…!”

O feito que vivimos, tráenos á memoria outros momentos e outras persoas. Déstas imos lembrar dúas que, cumprindo a humilde función de gardapraias, para este cronista foron, en tempos de tódalas carencias, auténticos heroes que salvaron vidas e dedicaron tódolos esforzos á defensa do areal que situaron na cresta do prestixo entre cantos se espallan por un longo percorrido do noso litoral.

Do vello Castiñeira: O Ignacio Chacártegui era un dos barcos de cabotaxe que, na primeira metade do século pasado, entraban no porto con carga xeral e saían con travesas para minas de Asturias. Un día de febreiro de 1929, o barco esperaba, fóra da barra a subida da marea para entrar. O capitán mandou a tres homes nun bote a terra; o mar estaba alporizado e a embarcación envorcou.

Dous nadaron a terra e un desapareceu. Dada a alerta , saíron varias lanchas no seu auxilio. Na proa da chamada “Peidiño” ia Castiñeira, atento ó seu arredor. Cando albiscou ó desaparecido, o bravo mariñeiro atou unha corda á cintura, lanzouse ó rescate, malia a ondada reinante, e sacou á superficie ó mariñeiro Xosé Ponte que, a pesar do esforzo de Castiñeira, finou pouco despois.

En 1946 encargouse da vixiancia da praia. As obrigas do cometido eran: de 8 a 21 horas, vixiar que os bañistas non se metesen en zonas perigosas, nen cometesen actos inmorais, e acudir coa urxencia requerida ó salvamento dos que se atopasen en perigro. Tamén vixiar que na praia non se tirasen cabezas de peixe nen outros obxetos, denunciando ós infractores; cobraba de xornal 12 pesetas diarias. A bordo da lancha de remos “Marita”, nas súas expertas mans estaba a seguridade dos bañistas, para o que contaba cuns salvavidas na beiramar (coa lenda: “Respétame, puedo salvarte la vida”), uns corchos e unha corda ó seu carón.

Chegoulle a Castiñeira o recoñecemento dunha vida dedicada ó mar, en forma de homenaxe e a medalla de mérito ó traballo. Finou no ano 1958, ós 78 de idade.

Pero, sen dúbida, o persoeiro histórico da Rapadoira foi Lisardo Rivas,” O Xico”.
Nado en Foz era, pódese decir, fillo do mar: a infancia, vivida en anos de grandes fames, foi mecida polos vaivéns das lanchas na “ribeira”; o graznido das gaivotas e o marmulo das olas que morrían na area, enmarcaron a sonoridade das vivencias infantís: o sol, o vento e as choivas curtiron a pel, producindo unha simbiosis entre home e o medio natural.

Ano de 1960. Foz gaña o 1ºpremio do concurso “Cuidado y embellecimiento de los pueblos” que cada ano patrocinaba o Gobernador Civil. Daquela as rúas lucían unha esmerada limpeza e as flores, espalladas pola vila, daban a imaxe de coidado xardín urbano; a tal punto que o enxeño popular aplicara ó alcalde, Xosé Mª Beltrán, o apelativo de “Pepe dos Tarros”: unha louvanza colectiva ó labor que, neste eido, facía o concello.

Editábase en Foz a revista A RAPADOIRA; o nº de setembro insería breve conversa con Xermán López Cao, focego de ampla cultura, que levaba anos emigrado en Liberia. Preguntado qué fora o que á volta mais o sorprenderá, dixo: “Atopar o pobo regado de flores en macetas ó alcance dos rapaces,sen que unha sexa molestada, nen tampouco os xardíns, que é incrible que brotaran en tan pouco tempo, coa protección de todos; o que pon de relevo o civismo e a cultura dos focenses”.

O Xico, que entregou a vida ó coidado do que sen dúbida é a mais valiosa xoia dos nosos atractivos, finou o 31 de xaneiro de 1993, ós 62 anos; ó enterro asistíu unha moitedume; o cadaleito saíu da Casa do Concello, cuberto pola 1ª bandeira azul concedida á Rapadoira, en xusta homenaxe a quen fora o meirande valedor dela.Hoxe non a temos.¿Cantos anos tardará en volver…? Coidemos con esmero as condicións da chegada…e quede, para sempre, aprendida a lección.

(Suso Fernández é Cronista oficial de Foz)
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania