Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un paseo cun lord

jueves, 11 de mayo de 2017
Se busco entre as miñas cousas estou seguro de que daría cunha fotografía acreditadora de que o que vou contar aquí é tan certo coma que Maribel Outeiriño o testemuñou.

Leo que acaba de falecer o historiador e hispanista Hugh Thomas e venme á memoria un día calquera -penso que de inverno- de hai máis dunha década, no que recibín unha chamada do, daquela, director deste xornal, Alfonso Sánchez Izquierdo, para preguntarme se pola tarde podía liberarme das miñas posibles ocupacións porque Hugh Thomas desexaba coñecer as capelas de Santa Comba e de San Miguel.

Loxicamente, como non podía ser menos perante tan ilustre visitador, púxenme ó seu dispor e agardeinos a unha hora pactada no proporcionado adro da igrexa do espazo onde tantos anos pousaron os restos de San Torcuato, naquel fermoso balcón sobre o que agora se contemplan as augas estancas do salto das Conchas, o primeiro -díxenlle- que abriu a xeira daquela francófila sentencia que dicía: "...queda inaugurado este pantano!"

Con el achegáronse -como escribín ó principio- Maribel Outeiriño e Mari Luz Barreiros, a filla do ourensán promotor de tantos e tantos proxectos de automoción. Logo souben que andaba comezando a traballar na súa biografía (Barreiros, el motor de España), que publicaría algún tempo despois.

Gustou da singularidade proporcional de Santa Comba e, se me preguntan -e non é chauvinismo localista-, creo que aínda gustou máis da miniatura non menos proporcionada de San Miguel. E, por ter, aínda tivemos tempo de achegármonos á torre da homenaxe do vello castelo de Vilanova dos Infantes e dende o alto contemplar as suaves formas ondulantes dunha orografía que, sen acadar cotas de espectacularidade física, sen embargo é quen de deixar pegada en quen ten a oportunidade de contemplala por primeira vez.

Pero a verdadeira regalía -creo- recibiuna cando fixemos un alto na visita para tomarmos un café nas dependencias da antiga cociña do mosteiro de San Rosendo e lle contei algúns dos pormenores da etapa que ese edificio viviu entre 1938 e 1943, cando por maldita obra e gracia desa guerra fratricida por el tan ben coñecida, o edificio que naquel intre nos custodiaba do frío chegou a albergar durante eses 5 anos a máis de media ducia de milleiros de presos procedentes dos catro puntos cardinais do país, porque era unha información que descoñecía.

Engaioloume a elegancia dos seus silencios e a concentración coa que atendía as miñas apuradas explicacións. Non sei, creo que nunca escribira sobre isto. E penso que hoxe é un bo momento para facelo. Para que quede constancia dun dos seus pasos por Ourense e, de paso, eu poida fachendear un pouco de que un día tiven a oportunidade de pasear cun lord.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES