Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cambiar os chips

martes, 09 de mayo de 2017
Polo mes de abril de 2007 – hai xusto 10 anos- , a prensa publicaba os resultados dunha enquisa da USC, previa á elaboración dun anunciado “Plano do Desenvolvemento Turístico da Mariña”, nunca consumado, como é tradicional en toda iniciativa desta índole, propalada polos políticos. Dela, deducíase que, os mais graves atrancos que padecemos como destino turístico, eran - e seguen a ser- a infraestructura viaria, a alta estacionalidade e a falta dunha planificación conxunta; así como que o urbanismo feroz daquéla vixente, incidira no medioambiente, restando atractivos á zona.

O das estradas é un tema tópico: padecemos o mal endémico duns políticos que só se lembran delas para usalas como arma electoral… para de contado esquecelas. Así ven sucedendo ó longo dos tempos e nenguén ten a coraxe política precisa para rachar dunha vez con situación tan lamentable, e humillante, por tercermundista.

A alta estacionalidade pódese polo menos paliar, cando os que gobernan os nosos concellos sexan quen de mudar os “chips” e, de verdade, pillar o touro polos cornos e afrontar o traballo, tantas veces anunciado, que implica poñerse “mans á obra”, coa seriedade e a implicación real que o mesmo require. Claro que para logralo é condición “sine qua non” ter superado o que, entre nós, é histórico muro infranqueable: a mentalidade retrógrada; o localismo míope e a actitude individualista dos que pilotan os pobos; éstes, adestrados no uso interesado dos medios de comunicación, fártanse de facer declaracións altisoantes, nas que nen eles cren; dende unha óptica demagóxica e populacheira, que nada aporta á sociedade, pois a iso queda reducida a verborrea.

Á vista do resultado da enquisa (hai dez anos, insistimos) falouse de crear un órgano de xestión comarcal: como non podía ser doutro xeito, nada se fixo.

O 7.2.94, o cronista publica o comentario “O virus de Fitur”. Eran tempos en que os políticos da zona se viran impelidos pola irresistible atracción da prestixosa feira e así, aínda aqueles que amosaran sempre o desdén pola promoción turística, alá apareceron, eles ou os enviados, acaso tratando de convencer ós “Tours operators” para que, na planificación das campañas, consideraran o destino que, sen dúbida, colmaría as apetencias dos potenciais clientes: aquel lugar ignoto do que eles son os mandamais. Decíamos entón, e ratificamos hoxe, ¡ 23 anos despois!, que ningún pobo da Mariña, por sí só, ten atractivo abondo nin servicios, mais alá das praias, que podan espertar o interese, que xustifique ás axencias tal destino con estancia de días na comarca.

Imponse, polo tanto, a unión, para ofertar uns “paquetes turísticos”, coa suficiente entidade e atractivo que logren derivar hacia os nosos pagos unha parte dese mercado do que hoxe nos tocan apenas unhas migallas. Deixemos de elucubrar con cuestións que nada podemos facer por modificalas: o clima, mais ou menos é o de sempre, e os homes do tempo van seguir predecindo as condicións metereolóxicas da maneira que deduzan dos seus análises e estudos.

¿por qué non os esforzamos na loita por aquelas cuestións susceptibles de mellora ós fins que se perseguen? Por qué non se planifica, seria e responsablemente, unha estratexia solidaria dos distintos concellos? ¿Non existe unha Mancomunidade disposta a liderala? Claro que para iso é condición indispensable que os que os gobernan cambien os “chips”. De non ser así non queda esperanza; a unión é obrigada: hai preto de dous séculos, xa o dixera Curros Enriquez: “ Todo, para ser grande e forte/ se xunta, une e arreconchega./ Quen á discordia se entrega/ vai dereito cara á morte”.

(Suso Fernández é Cronista oficial de Foz)
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES