Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aprender da natureza

jueves, 04 de mayo de 2017
Mentres teñamos capacidade para facelo, nunca deberíamos deixar de aprender. E non é un consello, é unha necesidade para ir reducindo un pouco os baleiros intelectuais que soemos padecer, que canto máis se vai aprendendo máis se necesita saber. Os coñecementos que se van adquirindo teñen que ser esixentes, e abrir vías de acceso á mellor comprensión das realidades, non obstruílas coa ignorancia que nos proporciona o que sabemos, que é moita máis da que pensamos.

E unha das vías que nunca hai que cerrar é o que nos ensina a natureza, como exemplifican os tenaces investigadores, que sempre están dispostos a pagar o que descobren con grandes sacrificios e centenares de horas de traballo, que algúns deixamos pasar descansando nos logros deles e outros vexetando nas fanfarras de moda dos tempos. Isto non lles é unha prédica ética máis: Non me confundan as prédicas coas respostas que a nosa realidade persoal nos esixe para acadar un certo e respectable grado de auto–realización, sen excluír, por suposto, as referencias sociais.

Nalgúns artigos, abordei a figura do famoso investigador e biólogo español, en EE.UU., Dr. D. Francisco J. Ayala, un dominico secularizado, evolucionista. Dirixe un laboratorio no Departamento de Ecoloxía e Evolución na Universidade de California, en Irvine, e conta con prestixiosos investigadores, entre eles o ruso Evgeniv Shenya Balakirev, o polaco Jan Kwiatowski e os españois Rosa Tarrío e Francisco Rodríguez-Trelles. Ten máis, pero cito estes porque vou facer algunha referencia a eles.

Todos traballan no ADN. Hai un achado ao que dedicaron especial atención, que chamaron PSEUDO XENES, que son secuencias do ADN lixo que, aparentemente, non teñen funcionalidade e están encerrados dentro do xenoma. Segundo nos din son coma unha copia duplicada de xenes, e sitúanse ao carón dos orixinais. En principio, preséntanse como innecesarios para o funcionamento do ser vivo. Pero, sendo así, que valor teñen se non son funcionais?.

Pois ben; Balakirev, que traballa con Ayala, descubriu que os “pseudo-xenes” eran coma reservas de variación xenética en espera de entrar en acción. Os nosos españois Drª. Tarrío e Dr. Rodríguez-Tellez, que tamén traballan con eses fragmentos de lixo do ADN, encontran que separan na cadea segmentos funcionais, aos que denominan EXÓNS, e á aqueles sen función perceptible INTRÓNS. O director do laboratorio, Ayala, explícao moi graficamente: “Digamos – afirma – que temos unha frase así: HOXE egq É iut XOVES 28 atwn DE OUTUBRO”. Para darlle sentido a frase hai que reunificala, sacándolle os “intróns” (egq-iut-atwn). Curiosamente, os humanos temos unha proporción maior de “intróns” que de “exóns” (que son as letras que dan sentido a frase).

Isto intrigou aos investigadores e seguiron dedicándolle horas de traballo. Parece que, entre outras teorías, a máis aceptable é a que sostén que a función destes “intróns” é importante, porque, cando fraquean os “exóns”, substitúenos eles. Que aprendemos aquí da natureza?. Sinxelamente, QUE NESTE CASO TEN UNHAS RESERVAS QUE NON SE PRESENTAN COMO ÚTILES PARA O BO FUNCIONAMENTO XENÉTICO; PERO SE ESTE FALLA, ENTRAN ELAS EN SUBSTITUCIÓN.

A natureza, pois, conta con estes recursos. E o home que fai nestes casos, co que depende da súa decisión, nas realidades que controla, como a sociedade?.

Aquí está o PROBLEMA. Permítanme expoñelo, na medida da miña modesta capacidade, e dentro dos límites que impón o artigo. Empecemos por sentar que os animais conviven en GRUPO, e teñen moitas formas de facelo, segundo a súa especie, o PHYLUM ao que pertencen, e incluso hai algunhas delas que semellan sociedades, pero non o son, porque se agrupan seguindo aos meros estímulos, é dicir, a súa “convivencia” é estimular, e como di Zubiri, a quen sigo nesta “aclaración”, é resultado dunha “versión” xenética ANIMAL dentro dun mesmo PHYLUM, dunha mesma especie. Pero nosoutros, os homes e mulleres vimos de aí, e por iso algunhas veces regresamos ás orixes, en linguaxe coloquial, “tiramos algo ao monte”, e se non, pensemos nas agrupacións cunha certa matización gregaria, seguindo máis os impulsos egocéntricos que a razón.

Pero sostén Zubiri, e parece moi aceptable, que “só hai SOCIEDADE cando o PHYLUM é humano, isto é, cando o animal é animal de realidades, non de meros estímulos. En tal caso o animal humano está vertido aos demais non só por ser diversos nas súas notas, senón por selo REALMENTE nas súas notas REAIS. E isto é sociedade”. Reparemos que fuxir dos meros estímulos, lévanos a realidade, que hai que afrontar con racionalidade e razoabilidade, porque, repíteo ata a saciedade o filósofo, o home É UN ANIMAL DE REALIDADES E POR ISO TEN ESIXENCIAS DE RACIONALIDADE, non ao revés: A realidade hai que interpretala; aos estímulos hai que responder.

Reflexionemos agora, con estes elementos de xuízo, que a persoa humana, a realidade persoal humana, precisamente porque ten unha dimensión social, non pode evitar a obriga de aplicar a súa racionalidade a realidade social na que convive cos seus semellantes, e así como a natureza conta con recursos para manterse no seu estado propio, á sociedade, que, como deixamos dito, ten un precedente na agrupacións animal, de matiz estimular, ha de subministrarllos a racionalidade humana, sen perder de vista a aprendizaxe da mesma natureza, na que encontra remedios para a súa terapia persoal, e, analoxicamente, para as aplicacións sociais: Nesta tamén hai INTRÓNS e EXÓNS, e se estes debilitan as súas funcións, substituiranos aqueles, é dicir, os que noutras condicións se considera lixo, e elementos perturbadores do sentido aceptado nun contexto dado; PERO CUNHA IMPORTANTE DIFERENZA: NA NATUREZA A SUBSTITUCIÓN ESTÁ REGLADA E DEVÉN AUTOMÁTICA; NA SOCIEDADE TEN QUE ESTABLECER AS PAUTAS A RAZÓN, E POR ISO A SUBSTITUCIÓN PODE SER TRAUMÁTICA POR IRRACIONAL, é dicir, que os “intróns sociais” operen como corresponde na substitución dos “exóns sociais” constitúe un problema a resolver racional e razoablemente.

O que está claro é que a substitución desencadea o inadecuado funcionamento dos “exóns”, dos elementos que dan sentido a frase, no exemplo de Ayala; mais na realidade social trátase das persoas que teñen responsabilidades asignadas polo pobo, que son libres e racionais, e o que ensina a natureza deben de procesalo como corresponde a esta condición.

En Francia os “exóns sociais” quedaron fora de combate nas recentes eleccións. En España non estamos moi lonxe. É que non se decatan, nin aprenden, que dotar de razón, e dun certo grao de liberdade, ao home, leva aparellada a responsabilidade do que fai, e non é eticamente consecuente fuxir de asumila, so pretexto dunha prudencia que non cubre todos os flancos dos comportamentos.

Por isto, esas estratexias nas funcións públicas son viciosas e traen consecuencias: Activan os xermes espectadores das substitucións, aniñados nesas estrañas agrupacións gregarias, ansiosas de impoñer novos rumbos nas estruturas sociais, a modo de ensaios ideolóxicos, e sen perspectiva por extemporáneos na dinámica global da humanidade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES