Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre o 'cotián castigo' dos nacionalismos

viernes, 28 de abril de 2017
Hai formas cómodas, aparentemente eficientes, de quitar do medio un problema. Desfigurándoo, por exemplo, ridiculizándoo ou converténdoo en algo simplemente irracional ou monstruoso.

Algo disto percibín –son consciente porén das limitacións dos diversos modos de ver e de apreciar dos humanos (polo tanto tamén do meu xeito de ver e xulgar agora mesmo)- nunha recente opinión vertida nun dos xornais editados en Galicia acostumado a censurar unha e outra vez os nacionalismos. De xeito semellante se expresaba hai xa máis tempo outro comentarista dun xornal madrileño nun seu artigo de opinión que levaba como título ¿Entenderse con los nacionalistas?, onde con rotundidade digna de mellor causa se nos aseguraba que “el nacionalismo se levanta sobre la negación de la posibilidad de debate”, engadíndose ademais -para sorpresa seguramente tanto de nacionalistas coma de calquera lector normal- que “los nacionalistas no se sienten obligados a dar razones aceptables para sus conciudadanos”.

Como xa me teño referido ampla e criticamente a estas afirmacións na miña achega Entender os nacionalismos deste mesmo dixital “Terra e Tempo”, volvamos ó mencionado artigo de opinión do xornal galego. Leva o artigo como título Nacionalismos: nuestro castigo cotidiano, camiñando polo que se ve decididamente por vieiros semellantes ó anterior madrileño, por máis que baixo o paraugas xeral de “nacionalismo” se acubillen –tal como alí se di- “ideologías que se pretenden diferentes e incluso incompatibles”. Circunstancia esta que se explicaría polo feito de que o nacionalismo “es una ruin y feraz hierba, capaz de crecer en tierras muy distintas”. E velaquí agora, xustamente neste contexto deses variados ou diferentes nacionalismos, o que semella relacionar dalgún modo este artigo de opinión co do xornal madrileño: “En realidad –coméntase no xornal galego-, pese a sus diferencias, todos los nacionalismos referidos tienen en común su pavorosa pobreza argumental, basadas en una idea de una galopante necedad: que los miembros de la nación son mejores que quienes no lo son y que por ello aquella debe defenderse de sus enemigos exteriores”.

Un non pode menos de abraiarse de que desde a balconada “El ojo público” do mencionado xornal se cheguen a interpretar os nacionalismos (“todos os nacionalismos”) desde a concepción –evidentemente inaceptábel ou “necia”, tal como alí mesmo se di- de que “os membros da nación son mellores cós que non o son”. Pois a realidade é máis ben que tales “membros da nación” son, séntense ou queren polo menos sentirse simplemente o que son, sen que para iso entre en consideración ningún tipo de comparanza cos que non son membros dela. Os nacionalismos non están constituídos senón por aquela conciencia ou visión grupal que de si mesmos teñen os participantes dunha determinada cultura, lingua, tradición, costumes, etc. en canto socialmente posuidores duns comúns modos de ser ou de se comportar tradicionalmente.

As concretas nacións e os seus nacionalismos non están, xa que logo, en principio contra ninguén, nin os seus membros se consideran tampouco a si mesmos superiores ou mellores cós membros pertencentes a outra nación ou cultura.

O que si, en troques, rexeitarán, en cuanto for posíbel e con pleno dereito, é todo intento foráneo de destrución da propia cultura, lingua, etc. É entón xustamente cando xorden propia e formalmente os denominados nacionalismos, en canto veñen sendo a toma de conciencia explícita e histórica por parte dun determinado grupo humano da ameaza á que se ve sometido todo un modo común de ser, de vivir e de se comportar. O que ocorre entón con tales nacionalismos non é, porén, máis cá lexítima defensa contra os intentos, diáfanos ou sutís, de absorción cultural, lingüística, económica, política, etc. por parte de instancias ou poderes exteriores que intentan facer dependentes deles os que non pertencen ó seu ámbito cultural ou “nacional”. É así como tales instancias ou poderes se converten en auténticos factores ou mecanismos de colonización, considerándose eles a si mesmos naturalmente –aquí si!- “mellores” cós demais.

Os colonizados son sempre vistos polos seus colonizadores como inferiores a eles, como precisados da instrución (cultura, lingua, etc.) da que os “bos” colonizadores “xenerosamente” os fornecerán, dado que só eles polo que parece son a verdadeira “nación”. Por algo xa no século XVI eclesiásticos e relixiosos españois, referíndose ás xentes galegas, denominaban normalmente Galicia como as “Indias” de Europa. A teor desta valoración, a actividade colonizadora facíase, pois, necesaria tanto en terras transoceánicas coma por exemplo no país galego. Non é por iso nada estraño senón moi significativo o que xa a comezos do século XVII escribía nunha das súas cartas, verbo desta dependencia e explotación xeral de Galicia por parte dunha monarquía que se lle impuña desde fóra, Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, embaixador de Filipe III en Inglaterra, gran diplomático, erudito, bibliófilo, etc.: “¿Ni que nación conquistada sufre [...] lo que sufre Galicia, que ha sido la conquistadora de todo lo que hoy posee la monarquía de España, pues sobre aquel cimiento y de Asturia se extendieron los reinos y se fueron ganando a los moros por tierras de Portugal y por tierras de León? Y esta cabeza y matriz conquistadora, es gobernada, en lo espiritual y temporal, por forasteros [...] y los naturales, tan llenos de valor y de nobleza, y sangre tan pura y limpia, siendo feudatarios de las naciones y reinos que han conquistado [...]”. Con razón comentará Castelao en Sempre en Galiza respecto do precedente texto: “Estas non son verbas dun separatista de hoxe; son dun Embaixador de Filipe III, en exercicio das súas funcións diplomáticas”.

Como se ve, no que se refire ó territorio galego, a operación apropiadora e colonizadora, con maior ou menor intensidade a teor dos variados acontecementos históricos, está en marcha desde hai varios séculos. Isto pode explicar tamén o peculiar carácter do nacionalismo galego, que en realidade só comezou a configurarse como movemento político desde hai agora un século ou, estritamente, aínda menos. En calquera caso, os nacionalismos continuarán a ser, a despeito de inanes lamentacións, un serio e grave problema entre nós mentres non se afonde con decisión e amplitude na conciencia da importancia humana, antropolóxica e política, diso que os antropólogos chaman “cultura”, é dicir, dos diversos modos de ser e de proceder a moi distintos niveis das diferentes configuracións humanas.

É necesario entender e afondar nas “razóns” dos nacionalismos, aquelas xustamente que non poucas veces se lles negan, poñendo ó tempo de relevo que, nun certo sentido, dos “nacionalismos”, sexan patentes ou encubertos, non se libera ninguén, tampouco (por máis que o neguen) aqueles que non se consideran a si mesmos nacionalistas e critican ou combaten porén os nacionalismos dos outros dando a entender que eles mesmos están ceibes del. O que estes deostan como nacionalismo non é máis cá xusta e necesaria reivindicación de algo propio e esencial que outros de maneira inxusta e violenta lles arrebataron ou lles queren arrebatar para maior gloria e agrandamento da súa propia nación. Con razón consideraba neste contexto en 1999 o académico Ramón Lorenzo no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega como algo “inaudito” o feito, por exemplo, de que “teñamos que apandar tódolos días co bombardeo centralista en castelán, cun nacionalismo centralista a ultranza que non se priva de utilizar as peores palabras descalificadoras contra os nacionalistas periféricos e contra os tímidos intentos de potenciación das outras linguas”. Os nacionalismos non son, polo tanto, propiedade exclusiva dos chamados nacionalistas.

É doado ver, por todo isto, que os nacionalismos continuarán a existir mentres non exista equidade e xustiza nas relacións entre os diversos pobos ou culturas.

Se, pois, os interesados queren liberarse deste “nuestro castigo cotidiano”, xa se sabe por onde hai que camiñar. Mentres isto non ocorra, os nacionalistas serán –como polo demais ben se constata ó final do mencionado artigo de opinión- “incansables”. E con razón.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES