Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Protección de menores e o cárcere

jueves, 27 de abril de 2017
Mandiá, 25-04-2017.

Protección de menores e reclusión forma parte desde hai moitos anos do carisma dos amigonianos. (Relixiosos de Carlos Amigó). Foi nun Congreso de Capeláns de Pastoral Penitenciaria en Madrid onde da man dun destes relixiosos, o Padre Narbona, tiven oportunidade de coñecer a dolorosa realidade dos menores recluídos por problemas coa xustiza.

Logo, novamente, nunha xuntanza del con D. Xesús, o Sr. Bispo Auxiliar de Santiago, e un grupiño de Pastoral Penitenciaria de Teixeiro. O informe sacudiu as nosas conciencias e fíxonos unha chamada forte para prestarmos atención a este sector de pobres da nosa sociedade que pasa absolutamente inadvertido. Fiquei impresionado polos datos reais da non humanización e tamén polo silencio co que se leva este tema desde os responsábeis.

Insisto, refírese en concreto aos menores que incorren en delincuencia polas causas que sexan e que son sentenciados polos tribunais.

Tal vez deban ser incluídos nas nosas preocupacións e plans pastorais. Por iso cómpre saber deles e dos seus problemas persoais, familiares, ambientais, etc... Incluso para ter a quen acudir en caso de precisarmos.

Alfredo Losada Suárez é delegado de Apostolado Segrar na diocese de Lugo. Por ser serio e documentado fíxenlle hai pouco esta entrevista. Xa foi publicada na Revista Irimia e subida a facebook e twitter.

Protección de menores e o cárcere.
A realidade silenciada dos menores internados.


Entrevista: Xaquín Campo Freire.
Responde: Alfredo Losada Suárez.

Protección de menores e o cárcereAlfredo Losada Suárez, Fredi, é avogado en exercicio, Máster en dereito de protección de datos de carácter persoal, asunto sobre o que impartiu cursos e relatorios (“protección de datos e redes sociais”). Persoa activa no eido da economía social, dirixe o departamento xurídico de Ítaca Software Libre e involúcrase como socio ou voluntario en causas e cousas que nos resultan ben coñecidas, como Fiare Banca Ética, Zocamiñoca (cooperativa de consumo responsable), Son Relanzo e AGAIS (Asociación galega por un acompañamento para a inclusión social). É delegado de Apostolado Segrar na diocese de Lugo. 

1.- Os menores son algo preocupante e de grande sufrimento para moitos. A Pastoral Penitenciaria tenche encomendado un estudo sobre a problemática dos menores na Galiza e nos Centros que se dedican a eles. Que abrangue esa tarefa? Cómpre facer unha distinción de primeiras: hai unha serie de entidades públicas e privadas que xestionan “centros” onde hai menores de idade que fan vida habitual alí por distintos motivos: abandono, desprotección, imposibilidade dos familiares para atendelos, orfandade, maltrato e violencia familiar, menores estranxeiros non acompañados (“menas”), resolución xudicial, etc...
A pastoral penitenciaria quere atender aqueles rapaces e rapazas aos que un xulgado especializado (xulgado de menores) impuxo a medida cautelar de internamento ou condenou en sentenza firme á medida de internamento nun centro. Sendo a administración competente a autonómica, os centros que hai no noso país son competencia da Xunta de Galicia, xestionados a través de subcontratación a entidades privadas. Noutras comunidades hai convenios subscritos entre a administración autonómica e os bispados correspondentes, coa finalidade de facilitar a asistencia relixiosa dos menores, e nisto estamos tamén a traballar en Galicia.

2.- Que se entende por “menores”, neste caso? A Lei do menor permite o castigo aos mozos/as con catorce anos cumpridos, ata que cheguen á maioría de idade. Pero os menores de catorce anos que cometen un delito, aínda que non sexan condenados a medidas penais, poden ter responsabilidade civil polos actos cometidos, e os pais/nais/titores serán responsables solidarios.

3.- Como chegan a estas situacións? A familia? Os barrios? O paro? Os malos tratos? Problemas mentais? Os informes sinalan varias causas entrelazadas, que desembocan en internamentos xudiciais: económicas (pobreza, paro), culturais (falta de asunción de responsabilidade en educar os mozos/as, dependencia de alcohol ou drogas), sociais (marxinación, exclusión social, falta de apoio familiar), psicolóxicas (condutas antisociais dos menores, fracaso escolar), biolóxicas (trastornos psíquicos). Unha porcentaxe significativa dos menores implicados en feitos delictivos procede de sectores empobrecidos, porcentaxe que se dispara en menores sancionados con medidas privativas de liberdade.

4.- Acheguémonos a un centro de menores. Como funciona? O funcionamento dos centros, en xeral, responde a modelos nos que predomina o control e a seguridade sobre as relacións educativas e as necesidades individuais. A rixidez dos protocolos e horarios dos menores no centro, as entradas e saídas, o curso das propias actividades e mesmo as relacións cos profesionais que alí traballan poden chegar a dificultar a propia acción educativa e reformadora.

5.- Quen ten a concesión? Como se supervisan? A Administración delega en entidades do terceiro sector a xestión dos centros de execución de medidas xudiciais. En Galicia hai convenios con dúas das fundacións de ámbito estatal que se foron especializando nesta materia. En canto á inspección, a competencia é da Dirección Xeral de Familia e Infancia da Xunta de Galicia, pero as Fiscalías de menores teñen a obriga de exerceren funcións de vixilancia, e tanto elas coma os Xulgados de menores poden inspeccionar as actuacións nos centros. Tamén o Valedor do pobo ten acceso, fai visitas e propón medidas, denunciando situacións inxustas ou ilegais.
Houbo queixas, acusacións de ocultismo, de invisibilización e de illamento total do menor. Mesmo de malos tratos e de non escoitar. Métodos de tipo militarista e non educativos. Tamén se falou de aforro con persoal pouco cualificado, traballo moi estresado, con normas da empresa leoninas…
As xeneralizacións adoitan ser inxustas, non obstante hai procedementos estandarizados no trato cos menores infractores, como rexistros, cacheos e supervisión que pode atentar á súa intimidade ou un protocolo de ingreso que permite un illamento excesivo. Moitas das actuacións “legais”, incluso invocando a seguridade dos menores, poden ser experiencias lesivas para os seus dereitos, proba disto son as denuncias ou queixas formais. Todo isto, unido ás rebaixas económicas das distintas administracións, os horarios, a elaboración burocrática de informes ou o estrés derivado do contacto cotián con menores, conduce a confirmar que non se dan as circunstancias idóneas para unha axeitada actuación educativa.

6.- Cúmprese, logo, a misión de reeducación, reinserción e resocialización? Non é doado valorar globalmente a acción educativa nos centros de menores, dada a súa diversidade. Coido que o efecto perverso do uso e abuso do control e da seguridade prexudica significativamente o efecto educativo e o ambiente resocializador. Só a persoa pode chamar á transformación doutra persoa: cando as relacións humanas e educativas se dilúen e o regulamento domina a vida de cada un, favorecemos a adaptación e pode que a domesticación, pero en ningún caso a educación. Isto só é corrixido pola profesionalidade dos educadores e persoal técnico que, mesmo pouco valorados polas institucións e dirixentes, pode humanizar certos procesos e costumes; sen eles a reinserción sería imposible.

7.- A onde volven? Quen os tutela, acompaña, atende e axuda? Os menores volven á súa realidade social e familiar; mesmos problemas e iguais dificultades que antes do internamento, o que fai que as melloras ou cambios conseguidos sexan insuficientes para regresar a ambientes de delincuencia. Certo é que se ofertan servizos e axudas no formativo e psicolóxico, pero ao ser voluntarios dependen do interese da familia e do menor. Mesmo cando a saída do centro leva un período de liberdade vixiada para facilitar un seguimento e acompañamento educativo na reinserción, a falta de tutela e acompañamento real é clamorosa.

8.- Que responsabilidade temos, como sociedade? Que experiencias hai? Que podemos facer nas comunidades cristiás? Responsabilidade hai moita. Non hai vontade política de poñer recursos e servizos para fomentar a educación non violenta nos ambientes familiares e sociais. Tamén as persoas e comunidades temos responsabilidade de educar en valores humanos e en liberdade plena á mocidade, e podemos facelo incluíndo a estes menores en moitas tarefas escolares, laborais, de ocio, etc. Ser unha oportunidade para eles e darlles o máis valioso que temos: unha mirada que non xulga, exenta de prexuízos e descualificacións. Hai unha resposta institucional da igrexa, pois vaise tutelando o dereito á asistencia relixiosa dos menores internos, como no sistema penitenciario, coa figura de capeláns, que son referencia de humanidade e de fe para os mozos. Estanse a abrir camiños de comunidades que abren as súas casas a mozos e mozas con traxectoria delituosa, experiencias de inserción laboral en empresas sociais que dan novas oportunidades ou centros escolares que acollen a mozos con máis problemas.

9.- Tamén ten que haber experiencias gratificantes das de bo proceder. Incluso con éxitos. É posible humanizar os recursos: garantir un espazo de custodia sen necesidade de estruturas deshumanizadoras, ou recibir cordialmente a un menor traído esposado pola policía, ou facerlle sentirse valioso e importante. O sistema penal de menores presenta respostas que xeran vida, que recuperan persoas para unha sociedade que non se pode permitir prescindir de ninguén, e moitos menores poden falar dun cambio de vida. Hai iniciativas educativas positivas previas ou posteriores a estancias en centros de internamento, como as promovidas pola Fundación Amigó (“amigonianos”), agora na Cidade dos rapaces de Arteixo, que está a traballar con éxito en grupos educativos de convivencia especializados en menores con delitos de violencia filioparental, onde familias feridas por experiencias de agresións e vexacións logran resituarse, volverse mirar á cara, perdoarse e reconstruír a relación afectiva.

10.- Moitísimas grazas, Fredi. Seguiremos contando contigo en moitos campos do teu compromiso humano, profesional e cristián. Como xa che dixen nunca nada é obra exclusiva dunha soa persoa. Quero agradecer precisamente a José Antonio Morala Salamanca, “amigoniano”, que está agora en Arteixo e que leva xa moito tempo en centros de internamento, e que inspira boa parte do que aquí che fun comentando. Quero expresarlle gratitude. E que fique coma un referente próximo a nós, entre nós, porque a problemática é importante. É un sector de persoas moi vulnerábeis. Precisamos visibilizalas e facérmonos presentes con respecto e solidariedade afectiva, empática e efectiva. Como se di nos libro dos Feitos, “Acordádevos dos presos, coma se vós mesmos estiverdes presos xuntamente con eles; e dos maltratados, xa que tamén vós mesmos tendes corpo”.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES