Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre lusco e fusco (5)

martes, 25 de abril de 2017
Sinónimo de urbanidade seica é civilidade. ¡Calidade do que é urbano, en oposición a ruralidade, ou, como din os portugueses, “Cumprimento das regras de boa educaçao e de respeito no relacionamento entre cidadâos”, séxase, afabilidade, civilidade, cortesía..., por oposición a descortesía, ou grosería... ¡Iso será, sería, en Portugal, terra de leite suevo, pero o que é en terra de godos…, quéroche un conto, e non precisamente de réis!

¡Outra verba desmandada! ¿Quen dixo que na urbe teñen, temos, máis urbanidade, máis cortesía, mellores maneiras que na aldea? ¡Vaiche boa! Con algo de servilismo, ata últimos do século XX, si, hai que recoñecelo, en particular para aqueles señoritos dotados de don, tivesen ou non din, pero eu mesmo, en por min, descubrín o que é mala educación, descortesía, urbanidade pésima, cando cheguei á Urbe, e máis aínda na Corte grande, na de Madrid, séxase, na do Rei Hermenegildo, ano 1948, pois o que é nas nosas cortes, no país das cortes, si que había cortesía, respecto, afabilidade…, por arrobas!

Descubrino nada máis incorporarme ao Ministerio, desde que me deron a cartilla e mailo uniforme, que o podíamos sacar da compañía aqueles que pasásemos as noites fóra; iso si, coa obriga de volver vestidos de caqui. Diante de min saía un veterano, que se cadrou diante do sarxento de garda: -Con su permiso, mi Sargento, permítame salir unos minutos que voy al Limpia de la esquina para que me retiña estas botas, que las traigo así de la instrucción… O galonado accedeu, pero impoñéndolle a condición de que o quería de volta en media hora, ¡coas botas dando a cara!

Xa na beirarrúa pareino para preguntarlle: -Perdona la molestia, compañero, pero es que acabo de ingresar, y llevo el uniforme para casa… ¿Cómo es eso de que el Sargento nos tenga que autorizar para limpiar las botas? O madrileño, ¡que o era notábaselle de lonxe!, deume unha explicación abundante:

-A ese Hijo de Puta le llamamos Gilda, por lo animal que es; exactamente lo contrario de esa Hilda de la película. El muy cabrón no nos deja salir si no llevamos las botas hechas un espejo, y este material de piel de cerdo, es tan cerdo como el, que no brilla ni para Dios. En casa me las limpia la chacha, pero el problema estaba en pasar la puerta… Y tu espabílate, que traes pelo de la dehesa, y cara de fraile, así que aquí, como no te vuelvas un demonio, te van a dar por saco!

Literalmente, igual que o conto: Aquel Madrid, aquela xente, aquel “rancho”, cheiraba peor cá nosa corte dos ranchos, e dos falares…, dito queda! Non sigo comparando, atido ao dito de que, As comparacións son odiosas; e tamén que, Para mostra chega un botón, que naquel caso foron, eran, unhas botas de regulamento, nada menos que do Ministerio do Exército.
-.-

A simbiose corpo / alma. ¿Existe? ¡Pálpase, de tan visible que é, pero, aínda así, pásanos desapercibida cando lle damos ao corpo o contrario do que nos pide a alma!

¿A miúdo? ¡Lamentablemente, si! As virtudes da alma son boas para o corpo, que en definitiva é o seu transportador temporal. Os vicios son inimigos naturais da alma, non si? Daquela, se nos damos ao vicio estamos enxurrando a alma, facémola padecer, poñémola en perigo. Ao contrario, se lle damos á alma o que lle é propio, o que temos ordenado polo Creador, o seu soporte sentirase feliz, mellorará, incluso na enfermidade. De todo isto séguese que nunca é bo para o corpo aquilo que temos prohibido para a alma. ¿Fan falta probas? ¡Que cada quen revise as súas experiencias, e sentirá, notará, qué bo corpo deixan, por exemplo, as obras de misericordia!

Dun autor portugués: A realidade interior é a nossa alma, que precisa de nosso corpo para interagir com a realidade externa, enquanto peregrinando no ambiente terrestre, denso. Por isso ser a janela da alma. Temos que valorizar o corpo, não de forma extravagante, mas dar a importância que merece, dada sua simbiose com a alma. Esta a essência permanente, o corpo a realidade terrestre que nos serve de roupagem para habitar a Terra.

¡Non estás lonxe, amigo; claro, es portugués! O malo do caso é cando un alma enferma, daniña, pecadenta, se val dun corpo para esparexer o mal, ao igual que Lucifer cando tomou corpo na serpe para facerse oír; ¡por iso asubían as serpes, por iso: avisan do seu veleno, así que, dobre pecado facerlle caso a un asubío!

Cando a alma se despide, así, nun murmurio, polo baixiño, dille ao corpo, simplemente: ¡Deica logo! E cando chegue o día da resurrección plena, a alma reunirá as cinsas, por escamalladas que estean, pero, reencarnará na mesma carne? Teño para min que non será exactamente así pois a depuración da alma comportará a do corpo correspondente, que xa será glorioso, puro, transparente, etéreo! ¿Puro? ¡Si, claro, evidente, pois, do que non, a alma non aceptará volver ás andadas, ás miserias humanas, ás corrupcións corpóreas, humanas en definitiva! Do que se sigue que os corpos purgan aquí abaixo as consecuencias dos seus vicios, e as almas fano nas alturas, refugando ese corpo que as levou por mal camiño.
-.-

-¡Señor, sálvanos, que afogamos! Pero El díxolles: -¿Por qué vos Entre lusco e fusco (5)acovardades, homes de pouca fe? E poñéndose en pé increpou aos ventos e ao mar, e veu unha gran calma.

Afouteza é o que compre para navegar neste mar proceloso, no mar da vida, pero non, nunca, confiados nas nosas forzas, que son débiles, senón na fortaleza que nos dá, que nos debe dar, a fe revelada polo noso Temoeiro!

Viaxar solos, sen Deus, é a temeridade máis absurda; algo así como conducir sen carné, sen carné de cristián! As tormentas existirán sempre, porque veñen do paraíso perdido, daquela rebeldía transmitida, pero, se poñemos no posto de mando ao noso Xefe, ao noso Redentor, non haberá Satanás que poida con nós. A vida daranos coiteladas, feridas sanguentas, dolorosas, que iso é inevitable, pero a fe na vitoria final daranos azos, e con eles, a ledicia, anticipada, de que, á final da loita, seremos coroados na Gloria Celeste, na Eterna, e non precisamente con un simple laurus nobilis! Montados no cabalo da fe, non hai siroco que nos tombe!

¿Qué doen as feridas? ¡Claro que doen; é natural que doan, que tamén sufriron os mártires, pero, á final, valeulles a pena! Sufrir con fe, coa seguridade do Premio Eterno, non é sufrir: é gozar!
-.-

Rapaciño/rapaciña, ben levamos falado, ti e mais eu, duns cantos temas, pero máis quedan no tinteiro; o que agora temos de bo é que non esgotamos a tinta, nin os papiros, nin os pergameos, nin o papel, pois, no ordenador, con tal de darlle ao dedo…!

Do que menos sabe a xente, con todo levar vinte séculos de herdanza, coido que é do Novo Testamento, do Definitivo. Xesús díxolles aos seus discípulos, aos doce, séxase, once máis un, que, con amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo coma a eles mesmos, xa se daba por satisfeito, xa daba por cumprida a Lei e mailos profetas. Iso dixo, pero era galileo, que vén a ser como galego, pero de Oriente, e por tanto, algo desconfiado, ¡de escarmentado!, así que quixo abundar en testemuñas, e deulles permiso para escribir os Evanxeos, ¡catro!, e con estes as Epístolas, os Feitos…, e ata un Apocalipse, ese libro tan misterioso que terá que sernos explicado cando fagamos a Licenciatura Celestial. ¡Non hai, nin houbo, avó más previsor do que foi, do que é, aquel Xesús de Nazaré!

Entre os milleiros de advertencias, auténticos Decretos explicativos da Lei, a que sempre me impresionou, moito non, moitísimo, polo pouco que se cumpre, foi aquilo que lle mandou dicir, recordar, ao discípulo amado, no seu capítulo 8, 32: “Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; e coñeceréde-la verdade, e a verdade faravos libres”. ¿Impresionante, non si?

Andar sempre coa verdade enriba, ao lombo, neste mundo hipócrita ten os seus riscos, meu neno, pero tamén é certo que as laureadas danas aos heroes, que iso fan nos exércitos, para cánto máis no Ceo! Non o dubides, pois neste mundo non haberá paz, paz definitiva, sincera, ata que venzan eses heroes! ¿Daquela seremos libres; si, de verdade? ¡Iso non se pregunta, que ben o dixo o Mesías, o Mestre, “… a verdade faravos libres”! Con todo iso, dubidamos do testemuño do Mestre, do Capitán dos heroes, torturado e crucificado, de propia vontade, por dicir a verdade, por ensinar a verdade? ¡Que sexa anatema quen lle chame mentireiro a Xesús, pois outro tanto só se atreveu a facerllo Lucifer cando o tentou, e así lle foi!

Certo é que hai mentiras piadosas…, pero non sempre valen, que non sempre se acerta! ¡Antes que mentir, fuxir, pois, unha retirada a tempo, segundo a lóxica militar, é unha vitoria! ¿Eran mentireiros os fariseos? ¡Máis cá iso: eran unha raza de víboras, que así lles chamou o Mestre!

¿Quédavos clara a lección? Pois, daquela, a poñela en práctica, que boa falta lle fai ao mundo, e dentro do mundo, a España!
-.-

Hai funerais e funerais

Entre lusco e fusco (5)
Que non todos son iguais. Veño da Milagrosa, de Lugo, e veño admirado: Unha, do acerto de reproducir a Santa Mesa na mesa do seu altar; e outra, pola santidade do funerado, pois, dentro, os curas, e fóra os seus parentes e amigos, todo foron loas para o ido.

¿Para o ido? ¡Non, para o presente, pois as almas grandes abarcan moito espazo, así que, índose, quedan, queda un retrato indeleble delas, quedan gravadas na mente de cantos as coñeceron, as coñecemos.

Mirade se era galego o defunto, que viña dos castros; con apelido castrexo. Mais, por encima de todo, era católico, católico practicante. ¿Cómo ousarán os non practicantes apelidarse católicos? ¡Antes lles cadraría o de fariseos! ¿A súa viúva estaba aflixida? ¡No material, si, pero no espiritual sentíase leda, ou máis que leda, orgullosa, orgullosa do seu par, que ata repetiu o que xa lle tiñamos oído noutras ocasións: Que o ausente se sabía, ¡de memoria!, os catro Evanxeos.

¿Ausente? ¡Xa o dixen: só no físico! Matámonos por deixar un euro; algúns incluso matan; pero, ¿por deixar unha boa lembranza? Algún hai, pero menos dos que sería de desexar, despois de vinte séculos de catolicismo ao lombo.

Se consigo deixar do meu paso pola terra unha lembranza parecida, só parecida, será a mellor proba de que lle gañei tódolos preitos ao diabro!
-.-

Personaxes miúdos da miña bisbarra, pero míticos, fabulosos, excelsos, notables, extraordinarios polas súas virtudes / ou polos seus defectos, que se quentaron na nosa lareira, ou eu na deles, deixando motivo para comentarios que impresionaron ao cativo. Algúns:

Leiteiro de Veiga.- O último dos carlistas, exércente, de Montecubeiro, que así se proclamaba o bo do señor. Era tan alto e tan rexo, que, de cumpridos os cen anos, viña a pé para charlar con meu avó, e iso que sempre se metía con el dicíndolle: “Leiteiro, a ver cando morres, que estás dando mal exemplo!”. A súa resposta era invariable: “Xa que non tiven mando de tropas aquí na Terra, quéroo no Ceo, así que, chamaranme cando amplíen a plantilla!”. ¡Aquilo era humor, pois os de hoxe, se ten tataranetos, que non o sei, se fosen humoristas tan famosos coma el terían saído nos periódicos! ¡Aquilo era humor, aquilo era vigor, e sen penicilina, que tardou en habela!

Benita de Xuárez.- Ten vido á nosa casa, aínda que non lembro a qué; o que si teño claro é que, en certa ocasión, pola Santa Olaia, na casa dos tíos de Baílle, fixo unha aposta con meu avó e padriño a ver quén resistía, de pé, con non sei cantos netos de viño, e…, cando se cansou o noso de darlle ao xerro, Benita seguía bailando muiñeiras, coma se tal cousa! ¡Se daquela houbese competicións deportivas, aquela vella…, campioa, do que fose!

Isidro Freire, caseiro de Brais.- Nunca esquecerei a súa forma de pasar os carros desde a eira ao curral, alí por entre das casas: Metíase debaixo, e, arriba! Levábaos trinta ou corenta metros, ao lombo, ata onde o esperase a muller, coas vacas xunguidas. Tan forzudo como boa persoa; e chistoso? ¡Facía rir a pedras! Un dos mellores competidores que tivo meu avó, ganándolle en chistes verdes, pero…, ben ditos; se non benditos, si ben ditos, sen o menor taco! Cando se falaba dalgunha muller dubidosa, o seu comentario sempre era: Esa non ten vergoña, nin quen lla meta! O fillo tamén saíu forzudo, menos nunha cousa: que non tivo a forza de vontade suficiente para deixar de fumar, así que, aos corenta, máis ou menos, foise para xunto de seus pais. ¡Igual o chamaron para recriminarlle aquel vicio, adquirido que non herdado!

Santa María Manuela de Candal, a señora que acendía o lume para que nos quentásemos no recreo.- Non me lembro que visitase a nosa lareira, pero eu si, a súa, tantas veces como días fríos tivésemos no período escolar. Santa era miña avoa e madriña, pero a María Manuela aí que se ía, así que dou por seguro que agora, día a día, están acordándose dos netos respectivos na lareira do Ceo, esa lareira de estrelas de Aló Arriba; ¡de estrelas, que non de muxicas! As dúas cumprían rigorosamente o mandato evanxélico: ¡Deixade que se me acheguen os nenos!

Alfonso da Cordeira, que sempre paraba pouco nas súas visitas: “¡Aínda me queda moito que recadar, e o señor cura, xa saben, do que canta, manxa!”. Andaba polas casas da parroquia recollendo o gran que se lle daba, anualmente, ao Párroco, para que nos esconxurase o trono. ¡Non facía falta, pois, como Alfonso tamén tocaba as campás da nosa torre, el mesmo dicía, -a súa única contradición-, que coa campá grande non había trono, centella, que se achegase! Xa teño dito que enterrou tres esposas, pero a cuarta sobreviviulle. ¿Estará, agora, con Alá, nese sétimo dos musulmáns, nese das virxes que recuperan, día a día, a súa virxindade? ¡Merecer, meréceo, pois a ese, unha soa…, nin na coresma!

Josefa de Brais, tamén chamada Josefa de Paraxes. A santidade xa a tiña nos ollos, no seu mirar cálido, tenro, afectuoso; a outra cara da moeda estaba no seu home, e iso que se chamaba Manuel! Era tal a súa inocencia, a inocencia exercida, que, con ocasión dunha forte nevada, eu, quentándome de corpo e de alma na súa lareira, que todo me aterecía, díxome: -Pepiño, acórdaste de cómo suabas no verán, correndo no teu triciclo de madeira…, que viñeches por aquí, e dinche unha cunca de auga fresquiña desta sella? –Acordo, si señora, e ben que llo agradecín! –Pois imos ser precavidos, que vou saír coa sella, e ti axúdasme a recoller carambelos, deses que pingan do tellado…, que os imos conxelar…, para o próximo verán! Non me lembro se lle din un bico de agradecemento, pero, se non o fixen en tal ocasión, como non quero ser desagradecido, mándollo desde aquí ao Ceo! Señora Josefa, querida señora Josefa, aparte esa nube que pasa a tal momento, que lle vou lanzar o meu bico, coa punta dos dedos…, para que lle chegue quentiño ata o Ceo!

Ifixenia das Cavozas, a dos dous teares.- Se eu tivese a Minerva nun altar, (deusa da sabedoría, das artes, das técnicas da guerra, etc., etc.), retiraríaa ipso facto, para substituíla por unha imaxe daquela Ifixenia, modelo de programación, e non só lineal. Miña madriña: -Ifigenia, qué agardas para facerme esa trapeira, que che din a lá e mailos trapos fai…, nove meses, o tempo que se tarda en traer un neno ao mundo, e ti, con esa manta…? ¡O día que ma entregues, volverá a ser verán! -Señora, tranquila, que a teño en turno para despacho, e despachareina pronto, enseguida, porque agora, con dous teares, que me fixo outro o sobriño… ¡Caramba coa Ifixenia, que esa si que rendía: nun tear tecía, e no outro imaxinaba!

De chegado aquí decátome de que a miña lista é practicamente infinita, así que, pídolles perdón aos omitidos; a ver se noutra ocasión…!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES