Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anticlericalismos de onte e de hoxe

jueves, 20 de abril de 2017
O anticlericalismo é moi característico deste noso país, e entendo por país, primeiro Galicia e despois España, pero quizais lle cadre mellor o nome de país a Galicia ca outras nacionalidades, nacións, ou rexións, segundo quen o mire; que por algo aquí tamén lle chamamos país ó augardente que pra algúns é un combustible moi eficiente pra arrincar e soster a marcha cada día. Pero do que quería falar era do anticlericalismo e non de beberaxes.

Non me vou parar na análise dos motivos dos anticlericalismo. Sei que os hai de fóra, pero tamén de dentro, polos que hai que pedir perdón.

É ben sabido que ós curas dásenos a fama de folgazáns desde tempo inmemorial.

Xa no “Catecismo do labrego” dise que o sacramento do Orde fai señoritos ós fillos de labregos. Ou tamén se conta que o que tén que facer un cura é abrir a ventá pola mañá e escoitar de que lado toca a morto algunha campá, se toca, pra organizar o día seguinte.

Cambiaron os tempos e con eles acostuman a cambiar as cousas, pero a veces cambian tan lentamente que fai falta ser moi agudos pra notar os cambios. Por exemplo: agora xa se escoita menos iso de “vivir coma un cura” ou “comer coma un cura”, que veñen a significar o mesmo ambas expresións. Antes na casa dos curas entraba diñeiro, a diferenza das dos fregueses, que só podía entrar os poucos froitos de vender algún becerriño, unha vaca vella, unhas ducias de ovos, coellos ou pitas, algún cacho de touciño e un lacón, porque o outro e os dous xamóns había que reservalos pra pagar obrigacións ou rendas e imos parando de contar. Manexar moeda permitíalles ser “ricos” e poder mercar chocolate prá parva, ou desxaxún (en galego normativizado).

Agora seguimos tendo fama de comer ben, de vivir ben e de ter cartos, aínda que moitos acaben sendo grandes especialistas en abrir latas de conservas, debido a que teñen que cociñar pra si, grandes espertos nas novas tecnoloxías: microondas, lavadoras e pranchas, palabra esta non galega. Aquí os novos galegofalantes que o falan ben e cobran por ensinárnolo a falar ós aldeáns que o falamos sempre pero mal, teñen como falta grave, ou dito en linguaxe clerical: como pecado mortal, dicir: “a ver se pola tardiña teño un momento pra pranchar un pouco antes de cenar e despois vexo un pouco a televisión”. Hai que dicir: “a ver se polo serán atopo un intre para pasar o ferro denantes de cear i despois miro un anaco o televexo ”.

Vou ó caso de que… ¿qué ía dicir eu?... Ai, si. Seguimos tendo sona de folgazáns, aínda que teñamos que mal atender dez parroquias ou máis. Ben é certo que pra moitos non é traballo visitar enfermos, poñer catequese, amañar papeis, correr a escape dunha parroquia pra outra os domingos, enterrar mortos, bautizar a case ninguén no rural, casar a moi poucos tamén no rural e facer en moitos casos de asistentes sociais. Pra outros boa parte destas cousas si que é traballo polo que cobran bastante ben, pero pra curas non. Son formas de pasar o tempo.

Tamén seguimos tendo sona de ricos a pesar de ser case todos mileuristas, que gañan de mil euros pra baixo, os que teñen menos de sesenta e cinco anos, que son moi poucos; mentres que os de sesenta e cinco pra riba andamos polos seiscentos e pico de pensión con algúns complementos ademais do complemento de mínimos incluído na paga e que pode perderse facilmente.

Certo que polo xeral non temos fillos nin netos que manter, pero o meu coche, cos seguros, ITV e algún golpiño come tanto coma un fillo e un neto xuntos.

Cando ía ós funerais tiña que levalo, pero se cobraba por el e polo tempo 40 euros, medio ramo de flores, era un ladrón. Dixen que polo xeral non temos fillos que manter, porque non me gusta ser o que se di dogmático. Gústame escoitar o que din os demais e aínda non hai moito díxome unha muller de Friol en facebook -puideron lelo, e aínda poden, moitos- que hai unha pilisima de fillos de todos os curas, menos dun, que mete medo. Polo visto vanlle dar un premio as feministas á boa da muller, pola defensa que fai das súas conxéneres, porque digo eu, aínda que non entendo moito diso, que pra ter tantísimos fillos terá que haber moitas que abren a cancela sen fixarse moito en a quen lla abren.

Precisamente comecei a escribir sobre o tema do anticlericalismo pensando nas lindezas que nos dedicaron e dedican dun tempo a esta parte a curas, vicarios, bispos e demais xerarquías eclesiásticas os que din ser, dependendo do día: “plataforma”, ou “colectivo”, ou “portavoces do pobo asoballado” en defensa do “seu” cura en 12 parroquias de Friol e 2 de Guitiriz.

A ver se me explico: Estes non deben ser anticlericais: porque din que os move a defensa dun cura a sacrificios tan grandes como: recoller ¡5.000! firmas, manifestación de ¡500=150! en Lugo, manifestación nunha parroquia cada domingo fóra da igrexa en cada unha das parroquias ata que botaron o novo cura, viaxes de beiras de cen quilómetros pra irá á misa. aínda que non todos entren na igrexa nin saian na foto dando lugar a que onde se di 150 só se poidan contar 40, buscarlle traballo ó cura que foi trasladado, por se volve e non pode exercer.

Non, estes e estas anticlericais non poden ser porque nunca se viu tal defensa dun cura, aínda que pra iso haxa que poñer patas arriba a todos os demais e á mesmísima institución eclesial, iso si, dirixíndose ó embaixador ante o Vaticano, á Conferencia Episcopal, ó Nuncio e facendo xestións pra seren recibidos polo Papa en Fátima no caso de que non consigan traelo a Friol, pra que lle fagan rectificar ó Bispo, nun diálogo de ti a ti, como fai o alcalde de Pamplona que trata de camarada a Francisco, o Papa e Xefe do Estado Vaticano, pra pedirlle que lle bote una man na expropiación da catedral de Pamplona á Igrexa Dicesana.

Menos mal que non fixo coma o seu homónimo de Friol que quere declarar persoa “non grata” ó Bispo de Lugo e, consecuentemente, con el a todos os curas nomeados por el no “seu” termo municipal.

Ben. A onde quero chegar? Moi fácil . A que está habendo un rebrote de anticlericalismo e a todo o que cheire a relixión católica moi ben pensado a nivel de España. Deixémonos de disimular e de mirar pra outro lado. Cando se entra en capelas universitarias a torso descuberto e se fala de queimar a Conferencia Episcopal e de expropiar catedrais e de suprimir calquera manifestación relixiosa cristiá pública, algo está cambiando ou se quere cambiar. E a movida de Friol, que vai machancando persoas, entre elas ó cura que din defender, ten todos os indicios de formar parte desta trama, aínda que non sexan conscientes diso os que interromperon o normal funcionamento das celebracións dos domingos, e da misa Crismal na Catedral, dirixiron fronte ó Bispado de Lugo una pantomima de oración cun nosopai irreverente ou, subidos a una parede, fixeron una parodia da bendición de ramos co correspondente cachondeo.

É moi triste ter que bailar ó son que outros nos tocan. Pero ten efectos desastrosos non darse conta, porque ó non ser conscientes podemos estar bailando unha peza mortuoria e crendo que é unha alborada.

Quede constancia de que non teño motivos persoais de queixa de anticlericalismos nin creo que teñan queixa os meus compañeiros próximos que encontramos nos nosos fregueses e veciñas da comarca axuda, agarimo e comprensión ós nosos fallos, que, polo menos eu, téñoos e non poucos, pero penso que convén estar prevenidos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES