Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembrando a Kierkegaard

viernes, 21 de abril de 2017
Eu non sei se perdemos o tempo acougando un pouco nesta vertixe na que nos sentimos inmersos nunha dinámica social, que, sen remansalo no presente, agocha no pasado o de onte, e precipita o futuro co de hoxe: Nun abrir e cerrar de ollos - como se di coloquialmente – escápasenos das mans un presente no que nin tan sequera estivemos.

Certamente que case non vivimos no presente, vivimos apoiándonos no pasado para proxectar o porvir. Precisamente por isto, no presente somos, á vez, pasado e futuro. Pero, polo menos, remansemos nisto, se queremos transcender no futuro o que fomos no pasado – que tan xenerosamente nos ofrece posibilidades para iso – dunha maneira razoable.

Se o consideramos seriamente, ata diría que é contraditorio non facelo, e, por iso, temos que tentar cando fuximos arrogantemente dun necesario pasado, pensando que o futuro e pura invención, pois tampouco parece que sexa así, se, para construír o futuro, hai que botar man das posibilidades que nos brinda o pasado. De aquí que arroxar precipitadamente no pasado o que aínda ten unha rica e eficaz función cotián equivale a convertelo nun vertedoiro de lixo.

Basta, na orde material, comprobar o que está a pasar na nosa sociedade de consumo, e no ámbito intelectual, o desdén co que se xulgan algúns valores do pasado.

Contemplando as procesións de Semana Santa, tanto en perspectiva estritamente relixiosa, como social, viñéronseme ao maxín as TRES FASES DA VIDA DE SÖREN KIRKEGAARD, o filósofo danés, nado en Copenhague no ano 1.813. Pensei nel porque as tres fases polas que pasou teñen, sen dúbida, representantes na nosa sociedade, e, como apunto nos parágrafos anteriores, tal vez esteamos empregando unhas categorías dun pasado vivido por un intelectual, que axuden, non só a situar a nosa vida, non pouco azarosa, na que corresponda, senón tamén a recibir algunha achega preventiva para o futuro.

Empecemos por caracterizar as tres fases ou estadios: ESTÉTICA, ÉTICA E RELIXIOSA. Polas tres pasou Kierkegaard. Consideradas en xeral, poden estudarse como tres grandes esferas da existencia humana, nas que entran distintas categorías do comportamento do home e da muller, que penso que serven de referencia para xulgar algúns grupos, máis ou menos definidos, nas sociedades actuais.

Comezando pola ESTÉTICA, aclaro que non está referida á arte, senón, seguindo a súa etimoloxía, ás sensacións (do grego, aísthesis, sensación, percepción). A persoa encadrada nesta esfera, opta por si mesmo, fuxe dos compromisos sociais, ten actitudes de matiz marcadamente individualista, egocéntrico, e vive nun remuíño de sensacións: ven a asumir un estado ilusorio, de pura repetición do deleite e en busca de novas formas de gozar a vida. Este estado,
loxicamente, ten consecuencias: debilitación dos lazos familiares e desorde profesional e social. E como consecuencia dese “estado ilusorio”, seguramente hoxe diríamos que vive máis no virtual que no real, e que a inestabilidade acompáñoo por todos os costados.

Creo que se pode afirmar que devén unha persoa socialmente perigosa, porque vive cada instante, sen conexión, e o seu comportamento é imprevisible.

O filósofo que cito superou esta fase, a pasou a ÉTICA, que, por suposto, considerou superior, porque aquí xa se sente vinculado no seu comportamento a unha lei moral, que non só considera válida para el, senón que lle atribúe universalidade. Desaparece o instante e impóñense unha serie de tarefas a realizar, é dicir, opta pola seriedade e fuxe de tarabelear na vida, dándolle sentido e respecto a súa propia existencia. E como se sente con dereitos e obrigas, debilita as posturas egocéntricas.

Un psicanalista, empregando terminoloxía propia, diría que o PRINCIPIO DO PRACER, DO ISO, QUEDA SUXEITO AO PRINCIPIO DA REALIDADE DO EU E DO SUPER-EU. Se na fase anterior se sentiu o filósofo danés escravo do pracer, agora séntese fortalecido contra esa tendencia neste estado ético: deixa de tarabelear e respecta as institucións sociais. Algo moi importante: SÉNTESE VINCULADO NO MATRIMONIO E NA FAMILIA.

Pero tamén Kierkegaard experimenta o impulso da fe, e rompe co estado ético, para pasar ao RELIXIOSO, que na súa apreciación é incluso unha rotura coa mesma razón, unha renuncia paradoxal á racionalidade para entregarse o que el considera irracionalidade da fe, mediante a que a comunicación pasa a ser bilateral, entre el e Deus. Pero isto non lle impide polemizar cos representantes da igrexa luterana. Entende que o catolicismo non é en si unha doutrina ou un conxunto de dogmas, senón unha comuñón que conduce a outro paradoxo: ENCONTRAR A ETERNINADE NO TEMPO PRESENTE.

Contemplando a escena que nos ofreceu a Tv. dunha procesión en Sevilla, perturbada por uns energúmenos, pensei que os sentimentos kierkegaardianos correspondentes ás tres fases, coas matizacións necesarias, corresponden a certos grupos, máis ou menos organizados, na nosa sociedade: o EGOCENTRISMO, hipocritamente disimulado, en todo o espectro social, se ben acentuado na violencia dos grupos de rufiáns; o RESPECTO AOS PRINCIPIOS ÉTICOS en persoas excepcionais, e un certo COMPROMISO RELIXIOSO, respectable e admirable, evidente en persoas tamén de toda clase, que sen dar saltos de rotura, coma no caso do filósofo, esfórzanse en buscar o complementario para forxar unha desexable integración persoal, que debería aprenderse na educación familiar e social e no ensino.

Na miña modesta opinión, algunhas sociedades actuais non son capaces de encontrar un acomodo adecuado ás posibilidades que lles brinda o pasado, porque ao mesmo tempo que non poden desentenderse delas, que afloran oblicuas aos propósitos xerados no seo da mesmas, rexéitanas pola instantaneidade que imprimimos a vida, instalada esteticamente (lembren o significado aquí), que veta e discute a universalidade dos principios éticos. E da mesma maneira que Kierkegaard renunciou a racionalidade ética a impulsos da considerada irracionalidade da fe, así mesmo nosoutros renunciamos a RAZOABILIDADE que indaga o sentido da vida humana, perdidos nos acaneos dun instante que se escapa das mans por desconexión pretérita e desvinculación cos obxectivos dun futuro non evanescente e virtual, senón consecuente e de pretensión real.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania