Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A revista Murguía

jueves, 20 de abril de 2017
Hai tempo que sigo con atención as entregas dunha das revistas máis interesantes en Galicia no eido das Humanidades: Murguía. Revista Galega de Historia. Nacida no 2003 e estreitamente vinculada ao A revista MurguíaInstituto Galego de Historia, esta cabeceira dirixida polo profesor Uxío-Breogán Diéguez tense convertido nun referente no campo historiográfico e a ela debemos importantes achegas na pescuda do pasado do país.

Desta volta quero significar a aparición do seu trixésimo terceiro número, unha publicación plural polos seus contidos, que incorpora destacadas investigacións, entrevistas, lembranzas, panorámicas e mesmo comentarios bibliográficos.

No eido do ensaístico a revista ábrese cun traballo do propio director, quen recupera un documento inédito da Dereita Galeguista a propósito da data de convocatoria do Estatuto de Autonomía de Galicia no 36, comunicado que asinaran sinalados intelectuais de entón como Banet Fontenla ou Filgueira Valverde.

Alén desta significativa exhumación, o volume conta tamén cun detallado seguimento da participación e saída do activista celanovés Pepe Velo no DRIL (Directorio Revolucionario de Liberación) levado a cabo por Xurxo Martiz Rodríguez; unha rememoración da intentona republicana de Crecente (Pontevedra) de 1905 que estuda Perfecto Ramos Rodríguez; unha revisión do papel esencial de Antón Alonso Ríos no agrarismo tomiñés dos tempos da II República que escribe Natalia Jorge Pereira; unha acaída síntese da historia da prensa e a edición de libros na emigración galega da Arxentina e Cuba da que se encarga Prudencio Viveiro Mogo, co-coordinador e secretario da revista; un apuntamento verbo de Carlos López García ‘Picos’ e o seu labor musical na nosa emigración que rubrica Ángel Arcay Barral e unha evocación da amizade que uniu a Xosé Estévez con Manuel María e os episodios vitais compartidos que describe o primeiro.

No apartado dedicado á entrevista os responsables da publicación tiveron o acerto de conversar con Manuel Gago, xornalista e profesor da USC, amais de director do portal dixital do Consello da Cultura Galega e estimable activista e divulgador. As declaracións deste ao director e ao secretario da revista iluminan ángulos que moito fan pensar sobre o valor do noso patrimonio material e inmaterial e a súa proxección, ofrecendo preciosas pistas para a súa mellora.

A lembranza do caderno céntrase na figura de Antón Losada Diéguez, de quen se traza un breve pero substancioso perfil e se transcribe un artigo de xorne declaradamente nacionalista publicado en A Nosa Terra en 1922.

Unha panorámica descritiva dos fondos galegos da Biblioteca Universitaria de Santiago trazada por Pedro Incio, algúns comentarios a libros dos últimos meses que analizan Viveiro Mogo, Gustavo Herbella e Xosé Manuel Malheiro, xunto a dous breves apuntamentos sobre sitios web (www.onosopatrimonio.blogspot.com e penafurada.net) son as achegas coas que se pecha este número de Murguía, coma outras veces ben coidada na súa edición material e ilustrada con diversas fotografías.

Os interesados no noso pasado, mais tamén aqueles que queiran estar informados das raiceiras onde afinca o presente e cales poden ser os referentes nos que espellarnos para o futuro teñen en Murguía unha publicación de lectura proveitosa, que non defraudará os máis versados e abrirá espazos de saber a aqueles que procuren referentes sólidos a través dos cales profundar no coñecemento desta terra nosa, da que tanto cómpre seguir (re)descubrindo.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES