Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Consumo cultural en Vilalba

jueves, 13 de abril de 2017
De sempre, interesoume a oferta cultural das grandes cidades, que sempre quedan lonxe, e ás que un pode atender moi de tarde en tarde, xa por obrigas previas ou por motivos económicos… pero o certo é que de cando en cando, en familia facemos incursións a Madrid para empaparnos de teatro, ou a Santiago ou á Coruña (puntos de referencia cultural). Pois tamén agora compre viaxar a Vilalba por temas culturais.

Non irei ao Fiv, que me queda lonxe en idade, e do que á vista do programa comprobo que non teño nin a menor idea deste tipo de música. Pero é moi agradable comprobar que este festival de música independente camiña con paso moi firme, ten garantido xa a estas alturas completar o aforo, e é unha aportación económica moi importante para a hostelería vilalbesa como o é en resonancia cultural para todos os devotos deste tipo de música.

Non irei tampouco, pero gústame a idea desenvolvida polo Concello e Culturalia GZ de programar, con motivo do Día do Libro, “un libro por unha cita”, de xeito que se presentan libros envoltos, cunha cita dos mesmos no exterior para tentar adiviñar de que libro se trata… ou a iniciativa do concello “Libro, cámara e acción” para elaborar un video sobre unha obra literaria…

Ao que si irei, e non eu só, desde Lugo, á actuación de “El Brujo”, con “El Lazarillo de Tormes” no Auditorio Carmen Estévez, o seis de maio, que teño que velo porque si, despois de coñecer a traxectoria deste singular actor e escoitar os comentarios de quen o viron xa en Lugo e irán a Vilalba a repetir experiencia.

Alégrome de que o concepto “Cultura” estea de actualidade, se potencie –máis se é na miña terra vilalbesa- porque era tremendamente doloroso cando eu estaba en activo profesionalmente como xornalista, dedicado -máis que especializado- a informar sobre temas culturais, saber que un traballaba para minorías, pequenas, ao que moi poucos prestaban atención… comprobando a cotío que aos poderes públicos interesaballes moi pouco o labor cultural.

Melloramos ben en consideración sobre a cultura, en práctica cultural, en consumo cultural. E alégrame ben saber que Vilalba, culturalmente, tamén é unha potencia. E unha afortunada realidade.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES