Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lingua zombi

sábado, 15 de abril de 2017
Lingua zombi Estes últimos meses espertou non pouco interese un libro de Nicola Gardini (1965), profesor de literatura italiana e literatura comparada na Universidade de Oxford. O volume ten un título que daría ben como slogan e un subtítulo acaído para rótulo de novela: Viva il latino. Storie e bellezza di una lingua inutile (Garzanti, 2016).

A tese fundamental deste texto do poeta, narrador, tradutor e ensaísta italiano é dunha parte obvia e doutra utópica: o latín está na base da nosa cultura occidental e, miremos por onde miremos, moito deriva del; por tanto, nun contexto comunitario europeo (tan problemático) como o actual (lémbrese o brexit e outras herbas), o latín ten un pedigree incomparable para volver converterse no idioma vehicular que durante tantos séculos foi.

Penso que ninguén, a estas alturas, sería quen de negar o inmenso herdo da lingua latina na construción idiomática, psicosocial, sociocultural e mesmo xeopolítica de Europa. Agora ben, de aí a soñar con erixir a vella fala do Lacio como novo euro idiomático media un abismo.

Non estará de máis lembrar aquí que esta pretensión de establecer linguas francas (interrexionais, intra ou interestatais, continentais ou planetarias, segundo os casos) é unha quimera que vén de vello. Tentouse con algunhas linguas naturais e, sobre todo, con enxeñosos construtos que os especialistas denominaron linguas planificadas. Sobre do particular existe abondosa bibliografía, así que me conformarei con lembrar tan só algunha da máis coñecida, remitindo ao interesado a unha excelente monografía de Teresa Moure para quen queira profundar no asunto: Outro idioma é posible. Na procura dunha lingua para a Humanidade (Galaxia, 2004).

Por tanto, ¿por que deberiamos pensar que a proposta de Gardini do latín como koiné paneuropea do novo milenio había de ter máis éxito que o volapük (1879) de Johann Martin Schleyer, o esperanto de L. L. Zamenhof (1887), o ido de Beaufront e Couturat (1907), a interlingua de Semprini (1922), o novial de Otto Jespersen (1927) ou o lojban de James Cooke Brown (1960)? ¿É plausible que o latín sexa adoptado como idioma de comunicación eurocomunitario cando non o logrou, hai máis dun século xa, o latino sine flexione de Guiseppe Peano (1904)? O construto lingüístico que ideara o matemático e filósofo de orixe sarda alixeirara todo o sistema flexional do latín clásico, simplificando moitas outras cuestións morfogramaticais, e nin por esas conseguiu pasar dun meritorio intento que, en todo caso, podía ser dalgunha utilidade para intercambios de tipo académico, pero perfectamente inservible para uso cotián. E non tiveron maior éxito outras tentativas de simplificación do latín como foron o perfect (1910), o semi-latin (1910), o simplo (1911), o latinulus (1919), a interlingua do amentado Semprini, a interlingua systematic (1922), o unilingue (1923), o monario (1925) ou o latino viventi (1925).

Secasí, non pode negarse que o prestixio do latín segue incólume e que este acabou por se transformar nunha auténtica lingua zombi, Lingua zombievolutivamente morta, mais ritualmente viva. Neste sentido, a súa presenza no concerto dos idiomas en uso afinca na excepcionalidade do Vaticano, no que é lingua oficial da igrexa católica e, polo mesmo, o falar dalgunhas radios e medios de prensa relixiosos e o idioma das súas publicacións oficiais, incluídas as papais, pois mesmo existe dende o 2012 unha Pontificia Academia Latinitatis.

Agora ben, admitindo con Gardini que o latín segue a ser referencial en ámbitos como o da xurisprudencia, a arquitectura, a enxeñería, o exército, certas ciencias, a filosofía e mesmo determinada literatura, a vida de a pé é iso e moito máis, tanto que unha Europa latinoparlante por forza resulta un soño, fermoso, si, pero inalcanzable.

Do latín ao trampitán

O galego é un fillo tan cuspidiño a seu pai o latín que non pode negar nin nas uñas nin nos pés a quen saíu. Mais iso non é óbice para que tamén polos nosos lares sintamos ultrapasado o tempo do proxenitor.

Entre nós houbo quen moi ben soubo ironizar sobre o particular, como Xosé Cermeño, que no magnífico Os nervios da cabeza (1994) inseriu un relato memorable titulado “Utilidade das linguas mortas”. Aconsello lelo a aqueles que aínda dubiden da practicidade da fala de Catulo, Ovidio e Petronio para a ars erótica.

E para os que non concorden con tales usos, pode recomendárselles que pescuden as pegadas latinas ―que ben seguro as hai― no xenuíno trampitán argallado por Juan de la Coba, o estrafalario agrimensor e vate ourensán que tanta fascinación lle causaba a Carlos Casares, quen chegou a escribir un libriño sobre el onde lembraba como ideara nunha koiné poética inventada varios poemas e unha ópera que titulou La trampitana (1895), unha babel macarrónica que, como sorprendente idioma artificial, seguro que había gañar tamén a simpatía de Gardini. Velaí vai, para rematar, o parlamento de introito a tan insólito texto, seguido da súa ‘tradución’: Bertoldo ―Sus sos pusus ferpe oselete,/ tretos ortase lareta zon. Paulina ―Pengo dofino la sobenete,/ pe to anofo tofo os quiquitón. Isto é: Bertoldo ―Os dous xa somos en que es abraio/ luz preclara e ilustre. Paulina: ―Poño por testemuña ao Universo/ que te amo tanto con fortitude.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES