Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Drama de Xesús

jueves, 13 de abril de 2017
O meu primeiro libro propio non escolar tíveno, cando contaba uns nove anos. Titulábase “El drama de Jesús” e fora un agasallo da mesta Dona Argentina que mo regalara coa dedicatoria de “… en prueba de su aplicación y buen comportamienTo”. A dedicatoria era unha boa proba que a mestra era amiga da familia.

Fun lendo pouco a pouco como puiden e penso que me marcou a súa lectura para ben e en boa parte condicionou a miña vida. Nos primeiros anos de seminarista presteillo a un compañeiro que o levou nas vacacións e non volveron nin el nin o libro. Síntoo máis agora ca daquela. Pouco lembro del en detalle, pero deixou en min un pouso de grato recordo. Estaba escrito en forma de drama todo el. Hoxe penso que o verdadeiramente dramático na vida de Xesús céntrase nos últimos días da súa vida. Naqueles día que coincidiron coa Pascua xudía e coinciden agora coa nosa Semana Santa.

Este drama da paixón e morte de Xesús foi e é tratado como tal por múltiples obras literarias dos máis variados estilos e por obras cinematográficas. En Pintura e escultura foi inspiración de infinidade de obras maxistrais. Descoñecer esta inxente achega á cultura é vivir cun notable tanto por cento de analfabetismo funcional, polo menos en occidente.

Como afeccionado ó teatro tamén teño soñado con escribir algo relativo a este dama, final da vida de Xesús, traéndoo dalgunha maneira ós tempo actuais, como me atrevín coa súa infancia.

Polo de pronto xa me parei un chisquiño en facer unha pequena análise dos distintos personaxes que interveñen e creo que seguen sendo moi actuais; para facilitarme o traballo e non darme moito que buscar nin ter que andar mirando de arredor, mirei dentro de min. Paréceme que os entendidos nestas cousas chámanlle a iso: “Facer un exercicio de introspección”. E resulta que o resultado foi sorprendente, porque sempre me vira como espectador do drama, algo parecido ós turistas que hoxe ven pasar unha procesión. Pero a miña sorpresa, e non pequena, foi cando vin retratadas partes de min en moitos dos actores do drama.

Sen pararme en detalles, só en pequenas pinceladas, este foi o resultado. E perdón pola inmodestia:

Non teño conciencia de a haber vendido barato a ningún amigo, pero algunha xogada, que non me gustaría que me fixesen a min, si que lles teño feito e, cando quixen reparar dalgún maneira o mal causado, tamén me pasou coma Xudas cando despois de vender ó Amigo por trinta moedas foi devolvelas, pero…Era tarde!

Algunha vez ten acudido a min algunha persoa verdadeiramente angustiada e eu aparentar que me preocupaba por estar ó seu lado, pero chegar a ter ela, e con razón, a sensación de que eu estaba durmindo, igualiño ca os tres discípulos no Horto das Oliveiras cando era tanta a angustia de Xesús que chegaron a relaxarse de tal xeito os poros da súa pel que suou sangue.

Caifás, Anás, o Sanedrín coma un so home berraron todos a unha cos rostros desencaixados polo escándalo e despois de escoitaren a varias testemuñas falsas: “Blasfemou! Merece a morte! Dixo que Deus é seu Pai! Que o crucifiquen!”

Home, eu a tanto non chego, pero a facer un Deus domesticado, á miña medida máis comenenciuda, e a non recoñecer ata as última consecuencias ó Deus Pai de quen fala Xesús, algunha vez si que me pasa.

Falando de Deus parapetado detrás do altar e respondendo no seu nome a preguntas que me imaxino que se fai a xente sen preguntarlles, estou moi seguro, coma na miña salsa. Ai! pero cando diante do altar me preguntan por el e me fan as preguntas que lle farían a el, poden chegar a dicirme: “Pero ti coñécelo ou falas de memoria?” Daquela non ando moi lonxe de Pedro que no cenáculo di: “Contigo ata a morte!” e diante dunha criada preguntona responde: “Ti, confúndeste comigo. Eu case non o coñezo ou cando menos, trátoo moito menos do que debera”.

Das miñas covardías e de querer compangar con uns e con outros, asemellándome a Pilatos, dáme vergoña falar, pero recoñezo que máis dunha vez me desentendín do meu verdadeiro deber escaqueándome, ou lavándome as mans, coma quen non quere a cousa ou máis ben coma se os problemas dos demais non fosen comigo.

Gustaríame pasar por alto a Herodes, porque é un tipo que me repugna: tirano, libidinosos, cheas, bandullán, folgazán, vendido ós romanos, rei de palla. No que acabo de dicir non me vexo retratado. Non. Pero no de que, cando soubo que lle levaban a Xesús, esperar que faga un milagriño para min só, algo, algo si que me parezo. E no de se non mo fai enfurruñarme con el coma Herodes, tamén.

Cáeme moi ben o Simón de Cirene - O Cireneo-, primeiro por ser labrego e segundo, por axudarlle a Xesús a levar a cruz. É certo que parece ser que foi obrigado, pero foi. Pois tamén algunha vez, feo que o diga, máis ou menos obrigado, teño axudado a levar algunhas cruces.

Cando van coa cruz cara o Calvario choran e delútrense moito algunhas mulleres compasivas, ás que lles recomenda: “Chorade máis ben por vosoutras e polos vosos fillos”. Non é o mesmo, pero creo que algo de parecido ten, sentirme moi afectado por desgrazas de lonxe, coma as que vexo na tele de nenos que pasan fame, e non darme conta de que hai desgrazas semellantes moi preto “entre os fillos de veciño”. E máis curioso aínda é que algunhas veces, cando me piden unha axuda prós de lonxe, coa desculpa de que “tamén aquí hai necesidades”, ou con outras parecidas, non axudo a uns nin ós outros. Neste caso non fun eu, pero vén a conto: Nunha desas ocasións en que se pide prá loita contra a fame no mundo dixo un fregués do que todos coñeciamos bastante ben a traxectoria: “A ver o que chega aló do que se recauda”. Non puiden evitar responderlle: “Asegúroche que do que mandaches ti nunca se perdeu nada”.

Xosé de Arimatea, amigo de Xesús, pero temeroso de que o asociasen moito con el, tiña a súa dose de valentía movido polo seu humanismo e pediulle a Pilatos pra poder baixar o corpo morto de Xesús da cruz. Se o hei dicir todo, xunto cos meus temores tamén algún acto humanitario poderá atoparse fixándose ben.

E pode parecer unha toleada, pero vouna dicir: algúns vez, poucas, ata me parezo tamén algo a Xesús en levar algunha cruz, e defender a verdade e a xustiza, en mirar polos máis desfavorecidos… Tamén se non me parecera en nada, nada, malamente podería dicir que é o noso Mestre.

Gustaríame ter a sorte do discípulo Xoán, de poder escoitar de labios e Xesús: “Fillo, aí tés a túa nai” e poder levala comigo.

Con ela, con María, comprenderás que non me compare. Xa me gustaría, pero non me atrevo, atrévome antes con Xesús ca con ela e non é por falta de confianza. É que a Xesús véxoo máis coma o irmán maior, o compañeiro de camiño, o amigo… Coidado, amigo si, pero non o camarada!; porque hai diferenzas que non se poden borrar e lindes que non se poden saltar. Fun educado en tempos en que aínda que se lles quixese moito ós pais tiñámoslle un respecto reverencial e máis non por iso nos sentíamos lonxe deles nin os sentiamos a eles lonxe do nós. Con María, a Naiciña do ceo, pásame algo semellante. Só lle pido que nunca a sinta lonxe e que se non tiven a sorte de Xoán, teña a do moitas outras mulleres e homes de ben, a saber que está pretiño agora e na hora da morte tamén.

Imaxino, estimada lectora ou lector, que, se chegaches ata aquí, faríaste algunha vez a pregunta: “A que vén esta especie de striptease ou de espirse parcialmente en público?

Pois, creo que ven a que puidera darse o caso de que atopases algún parecido comigo, feo que sexa eu quen o diga, aínda que penso que me superarás en moito, e nese caso quero felicitarte. Se, por un casual, che parece que estás por debaixo, non te desanimes, nin te culpabilices, que de pouco serve, e tampouco mo digas, porque podo verme xustificado se me poño a andar cara a atrás.

Ah! Xa case se me esquecía: tamén me parece que dramas moi semellantes ó de Xesús séguense dando hoxe en moitos xesuses, xesusas e non xesuses nin xesusas, o que non lle quita valor ó de hai case dous mil anos, senón que corrobora as súa palabras: “O que facedes a vosos irmáns, facédesmo a min tamén”.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES