Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Deslocalizacións

jueves, 13 de abril de 2017
Hoxe pola mañá -xa sabe, onte, para vostede- lin algo que, como tantas outras veces, fíxome reflexionar porque sen os seus protagonistas sabelo, coa preocupación amosada estábanlle facendo unha moción á totalidade do contido da miña columna do pasado sábado na que exaltaba a iniciativa dun empresario chantadino que trouxo para a súa vila a unha sección completa do seu conglomerado empresarial -e con el a uns douscentos mozos e mozas-, axudando así dun xeito decidido e directo á repoboación dunha localidade que, coma tantas e tantas do interior de Galicia, viven nos lindes do equilibrio demográfico.

Foi no marco dunha reportaxe que informaba sobre os pormenores do traslado do servizo de emerxencias de Galicia (o popular 112) dende o seu asentamento actual, nas aforas de Santiago (8 km), ata a nova sede situada na localidade da Estrada (28 Km).

Nun despece informativo dábase a coñecer que ademais da complexidade técnica que supón o traslado dun servizo que ha de estar operativo as 24 horas, estaban sucedendo tamén algúns problemas de reivindicación laboral, ata o punto de estar convocada unha folga a partir da próxima semana, por entenderen os traballadores deste servizo que a "deslocalización" ía provocarlle unha serie de minguas nos seus emolumentos netos mensuais que no estaban sendo contemplados polos responsables do traslado.

E velaí, realmente, onde foi que se me acendeu a min a lampariña. É dicir, na renuncia á posibilidade de que os traballadores vexan desprazado o seu novo centro de traballo a un lugar a pouco máis de media hora do entorno periurbano da cidade de Santiago.

É certo que cada quen pode vivir onde lle pete porque o ampara a Constitución, e que, sobre todo, se xa teñen a súa vida completamente asentada nalgunha barriada compostelá, son consciente de que de súpeto vailles supoñer un incordio, que lles suporá, ademais, unha pequena merma económica polo incremento de custes de desprazamento dende os seus fogares ata a Estrada. Polo tanto, non vou ser eu quen avogue agora por obrigalos a trasladaren os seu lugares de residencia.

Agora ben, o que si me demostra esta realidade (que se coloca no outro prato da balanza de onde o outro día colocaba eu ós mozos e mozas "chantadinos"), é que hai problemas colectivos estructurais no sistema de organización dunha sociedade que non os pode solucionar só a clase política, senón que dependen tamén da decisión individual de cada un dos membros desa sociedade.

Ou pensa vostede que as comarcas do interior de Galicia non terían outro dinamismo demográfico se os funcionarios, os traballadores da banca e doutros grandes servizos con sede nas súas capitalidades, residiran onde teñen o seu lugar de traballo e non na cidade de referencia?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES