Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Auténtica activista da cultura

viernes, 07 de abril de 2017
Autntica activista da cultura
Testemuñas da memoria
Auténtica activista da cultura

Sempre se dixo que cando un está fóra do seu entorno, bota de menos o lugar no que naceu e creceu. Acabado de chegar a Madrid, a principios dos oitenta, á parte de sentirme medio perdido, notaba como a nostalxia me mantiña preñado á terra, principalmente nesas tardes de soidade nunha cidade inmensa. O que levaba peor era o da lingua. E iso que polas mañás aínda falaba un chisco na oficina cun amigo de Allariz. Pero polas tardes, ai polas tardes!...

A solución a esa amargura atopeina nun local que a galería Sargadelos tiña, se non recordo mal, na rúa Zurbano. Aínda que, antes de entrar nel, pensaba que só me atoparía coas súas típicas e famosas cerámicas. Mais tan axiña como vin que ó longo das paredes había estantes cheos de libros, de libros galegos, foi algo así como ascender ó ceo en plan éxtase.

Case ó momento me chamou a atención un apelido: Janeiro. Non sei, pero chocábame un chisco a J na lingua galega. Helena Villar Janeiro. A ver se esta escritora escribía en castelán sobre Galicia, e nada máis (intuía que alí terían libros galegos e sobre Galicia, que podían moi perfectamente escribir uns autores que non soubesen galego).

Non sei os libros que pillei a primeira vez que entrei na galería Sargadelos de Madrid (co tempo, as mesmas dependentas me confesarían que me deixaba alí a nómina, e tan só en libros), pero si sei que collín un desa autora cando me decatei de que si escribía en galego: “Morrer en Vilaquinte”. Mal pensaba eu que tería algún contacto, non só con ela, senón con calquera autor dos que me gustasen. Pero como o tempo pasa e todo cambia, a sociedade tamén cambiou e, hoxe, por sorte ou por desgraza (no meu caso, por sorte) estamos invadidos polas redes sociais, que nos poñen a uns moi cerquiña dos outros. O feisbuq amósache desde o quinto inferno ata a fin do mundo, pasando polo veciño ou o familiar máis achegado. Amósache todo un mundo á volta da esquina.

Helena Villar Janeiro anda no feisbuq, está no feisbuq. Mira, por intentalo que non quede. E mandeille solicitude de amizade. Eu que sei, vai ti saber... toda unha eminencia nas letras galegas, unha señora xa cos seus anos; ó mellor pasa olimpicamente de min. Pero non pasou. E descubrín, estou descubrindo a unha señora, como se adoita dicir, humilde de corazón e coas ideas... ui coas ideas!, xa quixera algún deses “culturetas fachendosos” ter só un gromiño da súa intelixencia e do seu saber. Señora Villar Janeiro, é un pracer, un auténtico pracer contar coa súa amizade, aínda que só sexa por medio da informática.

Helena Villar Janeiro naceu en Becerreá (Lugo) o 28 de setembro de 1940. Vai para 76 anos. Pero, repito, cunha lucidez que... xa, xa. Abandonou a escola ós seis anos, pero recapitulou e volveu fincar os cóbados ós 13. Ó mesmo tempo que cursaba o bacharelato por libre, axudáballe ós seus pais na xastraría da súa propiedade. Nela seica cantaban a rabiar. Porque o seu pai era acordeonista e barítono. Tamén o canto era a gran paixón de Helena, mais naqueles tempos non sempre se podía facer o que gustaba.

Cursou maxisterio en Lugo e pateou parroquias e concellos como docente. Estudou, tamén por libre, a carreira de Filosofía e Letras, na especialidade de Pedagoxía. E tan axiña como mercou o seu 600D empezou a bailar do traballo ás escolas, a clases de castelán e francés, bailou coa poesía, coa guitarra, co debuxo, coa pintura e co modelado. Ela mesma recoñece que non sabería dicir de onde sacou o tempo. Agora mesmo fochica no feisbuq que nin o demo.

O seu primeiro poemario, “Alalás”, viu a luz en 1972. Foi o único escrito en castelán. Tres anos máis tarde casa co escritor Xesús Rábade Paredes (do que tamén atopei algo naquela libraría Sargadelos) e a súa unión vai moito máis alá do matrimonio, pois á parte dos dous fillos que tiveron, pariron así mesmo, entre os dous, unha morea e máis de libros, dos cales moitos deles tiñan como obxectivo o mundo infantil. Desde 1985 deciden escribir por separado, pero, de cando en vez, volven os dous ás andadas. Ela é unha auténtica activista da cultura e sabe (vaia se sabe!) da problemática da nosa lingua.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES