Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Onde está a causa...?

viernes, 07 de abril de 2017
Despois de reflexionar uns minutos acerca das confusas situacións políticas de tantos países no mundo, parece bastante consecuente preguntarse onde está a causa principal, amén doutras concausas concorrentes.

Certamente, sempre a través da historia houbo convulsións socio–políticas que cuestionaron a intelixencia humana; pero nesta etapa que nos tocou vivir, xa dentro do século XXI, cuns avances científicos indiscutiblemente sorprendentes, que evidencian un incremento da racionalidade insospeitado, non podemos menos que preguntarnos onde está a verdadeira causa de tanta irracionalidade, e “irrazoabilidade”, na que nos sentimos embarulladas as persoas humanas na nosa convivencia.

Que nos falta?. Acaso existe algunha razón para pensar que tantas intelixencias altamente capacitadas ao servizo da ciencia esvaecen a nosa necesaria “razoabilidade” nos comportamentos da convivencia social?. Introduce a ciencia un reducionismo perturbador na nosa formación integral que afecte tan seriamente a convivencia humana, ata o extremo de retrotraernos a modais de violencia ancestral?. Lévanos isto a aceptar que estamos determinados polos xenes, como suxire Richard Dawkins?. É posible establecer fronteiras tales que impidan que a esfera dos sentimentos persoais rompan o necesario control da “razoabilidade”?. Non somos máis que un sistema de neuronas admirable e complexo cientificamente e, por conseguinte, a nosa condición humana NON INTRODUCE UNHA CERTA DESCONTINUIDADE NA CONTINUIDADE DO VIVINTE, É DICIR, NON SUPÓN A NOOESFERA UNHA SINGULARIDADE NA BIOSFERA DA DINÁMICA EVOLUTIVA UNIVERSAL?. ...?.

Evidentemente, son preguntas difíciles. Aquí non poden ter respostas nin medianamente documentadas; pero abrir algunha vía suxestiva, con carácter xeral, penso modestamente que é necesario facelo para, cando menos, albiscar onde pode estar enraizada a causa de tanta irracionalidade estendida polo mundo adiante. É o que me propoño facer aquí. Non desexo, nin podo, nin me corresponde profundar nunha temática de tan elevada complexidade. Só traela a consideración reflexiva dos lectores interesados.

Para discernir ata onde nos leva a ciencia nunha concepción antropolóxica cun enfoque complexo, creo que procede afirmar que o home é un sistema hiper–complexo, froito da continuidade evolutiva no marco dos seres vivos, na biosfera; pero hai un PERO..., introduce un indicio suficientemente fundado de DESCONTINUIDADE: A aparición nese sistema complexo da DIMENSIÓN CULTURAL. Pois ata hoxe ninguén nos puido explicar cientificamente como do marabilloso sistema neuronal xurdiu a nosa EXPERIENCIA CONSCIENTE. Así de sinxelo, e...así de difícil.

Desde a orixe do Universo no BIG-BANG CÓSMICO, dentro do proceso evolutivo do mesmo, encontrámonos co BIG-BANG BIOLÓXICO, coa emerxencia da vida, e co BIG-BANG MENTAL, coa aparición na especie humana do MENTAL, da AUTOCONSCIENCIA, indiscutibles SINGULARIDADES que rompen, respectivamente, a continuidade da materia inerte e a da orgánica. Pero no home, e na muller, están incorporadas esas tres singularidades, constituíndo un sistema real integral, conformado como unha PERSOA, polas súas propiedades naturais e por apropiación, e dotada dunhas capacidades que lle permiten, a través do seu decurso vital, configurarse, por incorporación das propiedades adquiridas (PROPÌEDADES POR APROPIACIÓN), unha peculiar PERSONALIDADE.

Así pois, a formación do home non pende só dos coñecementos derivados das ciencias, por máis que sexan moi necesarios e irrenunciables, xa que non aportan á configuración desa personalidade todos os seus constituíntes, deixándoa sen respostas relativas ao SENTIDO QUE TEN A SÚA SINGULARIDADE NO CONCERTO UNIVERSAL.

Ademais, como é ben sabido, a aplicación dos coñecementos científicos depende sempre dunha decisión do home, e as decisións non se toman con recursos matemáticos – aínda que estes se empreguen para formalizar as estruturas dos mesmos, dotándoos dunha certa consistencia lóxica e epistemolóxica – , senón que entran en xogo unha serie de factores de moi diversa natureza: éticos, psicolóxicos, de oportunidade política e contextual, económicos, información científica, etc. A ponderación “racional” (científica, en canto INTERPRETACIÓN VERIFICADA da realidade), e “razoable” (humanista, en canto contribúe a formar un marco de sentido) dos mesmos é unha esixencia ineludible, porque as ciencias, os coñecementos científicos, ofrecen sempre matices ambivalentes:

Poden ser aplicados en pro ou en contra da Humanidade. E isto lévanos a facer VALORACIÓNS e, polo tanto, a posuír os pertinentes coñecementos: Non soamente respostas ao QUE, senón tamén ao COMO CIRCUNSTANCIADO e o PARA QUE.

Pois ben; estas últimos coñecementos, coñecidos como humanísticos, están sendo reducidos a mínima expresión nos plans de ensino e, o que é peor, obsérvase un desdén xeneralizado dos mesmos, en oposición ao apaixonamento desbordado do uso das tecnoloxías da comunicación fora dos seus servizos razoables, que acumulan tal riqueza de información que se fai imposible procesala adecuadamente. E aínda que existen indicios de exercer un control policial na esfera da delincuencia, o descontrol é de tal magnitude que estamos promovendo, por acción e omisión, erudicións á violeta.

Este torrente de insensateces introduce campos de reflexión de chocante frivolidade (recordemos, se non, como os nosos parlamentarios se entregan a fondo en establecer unha normativa legal sobre a amputación dos rabos dos cans); pero o grave está cando se ocupan doutras cuestións como a liberdade con análoga frivolidade, evidenciando que descoñecen que esta NON É UN VALOR EN SÍ (non se alarmen!), xa que a mesma liberdade pode utilizarse tamén para introducir na sociedade ANTI – VALORES, e por isto esixe unha seria e profunda reflexión antes de acometer regulacións da mesma, e non son raras as intervencións neste campo nas que os máis apegados a un determinismo científico, non pelexen sementándoo de instrumentos de indeterminación. Sen dúbida, a liberdade é condición sine qua non dos valores; pero tamén das condutas máis aberrantes: Imponse, pois, unha regulación razoada e contextualizada nun estado de dereito, dos distintos ámbitos dela.

Con estas reflexións por diante, os lectores xa poden imaxinar que na sociedade encontrámonos con problemas que teñen difícil tratamento, e que, por suposto, NON SE RESOLVEN SÓ CIENTÍFICAMENTE. A este respecto, vale a pena de ler algunhas obras do filósofo inglés, Stuart Hampshire, profesor en Oxford e noutras universidades inglesas. Este pensador, con experiencias persoais de moitos sucesos na Segunda Guerra Mundial, afirmaba que era unha esixencia da razón que cando as metas e os valores entran en conflito, o que inevitablemente sucede, este non debe resolverse mediante a forza ou a coerción, senón mediante un proceso deliberativo racional e ESCOITAR AMBAS PARTES, e fundamenta tal aserto en que os homes cambiamos constantemente os nosos desexos, os nosos obxectivos e aquilo ao que lle damos valor, por complexas razóns de toda índole, xa que si tivéramos unha natureza fixa nos asemellaríamos máis aos animais. Velaquí por que este filósofo non estaba de acordo en buscar máis o que nos une que o que nos separa, se queremos encontrar procedementos para moderar e negociar as discrepancias, porque nas diferenzas é onde está a conflitividade.

Parece concluínte, por razoable, pensar que por estes lares procede buscar a causa principal, e outras concomitantes, de tantas convulsións socio–políticas.

Xa que, se temos unha ciencia tan avanzada con evidente ineficacia para transformar a persoa humana nun ser máis razoable na convivencia social, facendo, incluso, un uso inadecuado dos instrumentos cognitivos que lle subministra, cabe pensar que a formación que adquire da mesma deixa na marxe o cultivo doutras capacidades humanas para completala integralmente, o que xustifica que se volva por elas, evitando introducir reducionismos perturbadores, con especial atención ao ecolóxico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES