Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falantes e neofalantes

sábado, 01 de abril de 2017
Cando Manuel Curros Enríquez deu a coñecer o artigo "La Academia Gallega", que publicou no seu semanario "La tierra gallega" o día 19 de maio de 1895 e no que sentou as bases argumentais sobre a necesidade de promover a creación dunha "autoridad soberana en asuntos lingüísticos -é dicir, a Academia Galega- y someterse a sus decisiones", escribiuno, loxicamente, en castelán. Non en van, o feito xornalístico tivo como escenario A Habana.

Do mesmo xeito, cando os comerciantes galegos de Santiago, Pinar del Río, Guantánamo, Camagüey ou a mesmísima Habana, lle escribían ó propio Curros, na súa calidade de presidente da Asociación Iniciadora e Protectora da devandita Academia, para poñerse á súa disposición e colaborar dun xeito entusiasta con tan nobre causa, tamén lle escribían en castelán.

Incluso, cando Manuel Murguía e o mesmo Curros mantiñan relación epistolar sobre os aconteceres de aquí e de acolá no tocante a este proxecto que finalmente tivo natalicio feliz na cidade da Coruña, o seu idioma de comunicación era o castelán.

E non pasou nada, porque o castelán era a única ferramenta que tiñan á man para poder darlle forma escrita a un idioma que malvivía só cos rexistros orais que o pobo iletrado fora mantendo heroicamente -sen sequera seren conscientes- ó longo dunha interminable travesía que durou case cinco séculos.

Fago este preámbulo de contrastes porque me chamou a atención a "confesión" que a modo de “saída lingüística do armario” fixo nantronte o novo presidente da Real Academia inmediatamente despois de ter sido elixido no cargo: "Eu son un neofalante, porque na miña casa da Pontevedra dos anos 50 falábase castelán".

Pensei eu, entón, na Galicia dos neofalantes e na sorte de contradición na que leva -décadas xa- vivindo esta sociedade nosa respecto do idioma, cunha parte da sociedade -fundamentalmente a rural e en franca decadencia- que sostén na oralidade a tradición lingüística herdada dos devanceiros e faino dun xeito natural, sen militancias, nin liturxias, sen politizacións, nin debates ideolóxicos; fronte outra parte da sociedade -de natureza urbana ou urbanizada- que no momento que cae da figueira toma a lingua -mal falada- como arma reivindicativa e chega mesmo a apropiarse dela, ata o punto de seren quen –nalgúns casos- de se sentiren cunha especie de dereito de pernada para expedir licencias de galeguidade por tal causa.

Non veño a dicir eu -nin moito menos- que o novo presidente da Real Academia milite nesta ala. Pero si creo, sinceramente, que logo da confesión realizada e da súa proposición de "conseguir espazos afectivos" para gañar falantes, vai precisar dunha grande dose de humildade coa que tecer primeiro a profunda fenda que ten aberta dentro da "Casa", denantes de se lanzar á cruzada de conseguir que os falantes militen na fala e os neofalantes non nos dean leccións de galeguidade ós que, por nós mesmos ou por antecedentes, levamos séculos falándoa.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES