Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O que non entregarán

jueves, 30 de marzo de 2017
O xornal do domingo publicou unha información na que non sei se reparou vostede, benquerido lector, e que, ilustrada pola imaxe dun dos seus dirixentes detido pola Policía Xudiciara francesa, ía presidida por un titular que a min, cando menos, fíxome cavilar.

"Lo que ETA tiene que entregar", dicía, a unha liña de catro columnas e en letra cursiva, a cabeceira informativa, referíndose loxicamente ó material armamentístico que seica porán en coñecemento da sociedade, o próximo día 8, os que constitúen o exiguo refugallo do que noutrora fora o grande inimigo da democracia transicional.

E digo que me fixo pensar porque, cando o lin, malia que a frase remataba onde remataba, eu olleina cuns puntos suspensivos diante e cun corolario final: "... no lo puede entregar".

Ou sexa que, ó meu humilde ver, o que ETA ten que entregar non o vai poder entregar, por máis que os dez ou doce encarapuchados anónimos que andan penando as súas almas mortizas polas aldeas do Iparralde se volvan micos, tratando de procuralo nos zulos todos do mundo, mesmo nas fosas abisais do océano Pacífico ou nos cumios do Everest e dos outros 7 picos que forman o teito da Terra na serra do Himalaya, moi preto, por certo, do ceo.

E non o van poder dar porque o que tiñan que entregar para que todo quedase tan só nun pesadelo que durou unha longa noite de medio século, eran as vidas de preto dun milleiro de asasinados, ademais da infinita dor causada en milleiros e milleiros de familias que sufriron "longas ausencias mortais", alén de danos físicos e morais directos. É dicir, seres e afectos que ninguén serán nunca quen de entregar.

Mentres escribo isto, para poder visualizalo a xeito de crónica ficticia, o meu maxín está arestora no camposanto de San Xes de Faramontaos da Merca, fronte por fronte do xacigo de granito gris no que acouga o silencio obrigado dun mozo que como único delito cometeu o de ser libre para decidir formar parte dun partido político. Así de simple e así de tráxico.

E como a vida de Miguel Ángel Blanco e de tantas e tantas víctimas xa non as van poder devolver, o mellor -repito, ó meu ver- sería que a sociedade lle negase o balbordo e tan avesas siglas morresen tamén no mesmo silencio ó que o tempo ten ido condenando ós que lles tocou a macabra ruleta da condenada serpe. E que, en contrapartida, os nomes de tódalas víctimas se fagan presentes coma un monumento á memoria permanente do que nunca debeu ser.

É por iso que eu sigo insistindo en que Ourense ten unha inmensa débeda con Miguel Ángel Blanco. Débeda que debería empezar a ser saldada, agora que se cumpren vinte anos sen el. E non só por unha escola de formación política, senón por toda unha sociedade enteira que, para ser libre, tivo que pagar esa liberdade -entre outras- con moedas coa face del
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES