Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os zoqueiros

miércoles, 29 de marzo de 2017
Pasei a infancia no medio das zocas, pois non en vano meu avó materno era zoqueiro e dos bos, de Rizal, un barrio da parroquia de Lagoa, en Alfoz, de donde saíron grandes zoqueiros que fixeron zocas para toda a comarca do Valadouro.

Meu avó zoqueaba nunha cabana de madeira que había diante da casa. Por alí pasaron todos os entrañables personaxes da infancia, dende o parente da Casa Darriba que sempre daba consellos, ata o parente da Casa Dabaixo que entendía moito dos aveños da labranza, un veciño que falaba da fame do gando, e tamén os que viñan encargar ou recoller "zocas de encarga" feitas á medida e, de paso, filosofaban do divino e do humano. Un veciño, amigo fiel de toda a vida, viña labrar a súa terra e cada dous regos parábase e poñíase a falar con meu avó. Aquelo era unha universidade humilde de labregos e zoqueiros, nunca esquecerei o que aprendín nela.

A fabricación dunha zoca, tal e como eu o recordo, tiña moita dificultade. O punto de partida era un tronco de amieiro que se serraba en cachos que logo se desbastaban cunha machada e unha anxola ata que adquirían a forma externa dunha zoca. Despois, esa zoca primitiva fixábase nun banco do zoqueiro cunhas cuñas, e ahí empezaba o máis difícil, facer o furado da zoca á medida con tres ferramentas: o trade, a gubia e a llerga. Despois, xa fóra do banco, pulíase a zoca por fóra cun coitelo especial que se manexaba coas dúas mans. As veces incluso tinguíase a zoca de negro cun composto de anilina e logo encerábase para darlle brillo.

Ademáis das zocas normais había outros tipos de zocas: as zocas chinelas, que tiñan máis abertura, e unhas zocas máis "ferrudas" que se lles poñía un cacho de neumático para que non lles entrase a terra dentro e que se usaban para botar a sementeira. As zocas eran un extraordinario calzado que, cos calcetíns de lá, protexían do frío e da humidade no inverno, e eran frescas no verán. Con elas a xente do Valadouro recorreu durante moitos anos veigas, corredoiras e camiños.

Os sábados, os zoqueiros levaban as zocas ó mercado de Ferreira do Valadouro e poñíanas á venta nunha esquina da praza que lle chamaban "O Mercado das Zocas". Outras veces, aló se iban cun saco de zocas a vendelas ó mercado de Viveiro.

Ainda que as zocas caeron en desuso, non todo está perdido, porque no Valadouro hai un xoven zoqueiro, Alberto Geada, herdeiro da tradición zoqueira de Lagoa, que fai unhas zocas que, por deseño e elegancia, parecen verdadeiras obras de arte. E no Mercado de Primavera de Ferreira do Valadouro, tamen coñecido pola “Festa das Zocas”, que se celebra o 25 de marzo, hai un concurso-desfile de zocas.

Lonxe quedan os zoqueiros de Rizal e os anos de esplendor da infancia, pero aínda hoxe recordo con nostalxia os entrañables personaxes que pasaban pola cabana e as noites estreladas con meu avó sentados diante da porta, mirando o ceo onde estaban as Tres Marías e o Carro de Santiago; porque, como dixo Rainer María Rilke: "A verdadeira patria do home é a infancia".
Paz Palmeiro, Antonio
Paz Palmeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES