Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nunca agacharon a cabeza

viernes, 24 de marzo de 2017
Nunca agacharon a cabeza Hai tempo cheguei a sentir compaixón polo equipo de fútbol modesto Os Chaos, porque un día lin que levaban non sei cantos partidos (ata creo que incluso temporadas, falo de memoria) sen ganar, sen tan sequera empatar. Pero chegaba o momento en que me dicía que... “vale, pobriños!, pero son adultos e andarán tan só a divertirse”. Ó mellor ata poden ter máis moral có Alcoiano. Non obstante, se esas mesmas circunstancias se traspasan a uns nenos, aí creo que cambia moito o asunto. Os nenos, a maiores de divertirse, gústalles ganar e ganar. Xa sabemos que a inocencia dun neno, ás veces, é efémera, que se pode rillarlle os ósos a outro neno faino sen pestanexar. É dicir, calquera neno goza, chouta, berra, ri e vólvese tolo cando gana algo no que participa, no que compite.

O equipo júnior de baloncesto do ABO tirouse toda a temporada 2015-2016 sen ganar ningún partido. Nin tan sequera tiveron o consolo de empatar algún porque no baloncesto ou matas ou morres. Os júnior, quéirase que non, aínda son nenos. Quero poñerme na pel deles para coñecer o sabor desa frustración, mais non me saen as palabras e o único que consigo é que me embargue unha emoción tan forte que chega un momento en que non sei se é de pena ou de auténtica heroicidade. Si, digo ben ó dicir heroicidade.

Porque, algunhas veces, ser heroe é case fácil; pero ser heroe en todas as derrotas é moi pero que moi difícil. E creo sinceramente que os júnior do ABO foron e son uns auténticos heroes. Porque derrota tras derrota nunca agacharon a cabeza, e asistían ó seguinte partido coa intención de comerse o mundo, aínda que, moitas veces, xa sabían de antemán que acadarían unha derrota máis. Pero eles dálle que dálle: ós partidos e ós adestramentos. Ninguén foi capaz de lle minar a moral.

A todo adulto lle gusta ganar. Imaxinade a un cativo, a un mociño. Por iso ten o seu mérito que non decaeran nunca, que tomaran incluso a competición como unha obrigación seria pero cun fondo nostálxico porque a derrota sempre deixa un mal sabor de boca. Pero eles seguían e seguían. Aínda sabendo que non tiñan nadan que facer, deixaban a alma nas canchas, os cotobelos nas paredes e as patadas nos bancos... porque aquel lanzamento non entrou ou porque aquela xogada non saíu. Algún ata pensou que a camiseta lle aguantaría a súa impotencia, o seu cabreo ante un fallo que lle ocorre a calquera. Pero a camiseta non aguantou. Rachou, verdade Xoel?

Heroes anónimos. Para máis aquel, nun deporte minoritario. Para máis inri, pouco máis que uns nenos. Heroes anónimos dándolles leccións á afección, ós pais porque vían que estes, que nós, máis dunha vez, sufriamos máis ca eles. Houbo partidos que se vía ás leguas que se podían ganar, pero por unhas e outras circunstancias, non se conseguía e a rabia, a impotencia facíase dona e señora da afección. O típico: “para unha vez que se podía ganar”. A desilusión era enorme. Pero aí estaban eles... apuntándose ó seguinte adestramento, comparecendo ó seguinte partido con ganas de... agora si, este ímolo ganar, hoxe machacámolos. Así, un partido detrás doutro.

Heroes por constancia, por perseveranza, porque as ansias de ganar son moito máis fortes que todas as desilusións. Heroes anónimos que espero que a partir de hoxe xa non sexan tan anónimos, porque ata os perdedores teñen os seus méritos (lembrade ó ciclista Raymond Poulidor), ata os perdedores merecen unha recompensa: unha lectura afectuosa e aloumiñeira, e, por favor, unha ollada á foto con agarimo de pais para que deixen de ser anónimos e pasen a ter os nomes de (de pé, de esquerda á dereita): Samuel Ferro (2), Andrés Campos (22), Víctor Vilar (5), Xosé Anxo Sánchez (adestrador), José Ramón Martínez (13), Enrique Osorio (16), Pablo Varela (18) (de xeonllos, de esquerda á dereita): Xoel Rivas (9), Iván Pintor (23), Rubén Rodríguez (14), Martín Conde (1), Joel Martín Domínguez (24) e Pablo Montes (21). Falta na foto Adrián Rodríguez.

Grazas, rapaces. Grazas, fillos, por facernos gozar incluso coas derrotas. A nós chéganos cunha tripla de Pablo Varela e unha “virguería” doutro calquera. E sobre todo... con que non vos manquedes. É o sempiterno desexo de todo pai.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES