Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Casa da Troula do barrio de Rekalde

sábado, 18 de marzo de 2017
A Casa da Troula do barrio de Rekalde En Euskal Herria case todas as Casas de Galiza e Centros Galegos teñen o seu correspondente grupo de gaitas, pero, aínda así, o noso instrumento nacional tira moito e por iso se formaron tamén outros grupos en moitos lugares da emigración euscadiana a marxe deses Centros. Así xurdiu o grupo Agarimos, fundado xa fai moitos anos por Xosé Losada (Pepiño), no barrio galego de Masustegi e alí foi onde aprendeu a tocar a gaita Roberto López Álvarez, quen despois foi o maior impulsor do nacemento da Casa da Troula no barrio bilbaíno de Rekalde.

A Casa, así con maiúscula, foi fundada o nove de setembro de 2009 polo xa nomeado Roberto, cando deixou de tocar na Corxa Airiños Galegos da Casa de Galiza de Santurtzi, e polos gaiteiros Xesús Espiño e Xosé Cancela. Despois foi medrando e uníronse os tamén gaiteiros: Lucesio Martínez, Mónica Vaqueiro e Pablo Vázquez; o acordeonista Amable Cea, as pandereteiras Marisa Panpín e María Camoira, o trikitrilari e aprendiz de gaiteiro Iñaki López; a albocalari e pandereteira María Engracia Mielo, a cunqueira Lidia Rodríguez, Helena Mosteiro e outros mais que están aprendendo a tocar diferentes instrumentos, como Aimar, Xosé Antonio e Sesar. Incluso tiveron un madrileño que aprendeu a tocar en Madrid, pero veu con un grupo, enamorouse dunha rapaza e agora está no Centro Galego de Laudio; porque o noso instrumento nacional namora a quen a escoita e a quen o toca, pero as veces tamén fai de Celestina e xungue corazóns.

Amar o propio e respectar o alleo é unha das regras básicas desta xente que, como din eles, toman a troula moi en serio, de aí que estean moi integrados na música vasca, que conten con músicos que tocan instrumentos vascos como a trikitixa e a alboka, e que se atrevan a interpretar un aurresku, unha marcha fúnebre, ou o Agur Jaunak coa gaita.

Xa dicía Manuel María que o Cantábrico era un mar xunguidor e non un balado ruín e arredador e Roberto asegura que sempre houbo mistura das dúas músicas, pois os mariñeiros teñen algunhas cancións que son comúns en toda a costa cantábrica e aquí tamén se tocou a Gaita de Bota, coñecida tamén pola “Cornamusa das Landas”, á que o investigador e txistulari Juán Mari Beltrán chamaba Xirolarrua, que fai moito tempo que se deixou de utilizar en Euskal Herria e so queda algunha na Rioxa. Os da Troula aman a súa cultura pero respectan a dos demais, porque saben que a grandeza do mundo está na diversidade e non na uniformidade e que, como dicía Gabriel Aresti, “estas manifestacións da cultura que están na mesma base son as que teñen maior importancia”. Este mundo é un concerto de millóns de cousas pequenas, por iso pretenden establecer territorios musicais mais alá das fronteiras e das divisións políticas, fortalecendo as relacións entre as músicas dos dous pobos. A súa idea é tender pontes entre as dúas orelas creando espazos onde poidan convivir as dúas en harmonía.

A alma máter do grupo, e a que propicia ese acercamento entre as dúas culturas debido aos seus coñecementos musicais, é Mónica Vaqueiro Barreiro, unha rapaza nacida en Rekalde, de nai galega e pai de Tras os Montes, que empezou a tocar aos 11 anos noutro grupo de Bilbao, no que primeiro bailaba danzas tradicionais, pero ao ver que todos os seus compañeiros se apuntaban para aprender a tocar a gaita ela tamén se apuntou. Despois chamouna Roberto para que lle axudara a dar clases aos moitos alumnos que tiñan daquela e xa se quedou para sempre con eles. Poucos grupos de Gaitas de Euskal Herria teñen a sorte de ter entre os seus membros xente cos coñecementos musicais desta gaiteira; que dirixe os ensaios, fai os arranxos e adapta para a gaita as pezas de música vasca.

Teñen participado en varias edicións da Foliada de Melide e nunha ocasión quedaron segundos nos cantos de taberna, pero A Casa da Troula non é so un grupo de gaitas e canto, senón que teñen unha escola de música na que ensinan desinteresadamente varios instrumentos, tanto a rapaces como a xente maior, e tamén fai as funcións de asociación cultural, pois organizan actos culturais como o Día das Letras Galegas, os magostos, os entroidos e outros actos populares, participando na Feira anual de Exposicións de Rekalde, coa exposición de instrumentos, etnografía, traxe galego, e fotografías dos actos levados a cabo durante o ano, sacadas pola fotógrafa do grupo, Helena Mosteiro. O Día da Patria celébrano en Rekalde uns días antes porque o 25 teñen que ir a Ondarroa, xa que a Casa de Galiza dese pobo pesqueiro non dispón de grupo.

Ao non pertencer a Centros ou Casas de Galiza teñen mais liberdade para actuar en todo tipo de eventos, incluso para organizacións políticas que non están “ben vistas” polo réxime e que, por mor das subvencións e “para non meterse en política”, lles están prohibidas nos estatutos aos grupos que si pertencen aos Centros. Os da Casa da Troula son eles os que toman as decisións e por iso non tiveron inconveniente en actuar para Gure Esku Dago no estadio de San Mamés, o 8 de xuño de 2014, como colofón á cadea humana polo dereito a decidir que uniu Durango con Iruña, acto no que tamén interviu Kepa Junkera, e onde fixeron unha interpretación especial da canción Txoria txori do gran amigo de Manuel María, o cantante Mikel Laboa; e no ekitaldi, ou concentración, do 12 de outono do ano pasado, organizado en Sestao pola rede Independentistak.

A maior parte dos grupos que pertencen aos Centros contan con un local gratuíto onde poder ensaiar, sen embargo eles téñeno que pagar do seu peto, ou facer como Os Recunchos das Pontes -dos que xa falei aquí noutra ocasión-, que tocan para o Centro Galego de Barakaldo, pero ao non ser o grupo oficial, e como no Centro hai outras actividades, non poden ensaiar todos os días e teñen que facelo debaixo dunha ponte da autovía, no Conservatorio de portas abertas, como lle chaman eles. Os da Troula empezaron a ensaiar no garaxe de Xesús Espiño, pero ao pouco tempo tiveron que cambiarse, por mor do ruído, ao colexio Gabriel Aresti de Rekalde, que foi cando chegaron a ser, cos aprendices, uns trinta membros; despois estiveron noutro local, porque o colexio so podían utilizalo un día á semana e gora teñen alugado un antigo taller de carpintería que teñen perfectamente adaptado as súas necesidades e no que poden ensaiar todos os días.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES