Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A 'Unfitness' socio-política

viernes, 17 de marzo de 2017
Descúlpenme. Se, como din os medios, hoxe tan afeccionados a enchernos o español de estrañas palabras inglesas, Pedro Sánchez recadou uns euros para acadar a Secretaría do PSOE, coa achega económica dunha “crwodfounding”(predispoñendo con paixón arrebatadora os corazóns dunha multitude), e non se descarta que tamén dea satisfacción, no seu día, aos incontrolados desexos de exhibirse como un “crowning” (un consumado político) polos corredores da Moncloa, creo que non é moito pedirlles a vostedes que me permitan falarlles aquí da “unfitness” socio–política, que soa mellor que “incompetencia” nestes tempos abondo eufemísticos que nos tocou vivir, de menosprezo do propio e gabanza do alleo.

Repítoo. A “unfitness” non é tanto carencia de coñecementos, como incapacidade para facer unha aplicación contextualizada dos mesmos: Os políticos que articularon os principios e os elementos básicos da Constitución Española (1.978), con distinta formación, foron capaces de saber adecualos (“to fit”) ás esixencias contextuais, e deste modo dotáronnos dun instrumento que nos permitiu vivir en paz e en liberdade un non desprezable período de tempo.

Esperemos que saibamos aproveitala, que xa é ter esperanza!.
Porque agora España, na miña modesta percepción, está presentando unha preocupante sintomatoloxía de desacougo, catalizada pola corrupción (aproveitada como estratexia de derribo, cando non se cae nela), non pouco silenciada pola sordina dalgúns poderes e instrumentos políticos do Estado, para furtar aos cidadáns complexas razóns de conveniencia política e mantemento no poder, como medios para espoliar os recursos de todos nosoutros.

Basta pensar que os gobernos nacionais se resignaron a consentir determinadas ilegalidades en aquelas autonomías nas que contaban con apoios dos partidos nacionalistas. Así chegamos a esta situación de hoxe, con moitas máis persoas responsables de culpabilidade que as que comparecen nos estrados dos xulgados como investigadas. Isto fai que reine unha lóxica desconfianza e inseguridade, corrosivas da necesaria conciencia colectiva: As discrepancias están presentes en todas partes, cun vigor que poucas veces xurde da reflexión, senón do automatismo estratéxico da xustificación das posturas ideolóxicas das diferentes formacións políticas, contra as actitudes, non sempre oportunas e intelixentes, dos que manexan o poder como se fora patrimonio propio.

Xa tampouco calan fondo na sociedade as prédicas éticas, porque moitas persoas que debían servir de modelos están sendo investigadas de vergonzosos delitos económicos, e outras que están chamadas a manter a cohesión social, utilizan métodos, con paradoxo, de disgregación e enfrontamento, ignorando que os lexítimos matices ideolóxicos son adxectivos, non substantivos; e, por conseguinte, deberían empregarse só como conformadores da substantivación e adecuación da dinámica política da sociedade, se non se quere que se convertan en bandeiras da exclusividade antidemocrática e dunha malfadada inestabilidade, debido a esa “unfitness” xeneralizada, no presente, nestes ámbitos da xestión socio-política, non soamente no noso país, senón tamén noutros, como indicativa da profunda crise a todos os niveis de coordinación social e de claridade de obxectivos pertinentes e alcanzables.

E menos mal que na mesma UE empezan a comprender que existen espazos interesantes necesitados de iluminación, e, por agora, acenderon catro focos con escuridades nos seus respectivos países, despois de dar uns paus de cego con ben pouco acerto na percepción dos prognósticos e de facer o ridículo no ámbito internacional. Incluso redactaron en Lisboa esa simulación de constitución que todos os países membros miran de esguello!.

Tamén está polo medio esa “unfitness” cando se pretende substantivar políticas de dereitas ou de esquerdas, unha desafortunada pretensión, cunha metodoloxía extemporánea en perspectiva de fracaso: Creo que só proceden políticas que permitan conformar métodos de xestión eficaz cunha maior matización da esquerda ou da dereita, xa que non se pode negar que a esquerda introduce, cando está no poder, modos da dereita, e esta da esquerda, incluso por ineludibles imperativos científicos.

Acaso os mal chamados réximes da esquerda carecen dun certo capitalismo, e os da dereita de servizos sociais?. Que existen importantes diferenzas de matización ou adxectivación?!. Sen dúbida. Pero, se teñen que responder ás necesidades dos cidadáns (aquí está o substantivo), sempre hai que contextualizar e balancear as razóns duns e doutros, cando estas non encerran perigosas actitudes narcisistas, evidenciadas na linguaxe xestual e mímica, como o caso Trump en EE.UU., e outros nas nosas leiras, polas que andan dando o camelo e, segundo parece, recadando para iso.

Os efectos desta “unfitness”, traducidos a matizadas algarabías irreflexivas ou a un teimoso narcisismo, déixanse sentir na convivencia cidadán. O vídeo de ETB-1 da Televisión Vasca, as entroidadas de Canarias, as arrogancias nos vulgares rabaños procesionais dos independentistas cataláns ás portas dos tribunais de xustiza españois, o descarado incumprimento de pactos e normas emanadas dunha esixencia nacional, os recursos arteiramente empregados para producir unha deliberada crispación social, as urnas ocultas, burlando a mesma militancia, etc., que teñen mal encaixe no século XXI, lévannos a preguntarnos se esta crise que nos asesta e a perda do sentido dunha vida decente na convivencia cos semellantes, non nos estarán enunciando a inmersión nunha fase dun proceso de rumbo descoñecido da Humanidade, no que loita un refugallo de cidadáns por sobrevivir cuns estúpidos e anacrónicos modos de comportarse, quebrando tendencias polo mero feito do arraigo delas na sociedade.

E perdoen a pedantería que leva consigo a sementeira de termos ingleses, empachosos, algo que deberíamos rexeitar, estimulando o emprego dos recursos das nosas linguas, porque estamos pasándonos, e caendo na desvalorización do propio, un hábito que nos resistimos a modificar: Gustaríame que isto fose, tamén, unha mensaxe oblicua do artigo!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES