Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que ben é saber ser cada un do seu tempo

jueves, 16 de marzo de 2017
A vida é evolutiva. Cada época ten un xeito propio de ser nesa etapa. Vou entrar nesa decena na que maioritariamente toca xa recoller deste mundo.(Chega con levar conta da media das idades nas esquelas dos xornais).

Qohélet, o sabio doEclesiastés 3, 1-2, di: “Todo ten o seu momento. E cada cousa baixo o ceo ten o seu tempo. Un tempo para nacer e un tempo para morrer. Tempo de plantar e tempo de arrancar o plantado”. Andar fóra de tempo é un drama e mesmo un fracaso. Por veces un gran ridículo.

Adimiro ao Padre Baltasar Gracián, “El arte de la prudencia. Cómo andar por el camino del éxito”. Vou citar con número algún dos seus pensamentos e aforismos. Hai aí unha grande sabedoría. Irá de por medio algún comentario de meu. Xa desexaría para min saber ser a cotío ben do meu tempo.

“Non agardes a ser un sol que se pon. É un proceder de máxima prudencia saber deixar as cousas antes de que elas nos deixen a nós. Incluso na mesma morte hai que saber acertar. Débense evitar os ocasos para non rebentar cos desaires.

O prudente xubila o seu cabalo de carreiras a tempo, aínda cando está no trunfo. E non o humilla obrigándoo a caer xa derreado na mesma proba”. “Hai que saber romper o espello a tempo cando aínda proxecta unha imaxe de ti con vida e beldade e non reflectindo xa os despoxos por querer esgotar o ciclo vital”.
(Núm. 110).

Por veces póñenche na paella un limón xa estrullado. Dá mágoa. Aínda teño máis pena cando vexo persoas enfermas, esgotadas, vendidas ou maltratadas que se lles obriga, xa totalmente espremidos, a deixar a pele aínda ata o final.
Xubilacións aos setenta anos.

Ver anciáns, que xa mal poden consigo, ridiculizados con xuízos inmisericordes e obrigados a servir ata o final cando o seu siso xa non coordina porque xa foi zugado, non é humano.Canta dor había naquel rostro que así falaba!:

- “Xa non rexes, sabes? Non sei cando te decatarás de que estás de máis aquí e fas mal efecto para a empresa!”

- “Abusas de min agora que son vello e xa non me vale a cabeza nin as forzas. Cando che saquei a vida adiante ou fun un punto importante na institución, mentres a miña pensión che tivo conta, daquela non te atrevías a erguerme a voz”.

Iso estámolo a facer cos pensionistas. Faino o sistema e fano os políticos. E
facémolo toda a sociedade. Os migrantes,

Tamén no mundo relixioso. Cregos e relixiosas conducindo vehículos xa sen apenas veren. Ou anciás coidando dos nosos templos en tempos de grande crise, etc. E logo canta burla e desprezo por parte de todos nós cando imos de visita e tamén desde os que mandan!

Fun testemuña dunha sucesión por xubilación dun cargo público. Era unha honorabilísima persoa. A actuación do señor que chegou a coller o relevo foi todo menos sensata. Aquel “arrasador” non era ben do seu tempo. Agora, por sorte, xa non está nese cargo e o seu labor foi ben efémero, por ser suave con el.

“Salir con bo pé”. “Atención aos finais: Hai que pór máis coidado nun final feliz do que nunha aplaudida entrada. É habitual que os afortunados teñan comezos moi favorábeis e finais ben tráxicos”.(Núm. 59).

“Saber retirarse cando aínda se está gañando”. (Núm. 38).“As calidades persoais deben superar ás obrigas do cargo e non ao revés. Demostrar que a persoa é superior. O emperador Augusto tiña en máis estima ser un gran home do que ser príncipe”.(Núm. 292).

“Saber retirarse”. “Para ser prudente non chega con non ser entremetido. Hai que procurar que non te entremetan”.(Núm. 33).Sempre é máis cómodo seguir arrastrando solucións cara atrás. Tapar furados. Hiperresponsabilizar a un ancián ou anciá. O que lle toque sufrir non nos quitará o sono. Incluso nos permitiremos botarlle á cara os fallos. Seguir ata os setenta anos para aforrar!

A persoa ten dereito a retirarse con dignidade despois de ter servido con honradez longos anos da vida. Daquela hai que saber ser asertivo. Cómpre saber dicir: “Agora xa non! Non sigo!”.Iso é facerlle un favor a todos. Que doado é culpabilizar de egoísmo cando do que se trata case sempre é de saír do paso cunha solución cómoda, para arranxar con parches problemas que son estruturais.

Adiar a procura de solucións verdadeiras e valentes é prolongar e multiplicar os problemas. Iso argúe falta de capacidade e seriedade nos gobernantes. Ou que hai intereses menos claros. Vale dicir, corrupción de persoas e de grupos ou entidades. Mesmo estados.

Por que o Papa Francisco ten tanta oposición ou incluso detractores? Para grandes épocas cómpren grandes dirixentes. El está tentando selo. Os das poltronas, non.

Toda persoa ten dereito a decidir sobre calquera práctica ou determinacións que teña relación coa súa vida. En bioética fálase moito do principio da autonomía: a capacidade da persoa para autogobernarse, de elixir libremente. O principio de autonomía obriga ao profesional e aos demais a respectar os valores e opcións persoais de cada individuo naquelas decisións básicas que lle atinxen.

Pero as resolucións hai que tomalas a tempo e “con sentidiño”. Cando aínda podemos gobernar e gobernármonos. Cando temos forza propia e capacidades físicas, emocionais, mentais, relacionais e de boa lucidez espiritual.O medo é moi mal compañeiro.

O último sínodo diocesano de Mondoñedo, (1961), números 39 e 272, manda que todos os sacerdotes fagan testamento e que, chegado o momento, se poida dar con el facilmente. Esta medida de sabia prudencia vale para todos. Que importante é saber dispor a tempo do destino dun mesmo e das cousas propias cando aínda se rexe. Cando teño voz propia. Logo virán intereses, tirapuxas, discusións, porfías, retesías, rivalidades, tensións, liortas e xenreiras. E, por veces, daranse sen pudor na propia presenza.Pero daquela devórante. Xa non tes forza. Xa non es ti.

“Que o home traballe con sabedoría, con ciencia e rectitude, e ver que todo o teu esforzo vai ir ás mansde quen nunca cho mereceu nin che axudou no traballo, tamén isto é vaidade, grande mal e caza de vento”. (Ecl2,21).

“Non estar nunca só e menos nos asuntos arriscados”. “Nin pretender dos amigos máis do que eles che poden dar”.(Núm. 258).

Un certo grao de distancia e soidade tamén poden ser construtivas. “Aprender a utilizar a ausencia para gañar en respecto e estima”. “As calidades deslustran coa familiaridade”.

E mentres for posíbel, importa valerse en por si. “A liberdade é máis preciosa do que as dádivas. Xa que se perde con elas”.(Núm. 286).Non deixarse enganar. Non é o mesmo amizade, cariño, gratitude que palabras ocas. “O engano entra habitualmente polos ouvidos, polas garatuxas (lisonxas). Pero sae polos ollos”.(Núm. 282). Serán bágoas de impotencia, rabia e frustración. Non o esperaba de ti, de vós!

Algúns ven en Qohélet, o sabio, un pesimista existencial. Non será máis ben unha análise sa e realista para unha cura holística da persoa?

Neste senso Garaudy dicía: Nacemos moi dependentes. O neno sofre moito porque axiña se prende de todo canto ve. Non sabe ser aínda libre. Ao irmos medrando imos deixando o accidental para centrármonos cada vez máis no esencial. De tal xeito que ao avanzarmos en idade podemos ir adquirindo xuventude. Podemos ser máis libres e desprendidos.

Fronte a todo isto a senda que a psicoloxía humanista nos indica será sempre a do optimismo vital nun proceso educativo-liberador. Esa tamén é utopía evanxélica de Xesús de Nazaré. No centro o reino de Deus e a súa xustiza. O resto flúe por coherencia. Cómpren profetas e minorías abrahámicas.

Que ben cando cada un sabemos ser do propio tempo.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES