Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verbo da inocencia das linguas

jueves, 16 de marzo de 2017
Publicouse hai un par de semanas un artigo de opinión nun xornal galego que leva como título De lenguas y culturas. Está redactado en partes case iguais primeiro en castelán e seguidamente en galego, aínda que o título se reservou –como se ve- para si a primacía ou dignidade castelá. De modo que poderiamos pensar que se pretendería respectar así a presunta pureza da práctica “bilingüista”, atendendo porén en calquera caso a que quen ocupa o primeiro posto en afagos os siga a conservar. De feito cara ó final do artigo chega a dicirse, polo que entendo en relación co castelán, que “o que importa na convivencia diaria das linguas, unha de tamaño mundial, e que foi a primeira (e única) na nosa nación, manteña e dilate os seus rexistros”...

Pois ben, o autor do escrito formula nel unha serie de consideracións sobre esta para él conveniente “convivencia” das linguas (“unha convivencia normalizada de ambas as dúas linguas” é a súa proposta), que me permito comentar seguidamente. As reflexións sobre tal pretendida “convivencia” realízanse no contexto dunha antoloxía poética (publicada hai xa algúns anos pola Academia da lingua vasca) de poetas vascos, que na mencionada antoloxía se expresan tanto en éuscaro como en castelán, a pesar –tal como alí se indica- do “esfuerzo prioritario por afirmar y dilatar el euskara en Euskal Herría”. Faise despois un intento de aplicar tal modo de proceder á situación lingüística no país galego, sostendo sorprendentemente neste contexto que Galicia é “un país que posúe unha cultura que se expresa en dúas linguas” ou –o que vén ser o mesmo- que o español é “unha das dúas linguas da cultura galega”.

Quero supoñer, pola miña parte, que aquí se está a falar de “cultura” no seu estrito senso antropolóxico en canto modo de se comportar tanto social como lingüisticamente un determinado grupo humano. E se esta suposición é correcta, entón non me resulta posíbel aceptar que poida existir unha “cultura” que estea caracterizada pola normal utilización de dúas (ou quizais incluso máis) linguas. Pois é evidente que cada “cultura” ten xa de por si sempre a súa lingua, aquela que lle é “propia”, aquela que recibiu dos seus devanceiros ou antecesores e que lles é a todos común, aquela coa que os participantes da mesma expresan e comparten desde remotos tempos os seus sentimentos e emocións, aquela que, chegado o caso, son capaces de defender contra as intromisións destrutoras e contaminantes doutras culturas e linguas (por moi dignas que en principio sexan estas en si mesmas).

Porque as culturas, en canto creación característica e fundamental humana, son sempre “sabias”, cumprindo tamén pola súa parte consigo mesmas aquilo que sostiña o Ockham medieval nos seus debates filosóficos de “non multiplicar os entes sen necesidade”. É dicir, tamén ós galegos nos é felizmente abondo coa nosa propia lingua, o galego. E non queremos ser tan masoquistas connosco como para nos dedicar a apropiármonos doutra lingua máis aínda, que non precisamos para ser o que somos e queremos ser, outra lingua que non é de noso e que nos vén en último termo inoculada polos insistentes e reiterados intereses dunha cultura foránea, que o que pretende é a autoafirmación de si mesma a costa do esmorecemento ou debilitamento das que non son ela mesma.

Pois o que non parece ser discutíbel é o feito de que se en Galicia hai xentes -dignísimas, respectábeis e loábeis en principio naturalmente todas elas- que se expresan noutra lingua, iso ten sempre procedencia foránea, máis próxima ou máis remota. Foron, pois, presións e violencias foráneas as que pretenderon desde hai séculos e pretenden aínda implantar nos tempos actuais entre nós elementos específicos doutra cultura, facendo así xurdir o que ben á vista está, diglosias e atrancos sen número no desenvolvemento e transmisión normais da propia lingua e cultura (tal como xa comentei na precedente achega, co título de Sermos unilingües, neste mesmo medio dixital “Terra e Tempo”).

Neste sentido semellaría soar case a mera “inocentada”, se non se tratase dunha temática tan grave, iso que se di no mencionado artigo de que “as linguas son iñocentes e o seu emprego por cada individuo é inocente”. Tal afirmación só podería ser válida se fixese referencia, de maneira abstracta e xeral, ás linguas en si mesmas ou en canto tales, prescindindo dos concretos portadores ou usuarios das mesmas. Pois é, efectivamente, por medio destes e nestes como unha lingua concreta pode chegar a converterse, de xeito en definitiva ben pouco “inocente”, en eficaz instrumento de destrución en relación cos lexítimos dereitos culturais e lingüísticos dun país asoballado. Non resulta así, pois, complicado entender como unha lingua, cando se fai compañeira da violencia dos seus portadores, perde automaticamente a súa pura e anxelical inocencia.

En calquera caso, coido que é tese nada doada de probar a que se enuncia no escrito inmediatamente despois de se afirmar a comentada “inocencia” das linguas. É a seguinte e, ademais, non pouco rotunda: “A existencia de dúas linguas en Galicia é un resultado irreversíbel da historia”. Quero referirme agora a esta afirmada irreversibilidade. Este tipo de afirmacións, de maneira especial cando se refiren ó futuro, ós vindeiros acontecementos que nos deparará a historia, non pretenden no fondo naturalmente senón subtraerlles ós defensores da lingua propia de Galicia os azos e esperanzas que precisan en tan difícil angueira. Pois a historia, a non ser que nos convertamos en fieis partidarios das coñecidas teses de Fukuyama, non rematou aínda, senón que continúa a operar no mundo ós ombreiros dos homes e mulleres, pasados, presentes e vindeiros que a portan. Pois non hai máis historia cá que eles, nós incluídos, imos creando cos nosos traballos e as nosas ilusións. Cunha estrela na fronte e no bico un cantar... As inmutábeis leis da historia non existen, felizmente, máis que nas cabezas dos teorizantes. A historia créana libremente, mutabelmente, de maneira indefinida as persoas e os pobos.

Esa é a nosa grandiosa e irrenunciábel tarefa e tamén o noso, sempre axexante, perigo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES