Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se eu che contase (9)

martes, 14 de marzo de 2017
Eugénie Grandet,
de Honoré de Balzac

A María
Sendo o seu retrato o mellor adorno desta obra, desexo que o seu nome sexa aquí como a rama de buxo que, tornada en árbore ignorado, pero santificada e bendita pola relixión e renovada sen cesar por mans piadosas, serve para protexer a casa.
De Balzac

-.-

Se eu che contase (9)A miña, ¡a nosa!, foi, ¡non, que aínda é!, máis grande, máis grande e máis xenerosa, cá Eugénie Grandet, de Honoré de Balzac. Con iso e con todo algo teñen de común: Eugénie tivo a súa mansión en Saumur, “ao cabo da rúa empinada que leva ao castelo”; a miña, ¡a nosa!, na rúa que baixa do castelo, do castelo de Castroverde.

O seu nome tamén é parecido, pero tan galego que nin que a bautizase a propia Rosalía de Castro. ¡Síntoo, pero non podo dicilo, porque aínda vive, e se non acerto na súa descrición igual me toman por testemuña contraditoria, no seu día, pois os santos xa o son en vida pero non os recoñece a Igrexa por tales ata despois do seu transo! O Papa, previsor e prudente que é, que adoitan ser, sempre espera a que se lle adiante Deus, a que Deus outorgue o don de facer milagres a distancia, desde o Ceo, tanto se se trata de homes como de mulleres. Neste caso concreto non facía falta tanta prudencia pois a miña, ¡a nosa!, veciña, xa os fixo en vida; iso, os milagres.

¿Cómo se pode falar dunha persoa sen nomeala? Non; nin se pode, nin se debe, pois só se deben encubrir os nomes dos malfeitores, para non desacreditalos máis do que xa estean. Iso cos maléficos, pero cos seus opostos, cos santos, coas santas? ¡Deus, cómo farei neste caso? Estáseme vindo á memoria o nome doutra muller singular, tamén coñecida, encantadora, que tamén foi santa en vida; daquela, co seu permiso, vou chamar de igual xeito á miña, ¡á nosa!, veciña: Palmira da Mahía do Carvalho. ¿Verdade que soa ben? Pois, se a oísedes falar, no seu portugués melodioso: ¡claro, as dúas eran, son, dous anxos! A de agora, a nosa, non é filla da outra, que ben coñecín ás súas nais respectivas, pero no de parecidas…? ¡Parecidas, non; idénticas!

Á “Palmira” de Castroverde coñecina de rapariga: ¡Deus, qué cariña tan perfecta…; e que logo digan que os anxos non teñen sexo, pero esta, si, si que o tiña, que sempre a vin con faldras! ¿Ou, logo, ía esconder nun pantalón homuno as súas canelas de deusa! ¡Mellores non as luciu Ceres, nin sequera cando presidía aqueles trigais do noso Flammoso!

Agora, de presente, cada vez que escoito unha locutora, sexa na tele ou pola radio, lévome unha desilusión, porque…, por que aínda sigo coa ilusión, coa esperanza, de que algunha, algunha vez, nalgún sitio, modulen e maticen ao estilo…, ¡ao estilo único da nosa Palmira! A primeira vez que a oín, eu estaba de costas, ollando uns calzóns de pana na tenda de seu tío. A tal momento aquela voceciña, que soou detrás de min, ¿ou viña de arriba, do Ceo?, dixo tan só: “Tío, dille á miña nai que estou na igrexa, que temos coro…”.

Volvinme presto, coma un raio, e tan raio foi que quedei electrizado: Aquela rapaciña era…, celestial, unha aparición celestial! ¿Un trono, unha dominación, un querubín? ¡Por algo se ía para a igrexa de Castroverde, e de seguro que para cantarlle á Virxe do Castelo! Se lle chamaba “tío” ao tendeiro, sobriña tiña que ser, que naqueles tempos outra clase de “tíos” non había, pero…; non, incrible, que seguramente oín mal, pois un tío tan feo, cunha voz ronca, non podía ter unha sobriña anxelical! ¿E os seus ollos? Talmente coma os da Virxe de Montecubeiro, da que dixo o noso poeta Lois do Cando: “Teñen na igrexa unha Virxe, ¡que Virxe! Ten uns ollos, que ollos! Tan grandes que mesmo parlan… ¡Parlan, parlan, que non hai que darlle voltas, que por iso, cando a sacan nas procesións, as novas e as vellas choran!” Tamén case o fixen eu diante daquela rapaciña, e iso que todo comezou ollándome, ela, polas costas, pero eran tan cálidas e tan penetrantes as súas miradas que, aínda que aquel día estaba invernío, o sol do seu ollar derretía os corazóns, e xa non digamos o xeo.

Foise mesmo voando en dirección á igrexa, que a tiña do outro lado da mesma rúa; eu nunca vira un anxo voar, así que desde aquel día tiven a arela de entrar no Ceo tamén voando, coma os anxos! ¿Entrar naquel Ceo…? ¡Ai, si, ho, unha ilusión desproporcionada, pura impotencia, pois logo souben, anos despois, que ben a solicitaron mestres e médicos, incluso un notario, toda a elite de Castroverde, pero a miña, ¡a nosa!, Palmira, ¡virxe! Ademais de anxo, virxe; ¡claro, imitaba aos anxos, posto e suposto que tamén o era!

Volvina a ver moitísimo despois, ao regreso da miña emigración madrileño-sahariana-ástur; precisamente na Coruña, un día que fun para entrevistarme co capelán de certo colexio especializado en nenos diminuídos, excelsa fundación, tan excelsa que a rexía un colectivo de Santos, pois santos teñen que ser aqueles que teñan paciencia para semellante apostolado. O crego díxome, nada máis verme entrar:

-¡Vaia, ho, este día vouno sinalar cunha pedra branca: Albo lapillo notare diem! Mellor aínda, cunha pedra verde, pois teño aquí, á vez, dous preclaros de Castroverde!

Eu respondinlle, con toda humildade:

-¡Nin pre, nin claro, que aínda non me saíron as canas, pero, co tempo…, pois de raza de canosos veño!

El, o capelán, en vez de contestarme, petou cos cotobelos nunha porta rotulada: Dirección.

-Santa …, ¿Palmira?, podemos pasar, que lle vou presentar un paisano seu…, por se non o coñece!

-Si que o coñezo, de vista; ¡e tan de vista, pois cada vez que me poñía os ollos enriba, eu tiña que irme, apartarme, pois el quedábase inmóbil, pétreo, momificado!

-Santa … ¿Palmira?, que así te chamou aquí don Marcelino, ¿quen non se cega contemplando un anxo? ¡O que non é de pedra, petrifícase!

O resto foron cumpridos, morriña. Á saída, xa a soas o capelán e mais eu, díxome, por conclusión:

-Se ela viaxa antes cá ti, non deixes de propoñer a súa canonización, pois esta merécea tanto ou máis co San Pedro Poveda Castroverde, ese santo de Jaén, coas raiceiras no teu país, do que me tes falado.

A miña resposta:

-Non creo que un diabro, un pecador coma min, sexa o promotor axeitado; deixareino posto por escrito, iso si, a ver se o Cura da Vila de Castroverde…

Nesas estamos, e aquí deixo constancia das súas virtudes; dalgunha delas, pois con iso de pecha-los ollos na súa presencia, ¡cantas me pasarían desapercibidas!
-.-

O Mistério da Estrada de Sintra,
de Eça de Queirós

Se eu che contase (9)Eça de Queirós (ou Queiroz), e com ele Ramalho Ortigâo, tiveron que discorrer, tiveron que imaxinar para descubri-las causas do crime, no que foi o primeiro romance portugués, segundo os críticos literarios; eu non, que o tiven claro, desde o momento primeiro, e iso que era un neno, e que apenas coñecía aos supostos intervenientes, pero hai veces en que os indicios falan, e falan en alto, para todos, menos se acaso para os especialistas, para os investigadores profesionais, que iso foi o que pasou no


Misterio da corredoira de Santadrao
(Hoxe pista alcatreada)

Eu fora a Cepomundín para levarlle un traxe ao xastre, ao Constante… ¿Levarlle un traxe a un xastre? Daquela, na postguerra, aquí non rexían aqueles luxos que tan ben describiu o Eça, tal que casacas con recamados en ouro..., nada menos! Pero o meu traxe, ¡o meu uniforme!, pouco menos, pois tiña nos puños senllos galóns prateados, e para máis datos cunhas iniciais de solapa que proclamaban, nada máis e nada menos que dous “B. E.”. ¡Aí é nada, Conserxe do Banco de España!

Ese tal era meu primo, primo irmán de meu pai, e a maiores, primo carnal de dobre vínculo: seu pai, irmán de miña avoa; e súa nai, irmá de meu avó. ¡Así non tiveron que intercambiarse dotes, nin adir herdanzas! Dábanlle demasiados uniformes, en azul mariño, de puro cachemir, cashmere, así que, previsor das nosas limitacións, mandounos tres, que os tiña acumulados, sen estrear. De quitadas insignias e galóns, meu pai e meu avó non tiveron problemas de talla; eu si, pois a miña adolescencia aínda me tiña nas limitacións das medras correspondentes.

Miña nai, que sempre foi ocorrente, ademais dunha traballadora incansable, tanto de vontade como polas circunstancias, colleu un pano seu, dos de cabeza, e cun par de nós recolleu o terceiro dos traxes.

-Como sabes o camiño, vaite en procura do Constante, e dille que vexa a forma de descoselo, para quitar un traxe das túas medidas!

De Bergland a Cepomundín todo é subida, tanta como para facer un adestramento de escalada, ademais dos perigos daquel can de Cas Pombal, pero o rapaz, aquel mocete, era un tanto presumido, así que tirou azos daquela ventura, daquel obsequio, ¡daquel luxo!, de poder estrear un traxe, ¡un traxe, un uniforme, nada máis e nada menos que da propia Central do Banco de España!

-Díxome miña nai…

-E ten razón, pois telas desta categoría…, só en Madrid, e para iso, no Banco de España! Pero hai un pero, un pero soluble, que quedará mellor, unha vez descosido, se lle dou a volta ao tecido, pois esta cachemira é tan boa do dereito coma do revés, aínda que o debuxo e maila tintura da tela teñan outros matices. Deste xeito, o teu, o teu traxe, resultará distinto dos outros, e incluso máis…, máis xuvenil!

-O que vostede diga, que por algo se di que, sendo de Cepomundín, vostedes son o cepo, o eixe do mundo, a flor e maila nata da intelixencia humana! –Isto oírallo dicir a meu padriño, e como tiña tanta fe nel, non me resultaba fácil discernir cando falaba en serio de cando o facía en broma, tan fina que era a súa ironía.

Tomoume as medidas, ben tomadas e ben apuntadas nunha pizarriña de lousa, pero faltaban outras, outras medidas, pois, ao baixar do sobrado para saír á currada…, dous Gardas! Debían levar moito tempo falando co irmán do xastre, co Matías, pois a tal momento despedíanse del, cando que a Garda Civil, naqueles anos, non se despedía así coma así, que logo se parecían ao Cura vello de Luaces cando se lle achegaba ao confesionario un “roxo arrepentido”, que así dera aquel bo señor en tillar polo menos á metade dos seus fregueses. Ao verme saír, ao meu “Ustedes sigan bien”, díxolles Matías:

-Este rapaz é de Bergland, aló abaixo, e como vostedes me preguntaron polo Camiño de Veiga, poden ir xuntos ata o Pombal que desde alí xa ven as casas da Veiga…

O Constante tomárame as medidas, e seu irmán Matías ascendeume, con catro verbas, a
Guía, ¿turístico?, da parroquia. Matías tiña sona de pícaro, de pícaro e de ocorrente, así que non me estrañaría que eu, na miña aparición, lle resultase oportuno para que parasen de interrogalo, que iso é, ¡é, e era!, o joby daquelas parellas; ¡unha parella bigotuda, ambos, aqueles aparecidos de Cepomundín!

Dixen “de turismo”, pero, diso, nada, pois aqueles fusileiros máis que á paisaxe, en todo o camiño, eu no medio, ¡que ata me acordei do Calvario!, o que non se cansaban era de ollar para a miña cara, aínda imberbe, que seica son as máis expresivas.

-¿E logo, neno, ese lugar de Veiga queda cerca do teu…; cómo dixeches que se chama o teu?

-Meu avó tenme dito que, por folganza, a xente quitoulle dúas letras, un “g”, e tamén un “d”, pois o nome completo, o antigo, era, e debemos recuperalo, Bergland.

-¡Vaia con teu avó, -dixo o Cabo-, pois un home que tanto sabe, e que tanto ensina, merece ser o Pedáneo desta parroquia!

Ao sentirme afagado, aínda que sen propoñermo, contribuín aos afagos:

-Non é Pedáneo, pero pouco lle falta, pois en Bergland é Celador; iso ademais de Albeite!

-¡Vaia, vaia, Celador! ¿Eses son os que compoñen na veciñanza…, cando hai desavinzas, que soe habelas, non si?

-Máis cá iso, pois cando veñen os mendigos, é el o que se ocupa de levalos á casa onde lles toque dar pousada, pero máis foi cando viñeron por aquí eses soldados que fan os mapas, os…, cartógrafos! ¡Iso, os cartógrafos da Brigada Obrera y Topográfica, de Madrid, que por certo teñen un xefe que é parente de miña avoa, o coronel Lombardero, que así lle chaman! Daquela meu avó e padriño foilles dicindo, casa por casa, que era obriga dos cidadáns darlles aos soldados “casa cuberta, auga, sal, e asento cabe do lume”. ¡Como está mandado!

-Con esas circunstancias, rapaz, se houbese un crime na parroquia, ¡Deus queira que non!, non faríamos falta nós, a Garda Civil, pois o Celador está obrigado a investigalo e a dar parte diso á autoridade competente. ¿Sabíalo?

Naquel intre, aqueles Gardas, por pasarse de listos para min quitáronse a careta, pois entre o que dicían, o ton en que falaban, e as olladas que me botaban, eu, aínda que na miña inocencia, albisquei unha certeza, máis que un presentimento, de que…, de que querían saber, a través da miña inxenuidade, algo que tiña que ver coa viaxe deles: ¡Descubrir o fautor, ou fautores, do crime de Santadrao!

Meu padriño dixérame que foran dous, e para iso, enmascarados, proba evidente de que os coñecían na casa da vítima, que por iso se disfrazaron, pero cometeron un erro, o de non matalos a todos, segundo entraron na cociña do Santadrao, pois para unha bala por persoa, cos dous cargadores sobrábanlles, pero o móbil, o estorbo, era aquela rapaza, aquela moza tan churrusqueira, tan digna de vivir, de casar, de ter familia…, que en vésperas diso estaba! Os anxos queríana viva, pero aos diabros estorbáballes, como ben demostraron con aqueles disparos, dous, que dous recibiu, un no peito e outro na fronte; un de parte de cada matón.

¿Así que os Gardas buscaban indicios, comentarios, suposicións, entre a xente destes lugares? Confirmáronmo, aínda que sen intención, no resto daquela conversa-interrogatorio tan redundante. Agora foi o número o que intentou tirarme da lingua:

-Se eu tivese un avó así, que ademais de sabio é unha autoridade, en vez de meterme na Benemérita, faríame periodista, deses que escriben nos periódicos… Precisamente nestes días, o primeiro que lle ía preguntar sería sobre a súa opinión dun crime tan irracional como foi ese de aí atrás, ese de Santadrao, unha moza co único delito de querer casar…!

Tentei saír daquel acoso facéndome o bobo, cousa doada nun rapaz de poucos estudos (daquela, pois agora estou saturado deles):

-¿E logo, casarse é un delito…? ¡Agora me explico que os Curas vaian para santos, todos, a feito! Pero meu avó di que só acadan a santidade aqueles que teñan por Ama unha vella derreada…

-Non, rapaz, casarse non é delito…, cando se elixe con acerto! No caso que nos ocupa, ¿qué lle parece a teu avó, esa rapaza valía para a casa onde a ían casar, ía por bo camiño?

Isto díxoo o Cabo, un veterano en interrogatorios, pero eu, aínda que neno, lerchán non:

-¡O camiño xa o ven, que non ten perda, pois desde Santadrao non hai outra opción para ir á Misa, ao convento, que vir aquí por Cepomundín, por xunto desta Cruz da Granda, tamén chamada da Fonte de Matahomes, ou baixar ao Vilar de Riba, e desde alí, á Cruz da Louseiras, curvando no Rego dos Ósos…!

-Neno, camiño, no asunto ao que nos referimos enténdese pola decisión matrimonial, e teu padriño, teu avó, coas referencias que nos deches del, non creo que sexa tan bobo que non teña unha opinión ao respecto! Ti mesmo, ocultándonos a súa opinión, estalo desacreditando…
-.-

Padriño, padriño e avó, tan querido e tan admirado que de min fuches, e segues séndoo, tes que perdoarme que naquela ocasión pasase de chufarte a darte de necio e desinformado, pois fíxeno adrede, pero polo teu ben, pola túa seguridade, tanto ante os Gardas como con respecto aos veciños, iso de facerme, e de paso facerte, o idiota, tan eficaz que foi para que aqueles Civís optasen por calar…, ata un punto do camiño no que xa se vían as casas de Veiga, que esa foi a orixe, a causa, daquela ingrata compañía! Ben me lembrei, ben, de cando aquel Cabo de Gomeán che quixo arrebatar a túa propia caxata para moucirte a paus en vista de que non lles descubrías o paradoiro do teu sobriño Daniel, aquel desertor que preferiu esconderse na Marronda antes que expoñerse aos mineiros de Asturias, aos dinamiteiros de Asturias, galegos coma ti, coma nós, na súa inmensa maioría, daquela, na do 36. ¿Verdade que estiven acertado? Nese caso quedo exonerado na túa memoria, ¿non si? ¡Deica logo, avó, que seguiremos falando aí Arriba, para que me ensines o que che quedou sen dicirme!

.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES