Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Semente de coplas, froito discográfico

viernes, 10 de marzo de 2017
Testemuñas da Memoria
Semente de coplas, froito discográfico

Teño que recoñecer que cando asistín á súa actuación na casa de cultura da Valenzá, non sabía nada do grupo Xestreu, e a pesar de que seica xa actuaron outra vez máis en Barbadás (claro que, un servidor, non pode asistir a todos os eventos que se levan a cabo nesta vila. Quen puidera!) e a pesar de que, segundo o San Guguel (do que agora sempre botamos man), tamén actuaron en Baños de Molgas. En Baños de Molgas! A miña vida!
Semente de coplas, froito discográfico
Si coñecía o nome de Xestreu, porque é un nome pintoresco, curioso e bonito, e porque o vira anunciado en carteis ou en novas que lanzaban os xornais, pero, repito, non sabía moi ben que facían. Pecado mortal, pois, para máis aquel, cando as vin asomar polo escenario, polo menos a dúas das súas compoñentes creo que as coñecía de vista. E si, eran e son da Valenzá. E si, sendo da Valenzá, non teño perdón por non saber nada delas.

Coa primeira peza, “A trenza”, xa me deixaron un chisco pampo. Con ela xa souben que ía escoitar cantigas de raigame popular. Logo, durante toda a actuación, admireinas e readmireinas porque non só botaban man das tradicións máis achegadas, das pezas da nosa terra, senón que se abrían a outras rexións e incluso a todo o mundo. Por aí asomaron pezas do Magreb, de Portugal, dos Cárpatos ucraínos, de México, do Piamonte italiano e incluso da cultura cherokee. E, coidadiño, non eran pezas para presumir de internacionalidade, pois ás leguas notábase que estaban cantadas con tal sinxeleza e con tanto cariño que non quedaba outra que trasladarse, que soñar con esas melodías nas que debuxabas moi perfectamente as tradicións deses pobos homenaxeados. Quedei máis que alucinado cunha cantiga en sefardí titulada “Adío”, con arranxos do propio grupo.

A actuación de Xestreu rematou, como non podía ser doutra maneira, con dúas pezas que case se poden considerar como os auténticos himnos das cantigas tradicionais galegas: “Camariñas” e “A rianxeira”.

O grupo Xestreu seica comezou de casualidade: dúas compoñentes procedentes dunha agrupación de danzas tradicionais decidiron xuntarse de cando en vez para botar unhas coplas, tomando uns “chupitos” de Chartreuse (en galego Xestreu, de aí o nome). Case sen querer, a semente empezou a brotar, e aínda que uns talos secaron, uns compoñentes marcharon outros asomaron. Corría o ano 2001. Eran nove mulleres que, na actualidade, quedaron en cinco. Das nove orixinais quedan tres. Ás veces contan coa colaboración de José Antonio Varela co saxofón e de José Miguel Gómez na percusión.

Sigo entoando o mea culpa da miña ignorancia ante este grupo. Non é moco de pavo actuar no Festival de Ortigueira en 2004, nin en Salamanca, nin en Pontevedra e Vigo, nin na TVG, nin en Portugal. Na provincia de Ourense, agora, dámonos por informados, por sabidos.

Cinco mulleres a admirar porque teñen que compaxinar as súas vidas laborais e familiares coa música (todas con fillos, menos unha, que, pola contra, vive en Santiago e para os ensaios... xa imaxinades). Quen vive hoxe da música? É máis, quen vive hoxe da cultura? Todas elas auténticas heroínas que están a piques de parir, de sacar o seu primeiro froito discográfico. Ánimo, Xestreu, que a difusión da cultura, das tradicións, dos pobos, das vidas dos pobos hai que escribilas con letras de ouro e cantalas con voces de rulas e pombas.

Ana María Quintas, de Ourense, funcionaria, nai de dous fillos. Nina Liceras, de Vigo, empregada de banca, nai de xemelgos. Nila Isabel Caballero, de Ourense, mestra infantil e nai dun cativiño aínda. Celia Garrido, nada en Euskadi, mestra de primaria, nai de dous fillos. E Sabela Dacal, nacida en Francia, profesora de piano, sen fillos. Todas elas, heroínas de sentimentos devanceiros.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES